Un idioma preciso

Área de Terminoloxía 
Servizo de Normalización Lingüística
USC

Un idioma preciso

preciso -a. adx. 

1.Exactamente determinado ou definido. 

2. Dise do que non é equívoco nin vago. 

3. Dise do que é necesario ou imprescindíbel.


A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindíbel que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por iso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír aos dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estábel ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudo elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.

Ligazóns


Dicionarios e bancos terminolóxicos

Dicionarios e vocabularios galegos

do Servizo de Normalización Lingüística da USC

da Xunta de Galicia

do Seminario de Lingüística Informática da U. de Vigo

máis materiais galegos

 Outros

Eurodicautom: Banco de termos da Comisión da U. E.  Datos en 12 idiomas oficiais da U. E.

Euterpe :Banco de termos do Parlamento Europeo) Datos en 12 idiomas oficiais da U. E.

Dicionario Logos: Dicionario multingüe o funcionamento do cal se describe con detalle aquí.

Grand dictionnaire terminologique: Banco bilingüe inglés-francés da Administración do Quebec, Canadá.

Base de Terminologie do Conseil International de la Langue Française. Datos en inglés-francés-castelán-alemán

Cercaterm: Banco do Centro de Terminologia de Catalunya. O número de linguas varía segundo as áreas de especialidade.

Onelook: Buscador que procura unha forma concreta en case 850 dicionarios electrónicos presentes na súa base de datos. Basicamente en inglés.

Michaelis. Moderno dicionário da língua portuguesa: Dicionario portugués que conta con máis de 200 000 entradas e subentradas, con especial atención ao léxico especializado.

Algunhas páxinas compiladoras de dicionarios e vocabularios en liña:

O tradutor virtual

Onelook

Yourdictionary

Ressources Internet da Universidade de Sherbrooke (Canadá)

Terminology collection

Máis ligazóns

Foro

Ligazóns

Índice de precisións

102

Cando os webs se sindican... poden ir á folga?

 

Ao escoitar en galego, unha palabra como sindicato, ou algunhas das súas derivadas (sindical, sindicar, sindicación…), relacionámolas de forma case inmediata co ámbito das relacións laborais, coa organización dos traballadores para a defensa dos seus intereses e coa creación de estruturas que sirvan para esa defensa.

 

Porén, unha simple busca amósanos que algunhas delas están sendo empregadas na práctica cun sentido totalmente diferente, vinculado ao ámbito da Internet e ás tecnoloxías que permiten o seu desenvolvemento.

Neste contorno, fálase de sindicación (ou de sindicación web) para referirse a unha forma de redifusión de información pola cal un web, un blog, etc. ofrecen unha parte dos seus contidos para que sexan reutilizados por outros usuarios, ben empregando algún tipo de licenza, ben –con máis frecuencia– ofrecendo versións actualizadas deles nun formato que facilita a súa integración noutros produtos usando determinados programas.

Este novo valor de sindicación non pode xustificarse como unha evolución do seu significado “clásico” en galego, e si como un anglicismo: a súa orixe non estaba nos sindicatos galegos, senón nos syndicates [1] do inglés. Son estes un tipo de entidades que se dedican á venda de artigos, fotografías e outros materiais a diversos medios de comunicación para a súa publicación simultánea. Xa que logo, a syndication sería o acordo comercial que se realiza entre os syndicates e os medios que finalmente van publicar eses materiais. Como os trazos básicos dese concepto son os mesmos ca os da redifusión na Internet que nos ocupa, a denominación ‘expórtase’ a este ámbito para converterse en web syndication.

Como en galego os syndicates ingleses se coñecen como axencias de noticias é imposible xustificar unha evolución semellante que nos acabase levando á sindicación. A súa presenza entre nós só pode verse como un falso amigo, no que o parecido formal entre as dúas palabras facilita que á galega se lle asigne un sentido (o que posúe a inglesa) que non nos parece adecuado[2] xa que distorsiona a súa relación coas outras formas da mesma familia (sindicato, sindicar, sindical…).

Denominacións alternativas que describen razoablemente ben o proceso e non crean ningún dos inconvenientes citados poderían ser distribución ou redistribución (que enfocan o concepto desde o punto de vista de quen produce os contidos que se van difundir), subscrición ou abonamento (que o miran desde a perspectiva de quen os vai reutilizar).

 

Pensamos que este último enfoque –e as denominacións a el vinculadas– é o máis acaído, pois é o potencial receptor quen decide se aproveita ou non os contidos dun blog ou dun web determinados e, en caso afirmativo, quen realiza os pasos técnicos precisos para poder recibilos automaticamente.[3] O resultado dese proceso é moi semellante ao dunha subscrición convencional: o abonado recibirá, poderá ler e integrar noutros medios as novidades que vaian aparecendo nos distintos sitios aos que se subscribira sen necesidade de acceder directamente a eles.

 

[1] As organizacións de traballadores coñécense nesta lingua como trade union ou labor union.

[2] Tamén para outras linguas se poden ler opinións contrarias a esta utilización.

[3] Normalmente empregando un tipo específico de programa informático, denominado agregador.

 

© Área de Terminoloxía, SNL, USC
© canalciencia.com

Contacte connosco