Con ela desígnase a
‘práctica consistente en deixar un libro nun
lugar público moi concorrido co
fin de que outras persoas poidan
recollelo, lelo e volver deixalo para que outro ciclo de lectura
e circulación comece outra volta’.
O nome ten a súa
orixe no sitio web
bookcrossing.com, que foi o primeiro en planificar, difundir
e dinamizar esta actividade, establecendo unha serie de pasos
que debe seguir tanto quen queira compartir un libro como quen o
atopa. O fenómeno
medrou de tal xeito que en pouco máis de sete anos conta con
máis de 650 000 membros e vai camiño dos 5 millóns de libros
rexistrados.
A súa
extensión supuxo tamén a exportación da denominación
ás
principais
linguas
occidentais. Pero o seu carácter pouco transparente –cómpre
saber inglés para identificar de qué se está a falar– e a
dificultade para integrala gráfica e foneticamente nos padróns
das linguas románicas provocaron que en moitas destas se fosen
xerando nomes alternativos, nuns casos de forma espontánea e
noutros co aval das autoridades lingüísticas respectivas.
·
En Francia, por exemplo,
recoméndase oficialmente o emprego de
passe-livres, pero os francófonos canadenses optan por
unha forma diferente:
bouquinomadisme.
·
En castelán non coñecemos ningunha
recomendación académica, pero na lingua real formas como
liberación de libros,
libros viajeros,
suelta de libros ou
cruce de libros conviven con vitalidade co anglicismo.
·
En portugués a situación é moi
semellante, e así atopamos
libertação de livros,
livros à solta,
livros viajantes…
Tampouco en
galego houbo polo de agora pronunciamentos oficiais sobre qué
facer con este anglicismo, pero xa vimos
en
precisións
anteriores que as autoridades académicas parecen ser
bastante reticentes á integración de anglicismos rematados en -ing.
Amais, tanto desde o punto de vista da súa escrita como desde o
da súa pronuncia (algo así como “buccrósin”?), a forma inglesa é
complicada de amoldar á estrutura do galego; e aínda por riba,
os préstamos ingleses formados por máis dunha palabra adoitamos
importalos a través do
calco [rañaceos (skyscraper), fin de semana
(week-end), correo electrónico (e-mail),
operador turístico (touroperator)…];
Por todo o
anterior, parece lóxico supor que a recomendación oficial –de
existir– incidiría na conveniencia de recorrer a algunha das
denominacións propias que se poden atopar na lingua viva. Formas
como
libros viaxeiros,
libros ceibes,
liberación de libros ou
solta de libros poden describir o concepto que nos ocupa
cun grao de transparencia ben maior ca o da forma inglesa e sen
ningún dos problemas colaterais que para esta indicamos máis
arriba.