Perigosa bacteria O equipo de investigación do Laboratorio de Referencia de Escherichia coli, adscrito á
Facultade de Veterinaria da
USC e dirixido por Jorge Blanco, vén de publicar un estudo de repercusión internacional no que se illa un clon da bacteria E. Coli multirresistente aos antibióticos causante de infeccións urinarias e septicemias en humanos e que xa está estendido a nivel mundial. O traballo foi publicado no último número da prestixiosa revista
Journal of Antimicrobial Chemotherapy. O descubrimento foi realizado durante un estudo internacional coordinado pola doutora
Marie-Hélène Nicolas-Chanoine, da Facultade de Medicina da Universidade Paris 7, no que tamén participaron microbiólogos clínicos do
Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo. Na comparativa de varias mostras desta bacteria, atopada en varios hospitais de todo o mundo e illadas de pacientes con enfermidades de base importantes e coas súas defensas diminuídas, descubriron a súa coincidencia tras facer o tipado molecular e o estudo dos seus xenes de virulencia, co que esta nova cepa foi bautizada co nome científico de E. coli O25:H4–ST131, produtor da enzima CTX-M-15. As persoas infectadas son pacientes internos e externos de hospitais, con idade avanzada e as súas defensas deprimidas e deterioradas por enfermidades nas que o tratamento con antibióticos é esencial. A dificultade do tratamento dos enfermos radica no feito de que a bacteria é resistente aos antibióticos betalactámicos (penicilinas e cefalosporinas) “que son o cincuenta por cento dos actuais antibióticos empregados en medicina humana”, aseguran os investigadores. Ademais, a cepa identificada é resistente tamén aos aminoglucósidos e ás quinolonas fluoradas. |