«« canalciencia.com

Premios Nobel 2006 »»

PREMIOS NOBEL 2005

Medicina- Física- Química


++++
Fisioloxía e  Medicina



Barry J. Marshall



 J. Robin Warren

Medicina

O Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina de 2005 foi para os biomédicos australianos Barry Marshall e Robin Warren. Ambos os dous son os descubridores de que a bacteria Helicobacter pylori sexa a causa da úlcera gástrica.

A bacteria ten unha forma espiralizada e forma colonias no estómago. Case a metade da poboación posúe estas colonias de Helicobacter pylori no seu aparello dixestivo. Dun dez a un quince por cento desenvolven úlceras que poden provocar hemorraxias e complicacións graves na saúde. Nos países non desenvolvidos a porcentaxe de portadores da bacteria pode chegar a un setenta por cento. Vai pasando de persoa a persoa a traveso da auga de bebida. En todos os países pasa da nai ao fillo cando o embarazo.

Contra 1982, Marshall e Warren decatáronse que a bacteria era a causante da gastrite e mais das úlceras de estómago e duodeno. Daquela pensábase que era o estres a causa destas enfermidades. Na mesma arriscada tradición doutras investigacións biomédicas o propio Robin Warren inoculouse a bacteria.

O achado permitiu tratar as úlceras de estómago con antibióticos, iso si con todas as prevencións para evitar o desenvolvemento de resistencia fronte a estes medicamentos.

Barry Marshall naceu en Nedlands, Australia en 1951. Robin Warren naceu en 1937 en Perth, tamén en Australia.

^


Física



Roy J. Glauber


John L. Hall 


Theodor W. Haensch

Física

O Premio Nobel de Física de 2005 outorgouse a dous científicos estadounidenses, Roy J. Glauber e John L. Hall,  e  mais ao cidadán alemán, Theodor W. Haensch. 
A Roy J. Glauber que leva a metade do premio pola súa "contribución á teoría cuántica da coherencia óptica", mentres que Hall e Haensch, que levan cadanseu cuarto, polas súas contribucións ao desenvolvemento da "precisión espectroscópica baseada no láser".

Roy J. Glauber é neoiorquino. Naceu en 1925 e traballa na Universidade de Harvard onde estudou.  Alí ocupa desde 1976 a cátedra Mallinckrodt de Física. Glauber ten un recoñecido prestixio mundial é por iso forma parte do consello editorial das máis importantes publicacións do mundo da Física. Ademais, é profesor convidado nas principais institucións de investigación estadounidense e posúe os máis importantes premios do eido da Física. O seu traballo centrouse na descrición teórica do comportamento das partículas da luz.

John L. Hall naceu en 1934 en Denver. Traballa desde 1971 no National Institute of Standards and Technology da Universidade de Colorado. Estudou no Carnegie Institute of Technology. Tamén é un prestixioso físico cos máis importantes galardóns.

Pola súa parte, Theodor W. Haensch naceu en  Heidelberg, Alemaña, en 1941. Haensch estudou na súa cidade natal e logo marchou aos Estados Unidos (1970). Dous anos despois foi profesor no departamento de Física da Universidade de Stanford. En 1986 volveu a Alemaña. Hoxe é o director do Instituto Max-Planck de Óptica Cuántica de Garching e catedrático de Física na Universidade Ludwig-Maximilian de Múnic.

Hall e Hänsch recibirán a metade do Nobel de Física  polo desenvolvemento da espectroscopía con láser que permite determinar a color da luz dos átomos e das moléculas con extremada precisión.

^


Química



Yves Chauvin



Robert H. Grubbs



Richard R. Schrock

Química

O Premio Nobel de Química de 2005 outorgouse a Yves Chauvin, Robert H. Grubbs e Richard R. Schrock, en tres parte iguais. A razón é o desenvolvemento dos métodos de metátese na síntese orgánica. Grazas aos novos procedementos dos tres investigadores é posíbel a fabricación de novas moléculas, empregadas, por exemplo, como medicamentos ou como catalizadores.

A metátese é un procedemento químico polo que algúns átomos ou grupos seleccionados cambian de lugar nunha molécula. Sen variar a súa composición química podemos obter variacións dunha mesma susbtancia pero con diferentes propiedades variando a súa estrutura e organización espacial.

Yves Chauvin  é francés e naceu en 1930. Traballa no Institut Français du Pétrole. Grubbs e Schrock son estadounidenses. Naceron en 1942 e 1945, respectivamente. Grubbs traballa no Caltech e Schrok no MIT. Os tres científicos traballaron en especial no desenvolvemento de catalizadores á busca de procedementos químicos máis eficaces e limpos.

^