Obra social de Caixa Galicia. Medio ambiente.

Maio, 2008

                                                                                                                 Actualizado ás 10:57:26 do día 10.05.08

www.canalciencia.com
Boletín de novas da ciencia


 

  As novas dos últimos días

Descuberto un novo mecanismo de regulación da inxestión

O equipo de traballo da USC

Investigadores da USC, en colaboración con especialistas da Universidade de Cambridge, descubriron un novo mecanismo fisiolóxico co que demostran como unha hormona periférica producida polo estómago, a ghrelina, modula a inxestión no hipotálamo, unha parte do sistema nervioso central. Publicado na prestixiosa revista internacional Cell Metabolism, o traballo recolle que “este mecanismo está implicado na sensación de fame que se sinte tras un período de xaxún e que impulsa a comer”.

A importancia fisiolóxica do modelo radica en que a inhibición xenética ou farmacolóxica do mecanismo descuberto elimina o efecto estimulador da inxestión, que desenvolve a ghrelina. Como apunta un dos directores do estudo, Miguel López, este novo mecanismo convértese nunha posible diana terapéutica “moi atractiva para tratar ao longo dos vindeiros anos a obesidade e patoloxías asociadas que, actualmente están a alcanzar proporcións de pandemia nos países occidente”.

 

XIII Día da Ciencia na Rúa

O sábado 10 de maio celébrase na Coruña o XIII Día da Ciencia na Rúa. Estudantes de centros escolares  da Coruña, Betanzos, Cambre, Oleiros, Culleredo, As Pontes, Sada, Ribadeo e Carballo poderán participar en diferentes actividades como a identificación de pegadas e rastros de animais, observación ao microscopio de areas de diferentes partes do mundo, experiencias sobre bioconstrucción e enerxías renovables, lanzamento de foguetes de auga, disecciones de ollo e corazón de animais ou na exposición e demostración do funcionamento dun forno solar.

Participarán un total de 18 entidades e empresas, como a Agrupación Astronómica Ío, que disporá telescopios para a observación do ceo, a Asociación Galega de Axedrecistas, que celebrará partidas de xadrez xigante e un torneo de partidas rápidas, ou a Asociación Galega de Apicultura, que mostrará un enxame de abellas e un taller de velas.
 

Máis información seguindo esta ligazón.

Curso de Saúde Ambiental en LugoRío Eifonso, Vigo. Imaxe de Carlos Cifuentes.

Lugo será novamente no mes de xuño a sede da XXXVI edición do Curso de Saúde Ambiental e mais o Congreso provincial de Medio Ambiente, presentado este martes na Fundación Caixa Galicia e organizado polo profesor Francisco Peña coa colaboración das distintas Administracións Públicas, da Obra Social de Caixa Galicia e da USC.

O obxectivo fundamental do curso écontribuír ao desenvolvemento sostible da provincia de Lugo, a mellorar a xestión nos aspectos ambientais da saúde dos concellos lucenses e con isto as condicións de vida urbana, tendo presente o peso específico que ten no medio ambiente como xerador de actividades capaces de producir emprego, renda, saúde e benestar á poboación.

O congreso terá lugar entre o 2 e o 6 de xuño con sede na Fundación Caixa Galicia. Constará de oito sesións plenarias e unha exposición sobre a reserva da biosfera Terras do Miño na que participarán expertos das tres universidades galegas e da UPM; responsables e técnicos das Consellarías de Sanidade, Medio Ambiente e Industria, do Ministerio de Medio Ambiente e dos concellos, así como xestores de empresas relevantes de Galicia. Está prevista a intervención dun total de 42 relatores. O programa completarase con visitas prácticas á Reserva da Biosfera Terras do Miño, á ETAP, á EDAR ao Punto Limpo de Lugo e ao Balneario e Termas Romanas.

Toda a información sonre a convocatoria está dispoñíbel neste enderezo.

Darwin na USC

A Universidade de Santiago celebrará ao longo de 2009 o Ano Darwin cun programa de actividades que conmemora os 200 anos do nacemento de Charles Darwin e os 150 da publicación da súa obra A orixe das especies.

O programa de actos presentouse en rolda de prensa o mércores, 7 de maio, na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca. Intervirán os profesores Helena de Carlos e Francisco Díaz Fierros e os decanos de Medicina, Bioloxía e Ciencias da Educación, José María Fraga, Jaime Gómez Márquez e Luis Ferradás, respectivamente.

