O Museo de Anatomía Comparada
da Facultade de Veterinaria
O Departamento de Anatomía do Campus lugués
da USC mantén de forma autodidacta un museo con máis de
300 pezas entre as que figuran 43 esqueletos completos.
Co obxectivo principal de asistir á docencia, o seu
interese transcendeu ese límite ata chegar aos colexios
e institutos, onde a visita a este centro se considera
unha actividade complementaria aos seus estudos nas
materias de Coñecemento do Medio, Ciencias Naturais ou
Bioloxía.
Son preto de 300 pezas as
que compoñen o complexo museístico, dividido en dúas
salas e varias vitrinas, nas que se combinan os modelos
analíticos artificiais coas pezas naturais. Actualmente,
o museo conta con 43 esqueletos completos montados, 160
pezas óseas soltas das testas, 20 pezas naturais que non
forman esqueletos e 60 modelos anatómicos artificiais.
O compendio do museo está
dedicado principalmente ás especies domésticas como o
can ou o gato, e aos ungulados, tanto ruminantes como
non ruminantes. Tamén teñen especies salvaxes,
maioritariamente as existentes no contorno lugués. Nun
principio o traballo cinguíase ás especies de traballo
común do veterinario, pero pouco a pouco o interese por
novas mascotas obrigou a modificar o traballo dos
profesionais e fixo tamén máis variado este museo.
O museo está estruturado
tematicamente. As dúas salas están destinadas á
exposición dos esqueletos completos e nelas tamén se
poden ver partes da estrutura ósea ou das vísceras dos
animais. Destacan entre eles pezas curiosas como unha
aleta de rorcual ou órganos de grandes mamíferos que
foron deshidratados e recheos con poliuretano para dar
un aspecto real, tales como estómagos, tractos
intestinais ou pulmóns.
|