Obra social de Caixa Galicia. Medio ambiente.

Febreiro, 2008

 


Boletín de novas da ciencia


Portada

Que é?
Contacto
Buscando novos antibióticosPhilip Lessard, Kazuhiko Kurosawa Anthony Sinskey

Os biólogos do MIT están buscando novos antibióticos nos metabolitos producidos por microorganismos do xénero Rhodococcus. Os xenes coa información precisa para fabricar substancias antibióticas están, normalmente, inactivos e só cando as bacterias se senten ameazadas por outras células comezan a sintetizar compostos de acción antimicrobiana.

Kazuhiko Kurosawa traballa con cultivos bacterianos investigando que produtos sintetizan en resposta a cambios estresantes da súa contorna, Por exemplo, cultivos conxuntos de varias especies de microorganismos. Nun deles, de Streptomyces e Rhodococcus descubriu que unha substancia producida por este último liquidaba as colonias de Streptomyces. Kurosawa e o seu equipo illaron a tal substancia dándolle o nome de rhodostreptomicina. Probada con cultivos doutras bacterias demostrou unha efectividade insólita, incluso con castes virulentas de Helicobacter pylori.

Rhodostreptomicina é unha molécula peculiar: está composto por azucres cunha estrutura de anel antes non vista. A estrutura é o suficientemente manipulábel para sintetizar outras moléculas derivadas, máis efectivas ou cun espectro de acción máis amplo.

O estudo do xenoma de Rhodococcus mostrou un megaplásmido recibido de células de Streptomyces. Os biólogos do MIT creron que aí estaban os xenes implicados na produción do novo antibiótico pero os xenes do plásmido analizados nada teñen que ver coa produción de rhodostreptomicina. Os mesmos investigadores cren que o plásmido do Streptomyces é considerado polas células de Rhodococcus como unha agresión comezando a produción do antibiótico. É posíbel que as interaccións entre os xenomas de Rhodococcus e o plásmido de Streptomyces explique, finalmente, a síntese de rhodostreptomicina.

Si os biólogos chegan a deducir como sucede isto, podería comezar unha póla de traballo de manipulación de xenomas bacterianos para deseñar novos antibióticos.

 

 Canal Ciencia.com. ISSN 1988-7264