Un idioma preciso

Área de Terminoloxía 
Servizo de Normalización Lingüística
USC

Un idioma preciso

preciso -a. adx. 

1.Exactamente determinado ou definido. 

2. Dise do que non é equívoco nin vago. 

3. Dise do que é necesario ou imprescindíbel.


A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindíbel que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por iso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír aos dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estábel ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudo elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.

Ligazóns


Dicionarios e bancos terminolóxicos

Dicionarios e vocabularios galegos

do Servizo de Normalización Lingüística da USC

da Xunta de Galicia

do Seminario de Lingüística Informática da U. de Vigo

máis materiais galegos

 Outros

Eurodicautom: Banco de termos da Comisión da U. E.  Datos en 12 idiomas oficiais da U. E.

Euterpe :Banco de termos do Parlamento Europeo) Datos en 12 idiomas oficiais da U. E.

Dicionario Logos: Dicionario multingüe o funcionamento do cal se describe con detalle aquí.

Grand dictionnaire terminologique: Banco bilingüe inglés-francés da Administración do Quebec, Canadá.

Base de Terminologie do Conseil International de la Langue Française. Datos en inglés-francés-castelán-alemán

Cercaterm: Banco do Centro de Terminologia de Catalunya. O número de linguas varía segundo as áreas de especialidade.

Onelook: Buscador que procura unha forma concreta en case 850 dicionarios electrónicos presentes na súa base de datos. Basicamente en inglés.

Michaelis. Moderno dicionário da língua portuguesa: Dicionario portugués que conta con máis de 200 000 entradas e subentradas, con especial atención ao léxico especializado.

Algunhas páxinas compiladoras de dicionarios e vocabularios en liña:

O tradutor virtual

Onelook

Yourdictionary

Ressources Internet da Universidade de Sherbrooke (Canadá)

Terminology collection

Máis ligazóns

Foro

Ligazóns

Índice de precisións

100

Unha copa –con xeo– para celebrar o centenario

 

Quen nolo ía dicir! Pois aquí estamos. Palliña a palliña foise facendo este palleiro que hoxe chega ao número 100. Ben, realmente ao 101, porque arrincamos de cero.

 

 

E haberá que tomarlle un algo para celebralo, non si? Pero con este outono tropical que nosPrecisión número 100. Parabéns! tocou en sorte, aínda cómpre arrefriar a bebida cuns cubos de xeo,[1] así que imos buscalos cunha… cubiteira!? Parece que non, verdade? Se acabamos de desbotar a forma *cubito, parece que todas as que deriven dela teñen que ir polo mesmo camiño. Toca logo buscar unha alternativa!

Empecemos por ver se a Academia ten opinión ao respecto… Pois si; no Dicionario de 2004 din que o nome galego que equivale ao castelán cubitera é… recipiente para facer cubos de xeo! ou recipiente para servir cubos de xeo! Realmente, hai que recoñecer que as denominacións son moi descritivas (tanto, que son definicións completas), pero imposibles de empregar en situacións reais de uso.[2]

Non queda outra máis ca seguir buscando. Os dicionarios galegos que puidemos consultar –que non foron todos, claro– non recollen explicitamente un nome para ese concepto, así que imos ter que arriscarnos nós a lanzar unha proposta.

En realidade, terán que ser dúas, xa que  o castelan cubitera designa por un lado os recipientes en que os cubos se serven (baldes de gelo -PT-, ice buckets ou ice pails -EN, seaux à glace -FR- ou glaçoneras -CT-); e por outro aqueles en que se forman (cuvetes de gelo ou formas de gelo -PT-, ice trays -EN-, bacs à glaçons -FR- ou glaçoneras -CT-).

Vendo a liña pola que optan maioritariamente as linguas do noso contorno, pensamos que en galego tamén deben propoñerse denominacións diferentes para estes dous obxectos –pois é evidente que son ben diferentes.

Para o primeiro deles, a busca da harmonización co portugués parece aconsellar o emprego de balde do xeo. Pero esa escolla ten un problema: entre nós balde adoita designar recipientes de tamaño maior ca o que aquí nos ocupa. Por iso, acabamos por concordar coa alternativa proposta no Foro –grazas, Xoaquín– que defende a idoneidade de cubeta do xeo, xa que as definicións dese substantivo fan sempre referencia ao seu pequeno tamaño.

Para o obxecto en que os cubos de xeo se forman, pensamos que a mellor elección sería bandexa de cubos ou bandexa de xeo. Calquera delas descríbeo de forma moi transparente, harmoniza coa forma inglesa, e emprega un substantivo (bandexa) que se emprega a nivel oral para referirse a ese concepto.

Resumindo, para preparar a copiña de celebración haberá que coller unha cubeta do xeo e botar nela os cubos que sacaremos da bandexa de cubos do conxelador. E agora si: graciñas por estardes dese lado da pantalla e… de hoxe nun ano!

 

 


[1] Este (ou pedra de xeo, nun nivel máis coloquial) son os nomes que lle damos en galego aos ‘pequenos fragmentos de xeo, normalmente de forma cúbica, que se empregan para arrefriar unha bebida’. Xa que logo, debemos evitar tanto os *cubitos do castelán como a súa tradución automática por *cubiños.

[2] Probade a incluír calquera delas nunha frase calquera e veredes que o seu tamaño fainas inutilizables. (“Dille a Xesús que traia do aparador catro copas e o recipiente para servir cubos de xeo”.)


© Área de Terminoloxía, SNL, USC
© canalciencia.com

Contacte connosco