Portada
Ligazóns
Contacto
TP

canalciencia.com
Boletín de novas da ciencia

Tamén pode ler: 

Hassio
Ata logo 118
Elementos e fraude

Artigo publicado no suplemento Descubrir de O Correo Galego
Febreiro de 2001

Uranio

Alberto Cifuentes Torres

En 1738 naceron o rei George III do Reino Unido e Wilheim Friedrich (despois William Frederick) Herschel, o astrónomo británico, alemán de orixe, descubridor do planeta Urano. Dúas vidas entrelazadas. Ademais de ser da mesma quinta tiñan os mesmos nomes (con William Frederick completaba o rei George o seu). Herschel fuxiu a Inglaterra en 1757 cando as tropas francesas ocuparon Hanover, a súa vila natal. En Alemaña gañaba a vida como músico militar, coma o seu pai, e na illa traballou copiando partituras. Co tempo e esforzo foi prosperando na súa profesión. A súa curiosidade levouno á astronomía. Construíu os seus telescopios, as lentes e os espellos, e con eles observou un corpo descoñecido. Era marzo de 1781. O obxecto resultou se-lo primeiro planeta descuberto dende a antigüidade. Na honra do rei George III, ó planeta chamoulle Georgium sidus, o astro de Xurxo. O nome duroulle pouco ó planeta por dous motivos. Seguindo co costume de emprega-la mitoloxía grecorromana para nomea-los planetas, ó novo corpo puxéronlle Urano. Así, Urano vén sendo o pai de Saturno que, pola súa parte é o pai de Xúpiter e Marte o fillo de Xúpiter. Ademais, pareceu Urano un nome más axeitado porque Urania é a musa da Astronomía. O descubrimento de Urano converteu a Herschel nunha celebridade. Tal foi o impacto causado polo achádeo planetario que o rei George III concedeulle unha renda anual vitalicia de 200 libras.  

Daquela, o val de San Xaquín (Sankt Joachimsthal), en Bohemia, estaba vivindo unha segunda época de florecemento. Dous séculos atrás fora a máis importante rexión mineira de extracción de prata de Europa. Tanta prata sacaron da terra que as moedas dese metal eran coñecidas como “Joachimsthaler” e logo só como “thaler”. Da evolución de “thaler” xurdiu a palabra “dólar”.

Despois a minería esgotou os xacementos de prata máis accesibles. A chegada de prata americana, a peste e maila Guerra dos Trinta Anos pecharon as minas ata o século XVIII. A mellora das técnicas mineiras permitiron a explotación de novos xacementos de bismuto, cobalto e prata. Decote, os mineiros atopaban un mineral escuro. Chamáronlle pechblenda, que quere dicir “mineral da mala sorte” porque os traballadores asociaban a súa presencia coa ausencia de prata. En 1789, e partindo da pechblenda, o químico e mineraloxista Martin Klaproth, alemán coma Herschel,  illou un óxido dun elemento descoñecido. Na honrar de Urano, o planeta descuberto por Herschel, Klaproth púxolle uranio ó novo elemento. Klaproth renunciou a utiliza-lo apelido de seu para o elemento descuberto, evitando á posteridade estarmos a falar do elemento químico “klaprothio”. Para illa-lo novo elemento tiveron que pasar varios anos. En 1841, Eugene Peligot foi quen de obte-lo uranio illado.

O uranio resultou se-lo elemento máis pesado de tódolos que existen na Terra en estado natural. Outra das súas características, a fluorescencia, foi aproveitada para tinguir cerámica e porcelana. Contra 1895, Roentgen descubriu os raios X. Antoine Henri Becquerel quixo saber se substancias fluorescentes coma as sales de uranio emitían radiación X, inducidas pola luz solar. Becquerel  achou nas sales de uranio unha nova forma de emisión independente da súa exposición á luz solar. Disque gardou un sulfato de uranio e potasio (que non foi exposto á luz)  na mesma caixa que as placas fotográficas que quedaban veladas. Becquerel chamou raios uránicos á emisión recen descuberta. Logo, Marie Curie denominouna radioactividade. En 1898, despois de traballar con oito toneladas de pechblenda, Marie e Pierre Curie illaban dous novos elementos, o polonio e o radio. 

E o uranio gardaba máis sorpresas. Na década dos anos trinta, Enrico Fermi, Otto Hahn e Fritz Strassman bombardearon núcleos do isótopo de uranio-235 con neutróns. Os productos do proceso foron os elementos bario e cripton e máis neutróns que podían romper outros núcleos de uranio establecéndose unha reacción en cadea ceibando moita enerxía. O proceso foi explicado e identificado por Lise Meitner. O uranio-235 e o isótopo empregado para alimentar os reactores das centrais nucleares. Na natureza a meirande parte do uranio é o isótopo 238 (máis do 99 por cento), coñecido como “uranio empobrecido”; a separación (enriquecemento) do isótopo 235 deixa enormes cantidades do uranio empobrecido.

Pola súa densidade, o uranio empobrecido foi empregado para estabiliza-la masa dos avións. Tamén para a blindaxe de carros de combate. A mesma propiedade aproveitada para fabrica-los centos de miles dos  proxectís guindados nos Balcáns e, hai dez anos, en Iraq. 

© Canal Ciencia