Un idioma preciso

Área de Terminoloxía 
Servizo de Normalización Lingüística
USC

Un idioma preciso

preciso -a. adx. 

1.Exactamente determinado ou definido. 

2. Dise do que non é equívoco nin vago. 

3. Dise do que é necesario ou imprescindíbel.


A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindíbel que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por iso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír aos dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estábel ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudo elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.

Ligazóns


Dicionarios e bancos terminolóxicos

Dicionarios e vocabularios galegos

do Servizo de Normalización Lingüística da USC

da Xunta de Galicia

do Seminario de Lingüística Informática da U. de Vigo

máis materiais galegos

 Outros

Eurodicautom: Banco de termos da Comisión da U. E.  Datos en 12 idiomas oficiais da U. E.

Euterpe :Banco de termos do Parlamento Europeo) Datos en 12 idiomas oficiais da U. E.

Dicionario Logos: Dicionario multingüe o funcionamento do cal se describe con detalle aquí.

Grand dictionnaire terminologique: Banco bilingüe inglés-francés da Administración do Quebec, Canadá.

Base de Terminologie do Conseil International de la Langue Française. Datos en inglés-francés-castelán-alemán

Cercaterm: Banco do Centro de Terminologia de Catalunya. O número de linguas varía segundo as áreas de especialidade.

Onelook: Buscador que procura unha forma concreta en case 850 dicionarios electrónicos presentes na súa base de datos. Basicamente en inglés.

Michaelis. Moderno dicionário da língua portuguesa: Dicionario portugués que conta con máis de 200 000 entradas e subentradas, con especial atención ao léxico especializado.

Algunhas páxinas compiladoras de dicionarios e vocabularios en liña:

O tradutor virtual

Onelook

Yourdictionary

Ressources Internet da Universidade de Sherbrooke (Canadá)

Terminology collection

Máis ligazóns

Foro

Ligazóns

Índice de precisións

101

Touros bravos no Courel?

 

Hai poucas semanas descubrín, lendo algunhas revistas de viaxes, que en Galicia, especialmente nos Ancares e no Courel contamos con dehesas de espectacular beleza. E paréceme ben raro porque as veces que estiven pola zona non vin nin touros bravos, nin porcos ibéricos nin paisaxes parecidas a esta.[1]

 

Un touro dunha dehesa andaluza nunha corredoira do Courel.Se nos paramos a pensalo, que se empregue un mesmo nome para dous ecosistemas que intuitivamente percibimos como tan diferentes, parece un pouco raro, non si? O que pasa é que neste caso, a etimoloxía xogou unha mala pasada.

Tanto o castelán dehesa como o galego devesa proceden do latín defe(n)sa e, posiblemente, nalgún momento do pasado, designaron o mesmo concepto, pero hoxe é evidente que non:[2]

  • Unha dehesa é unha superficie con árbores máis ou menos dispersas e un estrato herbáceo ben desenvolvido, na que se eliminou en gran parte o estrato arbustivo. Ten orixe agrícola e gandeira, e dedícase fundamentalmente á gandería extensiva ou semiextensiva, de forma que o gando aproveita non só o pasto senón tamén os gromos e os froitos das árbores. (“Nomenclátor básico de pastos en España”).

 

  • A devesa galega pode referirse a realidades parcialmente diferentes segundo as zonas, pero trátase sempre dun bosque mesto (nalgúns puntos é sinónimo de fraga) poboado de especies que foron medrando espontaneamente, case sempre de propiedade comunal, e do que se aproveita fundamentalmente a leña, o estrume e, en menor medida, o pasto.

Porén, o parecido formal puido máis e fixo que, desde o século XIX ata a actualidade, moitos dicionarios e vocabularios galegos establecesen a equivalencia entre as dúas denominacións. Pero tamén é posible atopar materiais, tanto do pasado como do presente, que critican por escrito esa suposta identidade:

  • Hai xa máis de 150 anos, un pequeno glosario de voces, frases y locuciones gallegas, especialmente de agricultura, indicaba que “a las bouzas cuando no son muy grandes ni pobladas, las denominan en Salnés devesas, parece que por la semejanza de sonidos que tiene esta voz con el vocablo castellano dehesa, esta debía ser su traducción; mas en Galicia no se conocen los pastos y terrenos a que en ambas Castillas, La Mancha, Andalucía, Extremadura y otras provincias del Reino llaman dehesas. Son estos predios rústicos unas heredades abiertas, a pasto tieso para el ganado, especialmente el lanar; y las devesas unas pobres robledas de estrechos límites”.

 

  • E hai só dous anos o Dicionario século XXI da lingua galega –despois de definir devesa como “bosque atlántico ou fraga emprazada nunha aba moi pendente e orientada ao norte”– anota que “na lexicografía galega tradicional identificouse incorrectamente a palabra galega devesa coa española dehesa, designando as dúas realidades completamente distintas, xa que a palabra española fai referencia a un terreo extenso poboado de árbores de baixa densidade, en xeral pechado e adicado a pastoreo”.

Se –como xa debeu quedar claro– non debemos empregar devesa e dehesa como equivalentes, precisamos unha denominación coa que facer referencia a este segundo concepto.

Unha posibilidade sería intentar construíla aproveitando unha forma propia do galego, acompañándoa dun cualificativo que restrinxa o seu ámbito de designación. Esta parece ser a aposta do xa citado Dicionario século XXI, que propón o emprego de campa arborada.[3]

Outra vía é importar a denominación pola que ese ecosistema se coñece nas zonas en que existe. Esta práctica, moi frecuente nas áreas da ecoloxía e a bioxeografía,[4] permitiríanos elixir entre incorporar o castelán dehesa ou o portugués montado.

 
 

Como xa dixemos, calquera das tres potenciais solucións parécenos preferible a manter a confusión actual; pero posiblemente a introdución das denominacións alleas ocasione menos problemas, por evitar as potenciais ambigüidades que se lle poderían apoñer a campa arborada, e por tratarse dun procedemento neolóxico xa aplicado con outros conceptos do mesmo ámbito.

Se temos que priorizar agora entre dehesa e montado, pensamos que as razóns lingüísticas (aproveitar a contribución do portugués sempre que sexa compatible coa estrutura do galego) deben pesar máis ca as pragmáticas (a forma castelá é moito máis coñecida), polo que montado é a nosa recomendación.

 

 


[1] É xusto dicir que, en contrapartida, seica tamén se poden atopar devesas en Estremadura, nas que se produce un saborosísimo xamón.

[2] Ao meu modo de velo, é un caso parello ao de arroyo (ES) e arroio (GL), que entendo que designan dous tipos de cursos de auga diferentes, aínda que o Dicionario castelán-galego da RAG insista en identificalos.

[3] Aínda que non o afirma explicitamente, na entrada devesa –despois de facer a observación que indicamos máis arriba– remítese a campa; e nela vemos que campa arborada se define exactamente coas mesmas palabras coas que se caracterizaba a dehesa na voz devesa (“Terreo extenso poboado de árbores de baixa densidade, en xeral pechado e adicado a pastoreo”).

[4] Actualmente, falamos en galego de erg (importado do árabe), de taiga (do ruso), de tundra (outra vez do ruso), de sabana (do taíno –unha lingua amerindia– e a través do castelán), etc.


© Área de Terminoloxía, SNL, USC
© canalciencia.com

Contacte connosco