Un idioma preciso

Área de Terminoloxía 
Servizo de Normalización Lingüística
USC

Un idioma preciso

preciso -a. adx. 

1.Exactamente determinado ou definido. 

2. Dise do que non é equívoco nin vago. 

3. Dise do que é necesario ou imprescindíbel.


A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindíbel que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por iso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír aos dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estábel ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudo elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.

Ligazóns


Dicionarios e bancos terminolóxicos

Dicionarios e vocabularios galegos

do Servizo de Normalización Lingüística da USC

da Xunta de Galicia

do Seminario de Lingüística Informática da U. de Vigo

máis materiais galegos

 Outros

Eurodicautom: Banco de termos da Comisión da U. E.  Datos en 12 idiomas oficiais da U. E.

Euterpe :Banco de termos do Parlamento Europeo) Datos en 12 idiomas oficiais da U. E.

Dicionario Logos: Dicionario multingüe o funcionamento do cal se describe con detalle aquí.

Grand dictionnaire terminologique: Banco bilingüe inglés-francés da Administración do Quebec, Canadá.

Base de Terminologie do Conseil International de la Langue Française. Datos en inglés-francés-castelán-alemán

Cercaterm: Banco do Centro de Terminologia de Catalunya. O número de linguas varía segundo as áreas de especialidade.

Onelook: Buscador que procura unha forma concreta en case 850 dicionarios electrónicos presentes na súa base de datos. Basicamente en inglés.

Michaelis. Moderno dicionário da língua portuguesa: Dicionario portugués que conta con máis de 200 000 entradas e subentradas, con especial atención ao léxico especializado.

Algunhas páxinas compiladoras de dicionarios e vocabularios en liña:

O tradutor virtual

Onelook

Yourdictionary

Ressources Internet da Universidade de Sherbrooke (Canadá)

Terminology collection

Máis ligazóns

Foro

Ligazóns

Índice de precisións

103

Esvaróns nas estradas: o aquaplaning

 

As chuvias e os temporais destes últimos días provocaron que conducir polas estradas fose toda unha aventura e que houbese que andar con pés de la para non ter desagradables incidentes.


Á parte de árbores e pólas caídas, refachos de ventos, sarabiadas… un dos percances máis perigosos cos que houbo que lidar provocárono as bolsas de auga na estrada. Ao circular sobre unha pode acontecer que os pneumáticos do vehículo non dean drenado o volume de líquido necesario para manter o contacto co asfalto e esvaren sobre el, provocando así que o condutor perda totalmente o control da súa máquina.

Este fenómeno coñécese habitualmente polo seu nome inglés –aquaplaning–, tanto entre nós, como nas linguas do noso contorno. Pero ocorre que en case todas elas as autoridades que fixan/orientan o estándar léxico tenden a desaconsellar á utilización de anglicismos rematados en -ing[1]; por iso se documentan en paralelo propostas alternativas que defenden a súa adaptación gráfica ou morfolóxica ás características da lingua receptora. Así atopamos aquaplanagem ou hidroplanagem para o portugués, hidroplaneo[2] para o español, hidroplanatge para o catalán, aquaplanage ou hydroplanage para o francés…

Como xa apuntamos noutro momento, as autoridades académicas galegas tamén manifestan unha prevención semellante fronte aos anglicismos en -ing. Así, no VOLG, só se recollen catro (cámping, footing, leasing e smóking),[3] e rexéitanse explicitamente dous (*dóping e *antidóping); e desde o Termigal aconsellan nun artigo desta publicación recorrer a pontismo, balsismo, torrentismo ou surfismo para evitar puenting, rafting, canyoning e surfing respectivamente.

 

 

En coherencia con esta pauta perceptible no estándar galego, pensamos que no posible debe evitarse o emprego do aquaplaning inglés, e que unha forma como hidroplanaxe,[4] construída en paralelo a hidroavión, hidrocarburo, hidrodinámica, hidrometeoro, hidrosoluble… é unha alternativa preferible. Ademais, no caso de manter o anglicismo, este debería acentuarse graficamente segundo as regras do galego (aquapláning).

 

[1] Véxanse, como exemplo, as opinións da Real Academia Española sobre footing, jogging, rafting, dopping ou casting; ou os debates sobre o uso dalgunhas destas denominacións en portugués.

[2] Esta forma emprégase maioritariamente nas variedades do español americano.

[3] Ademais, en dous deses catro exemplos recoméndase acentualos graficamente segundo as pautas ortográficas do galego.

[4] Preferimos esta forma antes ca a encabezada por acua-/aqui- (acuaplanaxe/aquiplanaxe) xa que este formante tende a participar en compostos que teñen como segundo formante un cultismo importado do latín (acuícola, acuicultura, acuífero, acuifoliáceo…) e non unha palabra galega autónoma.


© Área de Terminoloxía, SNL, USC
©  Canal Ciencia.com. ISSN 1988-7264

Contacte connosco