As partes dunha vaca
Titulada O léxico da vaca: nomes baseados no físico,
unha tese da USC recolle máis de 1.100 palabras
empregadas en Galicia para designar as partes dunha
vaca. O traballo, que se defende este martes na
Facultade de Filoloxía, realizouno o doutorando do
Departamento de Filoloxía Galega, Xosé Afonso Álvarez
Pérez, e dirixiuno o profesor Manuel González.
Ademais de ofrecer a distribución xeográfica do
léxico, a investigación mostra individualmente cada unha
das formas dende diferentes perspectivas ofrecendo unha
análise morfolóxica, etimoloxía, primeiras
documentacións, tratamento lexicográfico ou vitalidade
na literatura.
Deste xeito, Xosé Afonso Álvarez estudou a posible
orixe de moitas das palabras como, por exemplo ‘cuxo’.
Esta serve para denominar a cría da vaca e “podería ter
sido creada a partir dunha voz de chamada ou polo ruído
de succión do animal”. O novo investigador tamén destaca
a “abraiante” cantidade de léxico como “forca, gadaña e
picaña” que, ademais de designar apeiros de labranza,
serven para referirse aos cornos da vaca segundo a súa
forma.
|