Creados os elementos químicos 115 e
113
Un equipo de físicos do Instituto
de Investigación Nuclear en Dubna, Rusia, e do Laboratorio
Nacional Lawrence Livermore (LBLN), Estados Unidos,
crearon os elementos
químicos 115 e 113. O elemento 115 apareceu logo de
bater un branco de americio-243 con núcleos de calcio-48.
Durante dez milisegundos apareceron dous isótopos do
elemento, un con 173 neutróns e outro con 172 neutróns. Logo
emitiron partículas alfa para formar o elemento 113.
O descubrimento está pendente dunha investigación
independente sobre todo despois do escándalo sobre o elemento
118. Lembremos o asunto. Contra 1999, físicos nucleares do
LBNL e da Oregon State University, Estados Unidos,
anunciaron nun artigo publicado no Physical Review Letters
o descubrimento do elemento químico 118. O primeiro asinante
foi o físico Victor Ninov.
A sorpresa viu cando o LBNL mediante unha nota de
retractación retiraba os resultados que indicaban a creación
de 118 e coñecíase o despido de Victor Ninov. Ningún
laboratorio do mundo, mesmo o propio LBLN, era quen de repetir
o experimento e confirmar os resultados.
Contra novembro de 2001, un comité independente comezou
unha investigación interna que revisou todo o proxecto
descartando unha por unha todas as posibles explicacións técnicas.
A investigación rematou botando toda a responsabilidade sobre
as costas de Ninov e exculpando aos catorce científicos que
asinaron o artigo.
|