Un idioma preciso

Área de Terminoloxía 
Servizo de Normalización Lingüística
USC

Un idioma preciso

preciso -a. adx. 

1.Exactamente determinado ou definido. 

2. Dise do que non é equívoco nin vago. 

3. Dise do que é necesario ou imprescindíbel.


A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindíbel que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por iso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír aos dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estábel ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudo elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.

Ligazóns


Dicionarios e bancos terminolóxicos

Dicionarios e vocabularios galegos

do Servizo de Normalización Lingüística da USC

da Xunta de Galicia

do Seminario de Lingüística Informática da U. de Vigo

máis materiais galegos

 Outros

Eurodicautom: Banco de termos da Comisión da U. E.  Datos en 12 idiomas oficiais da U. E.

Euterpe :Banco de termos do Parlamento Europeo) Datos en 12 idiomas oficiais da U. E.

Dicionario Logos: Dicionario multingüe o funcionamento do cal se describe con detalle aquí.

Grand dictionnaire terminologique: Banco bilingüe inglés-francés da Administración do Quebec, Canadá.

Base de Terminologie do Conseil International de la Langue Française. Datos en inglés-francés-castelán-alemán

Cercaterm: Banco do Centro de Terminologia de Catalunya. O número de linguas varía segundo as áreas de especialidade.

Onelook: Buscador que procura unha forma concreta en case 850 dicionarios electrónicos presentes na súa base de datos. Basicamente en inglés.

Michaelis. Moderno dicionário da língua portuguesa: Dicionario portugués que conta con máis de 200 000 entradas e subentradas, con especial atención ao léxico especializado.

Algunhas páxinas compiladoras de dicionarios e vocabularios en liña:

O tradutor virtual

Onelook

Yourdictionary

Ressources Internet da Universidade de Sherbrooke (Canadá)

Terminology collection

Máis ligazóns

Foro

Ligazóns

Índice de precisións

106

Signaturas e sinaturas


Nestes días en que acaba de abrir na capital de Galicia unha biblioteca seica pioneira, pode ser un bo momento para botar un ollo sobre un termo do ámbito da biblioteconomía, que nos adoita dar algún problemiña aos usuarios galegos.

Trátase do nome que debemos empregar para referirnos ao ‘código formado porBiblioteca Ánxel Casal. Santiago de Compostela. números e letras que se emprega para identificar un documento concreto e indicar a súa localización no interior dunha biblioteca’. Tendo en conta que en castelán é coñecido como signatura topográfica (ou simplemente signatura), é frecuente ver textos galegos nos que se emprega sinatura, recorrendo de forma equivocada a esta palabra, que entre nós designa unicamente a ‘acción de asinar’ ou o ‘conxunto de trazos que unha persoa emprega para asinar’.

Contribúe a complicar máis as cousas a Real Academia Galega cando no seu recente Dicionario castelán-galego propón que para referirnos a ese concepto usemos… catalogación!![1] Esta proposta é dificilmente aplicable xa que esa mesma palabra vénse empregando para designar o ‘conxunto de operacións bibliotecarias necesarias para a descrición completa dun documento, tanto a nivel formal (tamaño, tipo de portada, número de páxinas…) como conceptual (clasificación por materias…) e para a asignación dun código alfanumérico que o identifique, dando como resultado final un rexistro bibliográfico’.

Na nosa opinión, intentar empregar a mesma denominación para un proceso complexo e para unha das actividades que o compoñen  (que é o que nos recomenda a RAG) provocaría unha excesiva ambigüidade no discurso e un alto rexeitamento entre os usuarios. Por iso, teremos que pensar nalgunha posibilidade alternativa, e ver qué camiños tomaron as linguas do noso contorno pode ser unha boa forma de comezar:

  • En castelán (signatura), alemán (Signatur) e catalán (signatura) optouse pola incorporación dun latinismo.

  • En francés apostan pola reutilización dunha denominación preexistente (cote, que o portugués calca e adapta ata transformala en cota.

  • En inglés recórrese a paráfrases que describen bastante ben o concepto como call number ou shelf mark.

En principio, o galego podería optar tanto pola primeira como pola terceira destas vías.[2] Nun dos casos, recoñeceríase signatura como un cultismo incorporado directamente desde o latín,[3] do mesmo xeito que se fixo con signatario, consignar, consignatario… e outras que manteñen o -gn- do signum orixinario. No outro, habería que crear algún neoloxismo formal que reflectira as características básicas do concepto: exemplos en teoría acaídos poderían ser código de catalogación, clave de catalogación ou código identificativo.

 


Se temos en conta que na documentación galega a forma signatura ten unha presenza ben abondosa, o máis razoable parece optar por esta alternativa, e evitar a creación de novas denominacións que moi dificilmente chegarían a callar no uso real.

 


[1] A entrada en cuestión di o seguinte:

signatura s.f. [...] 3. (de un libro o documento) catalogación. La signatura del libro constaba de dos letras y tres números. A catalogación do libro constaba de dúas letras e tres números.

[2] A importación do galicismo, quer directamente, quer a través do portugués, parece máis complicada xa que os valores de cota en galego están afastados de máis do concepto que aquí estamos tratando como para xustificar unha extensión desa denominación.

[3] Evidentemente, isto non interfire na conveniencia de empregar sinatura para designar a acción de asinar.

 

© Área de Terminoloxía, SNL, USC
©  Canal Ciencia.com. ISSN 1988-7264

Contacte connosco