Obra social de Caixa Galicia. Medio ambiente.

 

 


Boletín de novas da ciencia


A traveso de Operación Carballo preténdese que os participantes establezan unha relación de respecto e amizade coas árbores. Anímase aos galegos e as galegas para que manteñan un pequeno viveiro de carballos na súa casa, escola, oficina..., que no momento apropiado poidan empregarse para a repoboación dos estragados montes do país.

 
 

Operación Carballo en Tempos Novos

No número 121, de xuño de 2007, publicamos en Tempos Novos un artigo sobre a Operación Carballo: como foi o verán de 2006a súa pequena historia, as actividades feitas, a participación de Caixa Galicia e outras entidades...


 


Operación Carballo en Soutomaior

Uns rapaciños plantan un piñeiro.O pasado verán Soutomaior foi un dos concellos máis castigados polo lume. Unicamente é necesario dar unha volta por calquera das súas estradas e botarlle unha ollada aos montes. 

Por esa razón, o Colexio Santiago Apóstol foi dos primeiros en sumarse á Operación Carballo. Desde os primeiros días de setembro a profesora Ana Aguiar organizou os grupos de recolleita de landras e envases. 

 

Unha mociñas plantan unha carballiza.Despois a plantación das landras e o seu coidado durante o curso. A semana pasada chegou a última fase, a plantación das arboriñas.

Nun terreo cedido polo concello onde existe un parque destinado a manter en forma aos maiores do concello, os alumnos e alumnas do Colexio Santiago Apóstol levaron á terra as súas carballizas. Persoal do concello e os propios rapaces xunto a súa profesora Ana Aguiar vixiarán o desenvolvemento das carballizas.
Segue a Operación Carballo

Os alumnos e alumnas do IES Auga da Laxe de Gondomar veñen de facer balance no seu viveiro de arboriñas.

En total están dispostas máis de cincuenta carballizas, dez castiñeiras, dezasete plantóns de camelia e cinco nogueiras. Os rapaces e rapazas de Gondomar puxeron as arboriñas a disposición dos interesados do seu instituto.  As que queden serán plantadas no propio centro e nun terreo disposto pola Comunidade de montes de Gondomar.

Comeza a plantación das carballizas

Comeza a plantación das carballizasO Centro de Maiores de Caixa Galicia de Pontevedra foi o primeiro en comezar coa plantacións das carballizas desenvolvidas a partir das landras plantadas no outono- inverno. Por iso, na mañá do venres 20 celebráronse varios actos para inaugurar a fase de levar á terra os pequenos caxigos. 

No Centro de Maiores da Praza de San Xosé pontevedresa, o biólogo Roberto Figueroa explicou a composición das masas arbóreas autóctonas e a súa importancia. Os asistentes á charla, socios do Centro de Maiores, preguntaron as súas dúbidas e expuxeron as súa experiencias coas fragas, soutos e devesas do país.

Comeza a plantación das carballizasDespois, a concelleira de parques e xardíns do Concello de Pontevedra e os responsábeis da Fundación Caixa Galicia e Obra Social de Caixa Galicia presentaron esta fase da Operación Carballo, destacando a grande participación dos socios dos centros de maiores e dos colexios de toda Galicia.

Nun terreo cedido polo Concello de Pontevedra, situado á beira do Lérez e da Illa da Esculturas, os maiores do centro de Pontevedra deron os primeiros pasos do que seguro será a máis fermosa das carballeiras.

 


Operación CarballoO pequeno manual de plantabosques.

Xa comezan os traballos de plantado dos pequenas carballizas. Cada grupo vai arranxando o asunto do terreo segundo as súas posibilidades e a disposición dos donos do solo.

O Obra Social de Caixa Galicia editou un tríptico que servirá de axuda para facer un bo traballo cos plantóns. O pequeno manual de plantabosques permitirá que as nosas carballizas boten boas raíces e permanezan na terra moitos, moitos anos.

Operacións Carballo

A Operación Carballo de André Chamadoira.André Chamadoira, logo da desfeita do lume do verán de 2006, decidiu manter un viveiro de arboriñas para plantalas. Agora ten máis de trinta carballizas preparadas para ser levadas a terra, á veiga que posúe, Pomarbella, entre Mirón e Borela, e que ardeu cos lumes do verán.

André fixo unha abraiante reportaxe fotográfica coa evolución do seu viveiro desde os terríbeis días de lume até hoxe mesmo.

Ademais, estivo pescudando sobre cando era o mellor momento para facer o transplante. A súa recomendación: comezar dentro dun par de semanas.


As carballizas do Centro On

O Centro On de Caixa Galicia, na Coruña, mantén o seu viveiro de carballos e os primeiros xa están asomando a súa "cabeciña". Pode observalos no Cantón Pequeno, 9-11,  na Coruña.