 

Recuperación de solos contaminados con metais pesadosMarta Pazos. Imaxe da Universidade de Vigo.

A investigadora Marta Pazos defendeu a  tese de doutoramento sobre a recuperación de solos contaminados con metais pesados. Segundo a investigadora da Universidade de Vigo, empregando técnicas de electrorremediación eses solos poderían recuperarse completamente. O proceso baséase na aplicación de correntes que, por diferentes procedementos, mobilizan aos contaminantes de modo que poden ser eliminados.

Marta Pazos analizou solos galegos contaminados —As Pontes, Narón—, e tamén, grazas a un proxecto de colaboración con Arxel financiado pola OTAN, puido tratarse unha mostra dese país contaminada con chumbo.

 

Control de virus e parasitos das patacas

O control da transmisión de enfermidades das patacas de Galicia é o obxectivo do grupo de Protección vexetal, viticultura e arbustos froiteiros do Campus de Lugo, composto por cinco profesores e dirixido por Cristina Cabaleiro.

O equipo investigador lugués traballa nunha parcela do Instituto do Campo de Xinzo de Limia (INORDE) nun sistema de detección dos virus considerados graves na pataca. Estes son os implicados na diminución da produción e transmitidos por pulgóns. O control destes insectos significa tamén un freo para a virose, xa que non existe tratamento unha vez contaxiada a planta.

O grupo de Protección vexetal utilizou un sistema de diagnose serolóxica utilizando como soporte membranas de nitrocelulosa que permite resultados rápidos analizando un elevado número de tubérculos sen supor un elevado custe. Ademais traballan no control das poboacións do nematodo Globodera. A infestación do solo polos quistes do nematodo dá lugar a ataques que limitan o crecemento da planta atacando a raíz, pero o perigo principal está no feito de que pode permanecer no solo durante anos, atacando as novas plantacións, polo que o tratamento do chan é, unha vez realizada a diagnose positiva, unha prioridade.

Na procura de alternativas de métodos de control destes e doutros patóxenos, este equipo estuda a solarización e a biosolarización, unha combinación de ambos métodos.

 

 V Curso de Xeoquímica Ambiental Aplicada da UNED

A Universidade de Educación a Distancia (UNED) vai impartir no seu programa de Cursos de Verán o V Curso de Xeoquímica Ambiental Aplicada.

A inscrición comezou o seis de maio e rematará cando as prazas estean cubertas. O curso celebrarase do sete ao once de xullo en Ávila.

A solicitude de inscrición, programa do curso, calendario e horario están dispoñíbeis neste enderezo.

 

Suicidio das células produtoras da hormona de crecemento De esquerda a dereita, Carlos Diéguez, Monserrat García e Clara Álvarez

Un estudo da USC galardoado recentemente co IV Premio Sergio Vidal aborda os mecanismos que controlan o número de células produtoras da hormona do crecemento, as somatotropas, inducíndoas ao suicidio cando superan un certo nivel. A autora do traballo, Monserrat García Lavandeira, explica que teñen que estar “moi controladas” posto que se aumentasen en exceso seríamos seres xigantes “con poucas posibilidades de sobrevivir no noso medio”.

En concreto, a investigación centrouse na análise da hipófise, glándula situada no medio da cabeza que produce ditas hormonas. Estas non só xestionan o crecemento do individuo senón tamén a súa correcta función cardiovascular e ósea.

Monserrat García apunta que os mesmos mecanismos causantes do suicidio celular preveñen tamén a súa metástase. Esta achega explica por qué nas células somatotropas os tumores son infrecuentes e sempre benignos. Así, de cara ao futuro, a investigación aproveitará estes coñecementos para deseñar terapias que controlen os tumores doutras células onde non son “tan benignos nin pequenos”.

O estudo, dirixido pola profesora Clara V. Álvarez, realizouse no Departamento de Fisioloxía da Facultade de Medicina da USC e contou coa colaboración de investigadores de Sevilla, Milán e Nova York .

 

O Museo de Anatomía Comparada da Facultade de VeterinariaVista dunha das salas do Museo.

