|
Un envase comestíbel
Os investigadores do
grupo de
Tecnoloxía dos Alimentos do Campus de Lugo están a traballar na
obtención de envases para produtos da pesca e da acuicultura conxelados e
cociñados e que non xeren residuos por seren comestíbeis. O traballo conta
co apoio da Xunta de Galicia e cun contrato coa
Asociación
Nacional de Fabricantes de Conservas (ANFACO).
Para fabricar o envase emprégase un residuo
altamente contaminante como é o soro de queixería. O procedemento ten a
vantaxe de que elimina a utilización do plástico como envase e el mesmo non
se converte en residuo xa que, unha vez desconxelado o produto, se integra
no propio alimento e se consume engadindo un elevado número de proteínas.
Para a utilización do soro de queixería os
investigadores extraen del as proteínas para crear unha película
transparente de alto valor biolóxico co que se envolve a peza antes da súa
conxelación. Nesta primeira fase están experimentando con salmón, un peixe
que ten moita graxa, motivo polo que se oxida e rancia antes que o resto. Os
primeiros resultados apuntan a que este novo envase diminúe a oxidación
cando se prolonga o tempo de conxelación. As probas continuarán con outro
tipo de peixes como a pescada e o rape.
|