 

Primeiras arboriñas

Son as primeiras arboriñas que nacen nesta Operación Carballo de 2006. As landras plantámolas nos primeiros días de outubro e hoxe, dous de decembro, xa están así as carballizas e mostran este aspecto. 

Son as primeiras, agardamos,  de moitísimas máis.

 


 

Operación Carballo no Colexio Santiago Apóstol de Soutomaior

Operación Carballo no Colexio Santiago Apóstol de SoutomaiorA Operación Carballo segue dando pasos adiante. Desde o Colexio Santiago Apóstol de Soutomaior mandáronnos unha reportaxe fotográfica da plantación de centos de landras que, se cadra, axudarán a repoboar os montes do concello. Nos lumes do pasado verán queimouse unha enorme superficie dos montes de Soutomaior e mesmo parte das instalacións e da contorna do Colexio Santiago Apóstol víronse afectadas.

A Operación Carballo do Colexio Santiago Apóstol de Soutomaior está coordinada pola profesora Ana Aguiar, quen, xa desde setembro, estivo a procura de landras e envases.

Operación Carballo


 

Operación Carballo para centros escolares

Obra Social de Caixa Galicia estende a Operación Carballo a todos os centros escolares interesados. Desde setembro, tanto a Obra Social de Caixa Galicia como o Centro ON da mesma entidade dirixen os seus propios proxectos a partir da iniciativa de canalciencia.com.

Neste enderezo da Obra Social podes atopar máis detalles e mais o boletín de participación.


 

Novas da Operación CarballoUnha semana despois da primeira imaxe, a raíz da 'landra do caldeiro' segue medrando e botando novas raiciñas :-)

A Operación Carballo segue adiante. A Obra Social de Caixa Galicia e mais o Centro ON da mesma entidade están desenvolvendo o seu proxecto nos centros de maiores, escolar e na propia sede do Centro ON. O mesmo ocorre en dous centros de ensino, no IES Auga da Laxe de Gondomar e, baixo a dirección de Ana Aguiar, no Colexio Santiago Apóstol de Soutomaior. Ademais, outros institutos de Pontevedra xa puxéronse a deseñar ou seus propios plans de traballo, tal como fixo o Centro de Educación Ambiental Castrelo de Sobroso e a histórica ADEGA cunha abraiante recollida de landras.

O destaque da prensa  é esta reportaxe de Rebeca Fernández en Galicia Hoxe sobre a Operación Carballo no IES Auga da Laxe.

 

As landras botan raícesAs landras botan raíces

Unha landra das destinadas para a Operación Carballo, esquecida nun caldeiro húmido, xa botou unha pequena raiciña. Os envases transparentes de auga son os máis apropiados para observar a xerminación das sementes e ver o crecemento radicular.

Seguiremos os cambios que vaia experimentando a landra do caldeiro.


 

Operación Carballo na prensa das últimas semanas:


 

En Ponteareas

O 17 de outubro tivo lugar no Centro de Educación Ambiental do Castelo do Sobroso unha actividade de plantación de sementes do carballo.

O que se pretendía con esta actividade, coñecida como Operación Carballo, era dar a coñecer o arboreto autóctono, centrándonos básicamente na especie Quercus robur, ademais do efecto negativo da plantación de especies alóctonas, Eucaliptus globulus ou eucalipto. Tivo gran acollida, sendo o número de participantes arredor de 50.

Máis en Vigo Metropolitano


 

En Gondomar

É tamén en Gondomar onde un grupo de alumnos e alumnas de 4º de ESO do IES Auga da Laxe comezou cos labores do que será o seu  pequeno viveiro de árbores. Polo momento, os alumnos e alumnas de Gondomar plantaron as sementes precisas para obter unha colección de sesenta carballos, vinte castiñeiros, vinte nogueiras, outros vinte loureiros e outras especies. Como macetas, os alumnos do IES Auga da Laxe empregaron 0os envases tetrabrick  procedentes dos seus fogares e reciclados para prestaren este servizo. Desde o comezo deste curso, os rapaces e rapazas de Auga da Laxe recolleron landras, noces e castañas, seleccionaron as máis axeitadas e prepararon os envases para formar o viveiro. O traballo de sementeira seguirá durante o mes de outubro.

Ademais, Cada árbore contará cunha ficha na que consta a data da sementeira, a persoa encargada do seu coidado e, no seu tempo, apuntarase a saídas das primeiras follas e calquera circunstancia relacionada co seu desenvolvemento. Ao remate do curso, as árbores quedarán a disposición do profesores e alumnos do centro e das xuntas de montes de Gondomar.