O Departamento de Anatomía do Campus lugués  da USC mantén de forma autodidacta un museo con máis de 300 pezas entre as que figuran 43 esqueletos completos. Co obxectivo principal de asistir á docencia, o seu interese transcendeu ese límite ata chegar aos colexios e institutos, onde a visita a este centro se considera unha actividade complementaria aos seus estudos nas materias de Coñecemento do Medio, Ciencias Naturais ou Bioloxía.

Son preto de 300 pezas as que compoñen o complexo museístico, dividido en dúas salas e varias vitrinas, nas que se combinan os modelos analíticos artificiais coas pezas naturais. Actualmente, o museo conta con 43 esqueletos completos montados, 160 pezas óseas soltas das testas, 20 pezas naturais que non forman esqueletos e 60 modelos anatómicos artificiais.

O compendio do museo está dedicado principalmente ás especies domésticas como o can ou o gato, e aos ungulados, tanto ruminantes como non ruminantes. Tamén teñen especies salvaxes, maioritariamente as existentes no contorno lugués. Nun principio o traballo cinguíase ás especies de traballo común do veterinario, pero pouco a pouco o interese por novas mascotas obrigou a modificar o traballo dos profesionais e fixo tamén máis variado este museo.

O museo está estruturado tematicamente. As dúas salas están destinadas á exposición dos esqueletos completos e nelas tamén se poden ver partes da estrutura ósea ou das vísceras dos animais. Destacan entre eles pezas curiosas como unha aleta de rorcual ou órganos de grandes mamíferos que foron deshidratados e recheos con poliuretano para dar un aspecto real, tales como estómagos, tractos intestinais ou pulmóns.

 

As  partes dunha vaca

Titulada O léxico da vaca: nomes baseados no físico, unha tese da USC recolle máis de 1.100 palabras empregadas en Galicia para designar as partes dunha vaca. O traballo, que se defende este martes na Facultade de Filoloxía, realizouno o doutorando do Departamento de Filoloxía Galega, Xosé Afonso Álvarez Pérez, e dirixiuno o profesor Manuel González.

Ademais de ofrecer a distribución xeográfica do léxico, a investigación mostra individualmente cada unha das formas dende diferentes perspectivas ofrecendo unha análise morfolóxica, etimoloxía, primeiras documentacións, tratamento lexicográfico ou vitalidade na literatura.

Deste xeito, Xosé Afonso Álvarez estudou a posible orixe de moitas das palabras como, por exemplo ‘cuxo’. Esta serve para denominar a cría da vaca e “podería ter sido creada a partir dunha voz de chamada ou polo ruído de succión do animal”. O novo investigador tamén destaca a “abraiante” cantidade de léxico como “forca, gadaña e picaña” que, ademais de designar apeiros de labranza, serven para referirse aos cornos da vaca segundo a súa forma.

 

Xeomagnetismo e suicidios

Unha nota publicada en New Scientist recolle a estraña investigación dun xeólogo da Academia Rusa de Ciencias. Oleg Shumilov fixo un estudo estatístico dos campos xeomagnéticos desde 1948 até 1997 que revelou tres picos estacionais anuais: de marzo a maio, en xullo e en outubro. Curiosamente, segundo Shumilov, os picos de actividade xeomagnética coincide cos máximos de suicidios na cidade de Kirovsk, no norte de Rusia.

Shumilov recoñece que unha correlación como esta non significa necesariamente a existencia dun nexo causal. Non obstante, tamén indica que  outros estudos suxiren unha relación  entre a saúde humana e o xeomagnetismo, as tormentas magnéticas ou aos efectos na Terra das laparadas solares.

Kelly Posner, psiquiatra na Universidade de Cornell, cre que a asociación entre uns e outros fenómenos cómpre buscala na actividade da glándula pineal, a encargada dos ritmos circadianos e a produción de melatonina.

