Elementos
químicos e fraude
Alberto
Cifuentes Torres
Parece
que é certo que a Táboa Periódica ten definitivamente un novo membro. E
dicimos tal porque, primeiro, un equipo internacional de físicos confirma
a existencia do elemento número
110 e, segundo, aínda proe o escándalo do elemento 118.
Lembrémo-lo
asunto. Contra 1999, físicos nucleares do Lawrence Berkeley National
Laboratory (LBNL) e da Oregon State University, Estados Unidos,
anunciaron o descubrimento do elemento químico 118. Un artigo publicado o
nove de agosto no Physical Review Letters –o máis prestixioso
xornal do eido da Física–, que levaba como primeiro asinante ó físico
Victor Ninov, daba conta do descubrimento do 118 (de nome
Ununoctio e símbolo Uuo
) e mais do 116 (de nome Ununhexio e símbolo Uuh). Victor Ninov viña do
célebre GSI (Gesellschaft fur Schwerionenforschung ou Laboratorio
de Investigación de Ións Pesados) de Darmstadt, Alemaña, onde
participou no descubrimento dos elementos 110, 111 e 112.
O procedemento empregado para a descuberta foi o bombardeo dun branco de
chumbo cun feixe de ións de cripton de alta enerxía. O experimento durou
varios días e, segundo os
resultados, os núcleos dalgúns átomos bateron entres eles, lograron
fusionarse e formaron tres átomos do elemento 118. Cada presunto átomo
de 118 estaba formado por 118 protóns e 175 neutróns. Logo de cento
vinte microsegundos emitían unha partícula alfa – un núcleo dun átomo
formado por dous protóns e dous electróns– e o elemento 118 convertíase
no tamén descoñecido elemento químico número 116. A excitación era
tal que daquela falábase de conseguir en breve tempo o elemento 119 e
mesmo o elemento 126.
A sorpresa viu cando o LBNL mediante unha nota de retractación retiraba
os resultados que indicaban a creación de 118 e coñecíase o despido de
Victor Ninov. Ningún laboratorio do mundo, mesmo o propio LBLN, era quen
de repeti-la experimento e confirma-los resultados. Contra novembro de
2001, un comité independente comezou unha investigación interna que
revisou todo o proxecto descartando unha por unha tódalas posibles
explicacións técnicas. Pola
súa parte, os científicos do LBLN melloraron o equipo de detección.
A investigación rematou botando toda a responsabilidade sobre as costas
de Ninov e exculpando ós catorce científicos que asinaron o artigo de Physical
Review Letters. Ninov era o encargado da análise con computadoras dos
resultados dos experimentos empregando o mesmo software, un programa
alcumado Goosy, que xa utilizara no GSI. Cabía a posibilidade de
que fose Goosy o culpable pero as análises estatísticas do datos
manexados polo programa mostraron que Goosy funcionou
perfectamente.
Malia todo,
Victor Ninov non asinou a nota de emenda porque non
ten ningunha explicación lóxica para os seus achádeos. Engade que
malia que non pode excluí-la
existencia de erros, non ten coñecemento de ningún e ademais sería o
primeiro en recoñecelos xa que non ten nada que agachar.
O equipo
internacional descubridor do 110 está dirixido por Kenneth
E. Gregorich do mesmo LBLN e está formado por moitos dos antigos
membros do equipo de Ninov.
O primeiro átomo do elemento 110 detectouse o nove de novembro de 1994 no
GSI. Para honra-la cidade, ó elemento 110 bateárono co nome de
Darmstadtio.
Os físicos do GSI produciron os átomos do elemento 110 fusionando átomos
de níquel e átomos de chumbo. O procedemento empregado foi acelera-lo átomos
do isótopo niquel-62 no UNILAC, un acelerador de ións pesados. Durante
moitos días, o equipo do GSI disparou millóns de átomos de níquel
contra o branco de chumbo-208. Por fin, apareceron evidencias do novo
elemento que resultou ter unha vida media de 0,001 segundos.
Despois, o LBLN e o JINR ruso detectaron sucesos coherentes coa formación
de átomos do elemento 110. Sen embargo, ningunha das experimentacións
puido confirma-las outras dúas porque os tres laboratorios produciron isótopos
diferentes do mesmo elemento. En total, creáronse sete isótopos
diferentes, o máis lixeiro con 157 neutróns e o máis pesado con 171
neutróns.
Contra 1998, o equipo do GSI produciu o isótopo 271 (con 161 neutróns no
seu núcleo) facendo bater núcleos de níquel-64 contra brancos de
chumbo-208. Gregorich e mailo seu equipo do LBLN foron quen de repeti-lo
experimento do GSI observando dous sucesos de formación e transformación
dese isótopo do elemento 110.
Para evita-los problemas xurdidos co “descubrimento” do elemento 118 e
asegurar que son completamente correctos, os responsables do LBLN
estudiaron polo miúdo e confirmaron tódolos resultados dos experimentos
do equipo de Gregorich.
Victor Ninov non é un dos coautores da confirmación do elemento
110 pero recoñécese a súa participación no traballo.
|