IES Auga da Laxe


Segue a Operación Carballo

A Operación Carballo segue adiante nas diferentes centros e entidades que desenvolven actividades relacionadas. Tal é o caso dos centros da Obra Social de Caixa Galicia xa en marcha desde o pasado 13 de outubro. Ese primeiro foi a Centro de Maiores de Lugo. Seguiulle o día 18 o Centro de Maiores de Betanzos e para os demais está previsto o seguinte calendario:

 

1. Setembro- outubro: Recollida das landras de carballo Quercus robur.

  • Procuraremos que non teñan puntos nin marcas de actividade de insectos. 

  • Gardarémolas nun lugar seco e onde non lles dea directamente a luz do Sol (se lles dá moito estráganse en catro ou cinco días). 


2. Tamén setembro e outubro recolleremos envases tetrabrik e mais botellas de plástico PET  de litro e medio. 

  • As botellas cómpre cortalas para aproveitar os dous terzos contados desde a base. 

  • Aos tetrabrik hai que cortarlles a tapa. 

  • Cunha navalla furaremos o centro da base de calquera dos dous tipos de envases. 

Dos dous tipos de envases, o mellor é o tetrabrik, entre outras cualidades é máis manexábel e almacénanse mellor. As botellas son axeitadas para ver como progresa a xerminación e como van crecendo as raíces.


3. Encher os envases con terra rica en humus.


4. Durante outubro e novembro, ou asemade coa recolleita, seleccionaremos as mellores landras:

  • Metemolas nun caldeiro con auga e deixarémolas uns poucos minutos.

  •  Aproveitaremos as que axiña vaian ao fondo e teñan boa pinta: son as mellores

  • Rexeitaremos as que aboien (teñen aire dentro e, polo tanto, algún burato na casca feito por insectos, pola caída da árbore, polo sol...).

5. Plantaremos as landras en outubro e novembro. Non debemos agardar moito desde a recollida pois perden a capacidade de xerminación nunhas semanas. 

  • Poñeremos as landras, dúas ou tres por envase, a uns oito ou dez centímetros da superficie  (como referencia, máis ou menos a unha profundidade que sexa de dúas a tres veces o diámetro da landra).


6. Onde gardamos os envases?:

  • Se quedan no exterior:  evitaremos que a terra estea enchoupada ou demasiado seca. O frío de inverno é bo para asegurar unha boa xerminación.

  • Se quedan no interior das casas hai que afastalos de toda fonte de calor ou de saídas de aire acondicionado. Para coñecer o calor e a humidade cun termómetro- higrómetro sinxelo. Tamén debemos evitar o exceso e a falta de auga. 


7. En abril ou maio, cando saian os plantóns podemos levalos ao lugar escollido para plantalos. Agardaremos a que as carballizas teñan quince centímetros ou máis de lonxitude e varias follas ben desenvolvidas.


8. Para plantalas:

  • Faremos un burato no chan dun tamaño un pouco máis longo e largo có recipiente

  • Con coidado, cortaremos as paredes do envase e sacaremos o plantón coa terra: cómpre ter coidado coa raíz principal: é moi longa e estará enrolada. 

  • Lembremos que para plantar as nosas árbores é necesario pedirlles permiso aos donos do terreo (xuntas de montes, propietarios particulares...).


9. Ás veces é necesario protexer as árbores acabadas de plantar cunha malla para coellos.


10. Mirar para as árbores, coidalas e gozar da súa presenza.

Canal Ciencia


O pequeno manual de plantabosques
Manual de sementeira. OMA da Universidade de Vigo.
Manual de sementeira
OMA. Universidade de Vigo


Contos do Carballo con botas  contosolidarios.org

Xa temos:

Despois de repartir máis de 31,6 quilogramos de landras aínda temos:

00,00  quilogramos de landras

Xa están no asunto:

ADEGA
CEA Castrelo do Sobroso
Centro ON de Caixa Galicia
Colexio Sº Apóstol de Soutomaior
IES Auga da Laxe de Gondomar
Obra Social de Caixa Galicia
Operación Carballo en:
ADEGA
Aduaneiros sem fronteiras
Descubrir de Galicia Hoxe
Faro de Vigo
La Voz de Galicia
Liberais.org
Perturbación Aleatoria
Vigo Metropolitano
Vieiros
Xa fixemos:
Collendo landras
Collendo landras
Escollendo landras
Escollendo landras
Recollendo envases
Recollendo envases
Coidado con esta, non vale
Coidado con esta, non vale

Landras e follas dun carballo americano (Quercus rubra)
Unhas boas landras
Unhas boas landras
Carballiza dunha landra de 2005, resistente a dous ataques de coellos no verán de 2006.
Carballiza dunha landra de 2005, resistente a dous ataques de coellos no verán de 2006.