 

As novas de marzo de 2008
Suicidio das células produtoras da hormona de crecemento
O Museo de Anatomía Comparada da Facultade de Veterinaria
As  partes dunha vaca
Xeomagnetismo e suicidios
Achegamento ao cerebro humano a traveso das lampreas
Inaudito. A aventura de oír
Seminario internacional de usos sociais de parques periurbanos
Máis exercicio
Reciclaxe de disquetes na USC
Precisión 107
Operación Carballo
Campaña S.O.S. CLIMA de Amigos da Terra
Vixilancia dos efectos do cambio climático
Segunda edición dos Premios Climántica
Exposición O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción
Día do científico galego
Asteroides próximos para o que queda de abril de 2008
Miguel A. López, premio EASO Young Investigator Awards for Basic Science
VIII Foro Tecnolóxico de Emprego
Gaspar en Baiona
Concurso de proxectos de mitigación do cambio climático
Congreso sobre enerxía solar na Universidade de Vigo
Precisión 106
Botes recuperado e en liberdade

Hai un ano

Maio de 2007

Operación Carballo en Soutomaior
Dúas toniñas
As trampas de Corea do Sur
Operación Carballo en Gondomar

Unha imaxe

Garzotas e garzas
na Foz do Miñor

Garzota (Egretta garzetta).

Garza real (Ardea cinerea)

Estas imaxes pertence a unha serie de fotografías colgadas no sitio de Carlos Cifuentes. Trátase dunha garzota e unha garza real na Foz do Miñor.

Vídeos

Máis animais na Lista Vermella

A IUCN vén de incluír ao tiburón martelo na Lista vermella de especies en perigo. Seica, dentro de pouco, só quedarán vídeos coma este para saber o que foron estes animais.

 

O polbo invisíbel

Un impresionate vídeo dun polbo. Non se preocupe se non ve ao animaliño durante os primeiros segundos.

Animacións de supernovas

Estes dous vídeos collidos de Youtube son unhas bonitas animacións de explosións de supernovas.

Paramecios en acción

Un bonito vídeo con paramecios e outros ciliados dando unha volta nunha pinga de auga.


Queres extraer ADN?

Segue as instrucións deste vídeo de YouTube.com . Funciona. Garantizado.


 

A web

 

CEMMA

A CEMMA é a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños. Os seus obxectivos son o estudio e conservación dos mamíferos mariños e a promoción de todas aquelas accións de divulgación que permitan que o público coñeza a situación destes animais.

+ Ligazóns

Lembramos...

A orixe tardía dos intróns
(Maio de 2003)

Os intróns son anacos de ADN que non se expresan baixo a forma dunha proteína. Nos xenes están entre os exóns (os anacos que si codifican o producto xenético, as proteínas, ou teñen algunha función de control).

Un grupo de investigadores do que forman parte  Francisco J. Ayala, do departamento de Ecoloxía e Bioloxía da Universidade de California en Irvine, Rosa Tarrío, pertencente á Misión Biolóxica de Galicia e Francisco Rodríguez Trelis, da Unidade de Medicina Molecular do Hospital Clínico da USC veñen de esclarecer cal é a orixe dos intróns cunha defensa da chamada teoría ‘tardía’. Na actualidade existen dúas teorías para explicalo, chamadas ‘temperá’ e ‘tardía’. A primeira di que os primeiros xenes eran moito máis curtos cós actuais e estaban separados por anacos de ADN espaciadores. Segundo esta teoría, os xenes actuais proveñen da recombinación daqueles minixenes.Os  intróns serían os descendentes deses ‘espaciadores’.

A teoría  tardía di que os intróns orixináronse hai pouco tempo. Daquela, e consonte o estudio deste grupo de biólogos, os intróns non tiveron moita importancia na orixe dos actuais xenes.

 

Un libro

 

La mente
Introducción a las ciencias cognitivas

Paul Thagard

Katz Editores vén de publicar en español unha das últimas obras de Paul Thagard, profesor na Universidade de Waterloo, Canadá. Trátase de La mente. Introducción a las ciencias cognitivas.

As ciencias cognitivas abordan o estudo da mente e mais a intelixencia desde unha perspectiva transversal, coa participación da filosofía, a psicoloxía, a intelixencia artificial, a neurociencia, a lingüística e mais a antropoloxía.

Nesta obra  Paul Thagard fai unha descrición e avaliación das principais teorías da representación mental, unha recompilación sistemática que inclúe a lóxica, as regras, os conceptos, as analoxías, as imaxes e as conexións coma as redes neuronais artificiais). É unha mostra das contribucións feitas por diferentes pólas das ciencias cognitivas ao coñecemento do funcionamento da mente.

A lectura de La mente é unha clara introdución ás ciencias cognitivas que non esixe coñecementos previos.

 

Canal Ciencia 1999-2008. ISSN 1988-7264