Un idioma preciso

Área de Terminoloxía 
Servizo de Normalización Lingüística
USC

Un idioma preciso

preciso -a. adx. 

1.Exactamente determinado ou definido. 

2. Dise do que non é equívoco nin vago. 

3. Dise do que é necesario ou imprescindíbel.


A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindíbel que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por iso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír aos dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estábel ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudo elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.

Ligazóns


Dicionarios e bancos terminolóxicos

Dicionarios e vocabularios galegos

do Servizo de Normalización Lingüística da USC

da Xunta de Galicia

do Seminario de Lingüística Informática da U. de Vigo

máis materiais galegos

 Outros

Eurodicautom: Banco de termos da Comisión da U. E.  Datos en 12 idiomas oficiais da U. E.

Euterpe :Banco de termos do Parlamento Europeo) Datos en 12 idiomas oficiais da U. E.

Dicionario Logos: Dicionario multingüe o funcionamento do cal se describe con detalle aquí.

Grand dictionnaire terminologique: Banco bilingüe inglés-francés da Administración do Quebec, Canadá.

Base de Terminologie do Conseil International de la Langue Française. Datos en inglés-francés-castelán-alemán

Cercaterm: Banco do Centro de Terminologia de Catalunya. O número de linguas varía segundo as áreas de especialidade.

Onelook: Buscador que procura unha forma concreta en case 850 dicionarios electrónicos presentes na súa base de datos. Basicamente en inglés.

Michaelis. Moderno dicionário da língua portuguesa: Dicionario portugués que conta con máis de 200 000 entradas e subentradas, con especial atención ao léxico especializado.

Algunhas páxinas compiladoras de dicionarios e vocabularios en liña:

O tradutor virtual

Onelook

Yourdictionary

Ressources Internet da Universidade de Sherbrooke (Canadá)

Terminology collection

Máis ligazóns

Foro

Ligazóns

Índice de precisións

105

O meu can viste con capa

 

Un dos elementos máis relevantes á hora de describir exteriormente un animal é o seu pelame (forma, tamaño, grosor, cor básica, presenza ou non de manchas e marcas…).


Pero mentres os zoólogos adoitan designalo como pelaxe ou pelo (ES: pelaje; EN: pelage) entre os veterinarios é frecuente establecer unha distinción entre esta denominación e a capa, entendida esta como a ‘pelaxe dun animal, especialmente das razas de interese gandeiro, vista desde o punto de vista da cor’. É este concepto –e a palabra que o nomea– os que nos van ocupar na precisión de hoxe.

Desde un punto de vista conceptual, pode parecer unha distinción estraña: a determinación da cor do pelo dun animal pode facerse perfectamente engadindo o adxectivo correspondente ao substantivo xenérico pelaxe (pelaxe alazá, pelaxe ruana, pelaxe rubia…) igual que se fai cando se describen outras partes do corpo, como a pel, ou cando falamos da cor do pelo dos seres humanos.

Pero tamén é certo que esta diferenciación –e o uso de capa– non é simplemente unha especificidade do castelán que o galego importa xa     que, ademáis de nesta lingua (capa), tamén existe en inglés (coat) e francés (robe), empregando incluso denominacións do mesmo campo semántico. Aínda así, tampouco se pode afirmar que ese modelo sexa unánime no noso contorno, pois outras linguas non recorren a el e empregan unicamente o substantivo xenérico (pelagem en portugués ou pèl; pelatge en catalán).

Se viramos os ollos cara ao galego, a tanto a documentación técnica destes últimos anos, como os textos legais a ela vinculados viñan mantendo esa distinción, tamén recollida no Diccionario das ciencias da natureza e da saúde.[1] Pero a RAG, a través do seu Dicionario castelán-galego, optou por desaconsellar explicitamente este uso, e establecer unha equivalencia entre capa e cor.[2]

Esta decisión resúltanos un pouco sorprendente. Se se decidiu non asumir a forma máis asentada no uso (capa) por considerala un castelanismo, parecería lóxico optar como alternativa por pelaxe, denominación viva en galego e harmónica co portugués, antes ca por cor. O uso deste último substantivo aparta o galego das vías seguidas por calquera das linguas veciñas e amósase como ambiguo cando o acompañan adxectivos que non designan estritamente unha cor (cor tricolor?, cor xaspeada?, cor ruana?, cor pinta?…)

 


Por iso, neste caso a nosa proposta final opta por respectar o esencial da decisión da RAG (desaconsellar o emprego de capa en galego), pero defende o uso de pelaxe no seu canto (pelaxe tricolor, pelaxe xaspeada, pelaxe ruana, pelaxe pinta…).

 

[1] Alí defínese capa como ‘Pelaxe dun mamífero, especialmente no que respecta á cor’

[2] A acepción concreta é a seguinte:

capa s.f. […] 6. (color de los caballos y otros animales) cor. Montaba un caballo de capa blanca. Montaba un cabalo de cor branca.

 
 

© Área de Terminoloxía, SNL, USC
©  Canal Ciencia.com. ISSN 1988-7264

Contacte connosco