Creación de produtos respectuosa co ambiente O grupo de investigación de
Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos da USC coordina a Rede Temática Nacional de Xestión Ambiental mediante Análise do Ciclo de Vida. Creada polo
Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía hai cinco anos, esta rede regula en España o uso da aplicación denominada Análise do Ciclo de Vida que serve para avaliar o proceso de creación dun produto dende a extracción e procesado das materias primas, produción, transporte, distribución, uso, reutilización e mantemento ata o seu reciclado e disposición final dos residuos. En xeral, este tipo de análise proporciona información na definición de estratexias ambientais, axuda no desenvolvemento dunha lexislación axeitada e mellora o deseño dos procedementos ecolóxicos. No eido empresarial, facilita o ecoetiquetado dos produtos e unha ‘compra verde’. Ademais, co seu uso infórmase aos consumidores das alternativas máis ecolóxicas, increméntase a xestión de residuos e foméntase a investigación de técnicas menos contaminantes. Baseándose no emprego desta ferramenta, a Unión Europea aprobou un sistema comunitario para a concesión dunha etiqueta ecolóxica oficial. Os obxectivos principais son o fomento de produtos limpos e a valoración do seu impacto ambiental. |