Un idioma preciso

Un idioma preciso

Foro As súas precisións Ligazóns Índice de precisións
Un idioma preciso
 


preciso -a
. adx. 1.Exactamente determinado ou definido. 
2. Dise do que non é equívoco nin vago. 
3. Dise do que é necesario ou imprescindible.



A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindible que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por eso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Linguaxes Especializadas do Servicio de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír ós dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estable ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudio elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.

 

Foro

 
Deixe a súa opinión sobre a solución proposta no foro.

As súas precisións

 Colabore na construcción dun idioma preciso e mande os seus propios informes ou  as súas dúbidas.

Ligazóns

Diccionarios e bancos terminolóxicos

Diccionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

Acosando o “mobbing”


Un dos requirimentos básicos para intentar evitar que préstamos que non se consideran adecuados se asenten nun idioma é ser capaces de propor rapidamente solucións alternativas, que impidan que estes acaden un uso xeneralizado. Cando a extensión e a difusión do préstamo xa chegou a capas moi amplas da sociedade e á lingua non especializada é probable que todos os esforzos por substituíla por unha forma de noso sexan inútiles –e iso con independencia da calidade e da precisión que teñan as propostas alternativas–.

Acoso psicolaboral.Valla como exemplo do devandito o escaso éxito dos intentos de substituír stress ou estrés por tensión, (vid. Precisión 6) ou a repercusión practicamente nula que acadaron as propostas soporte físico e soporte lóxico como alternativas preferidas de hardware e software respectivamente, recollidas e difundidas no Vocabulario de informática publicado pola Universidade de Vigo en 1994.

Con todo, a rapidez na intervención non garante o éxito desta, xa que un proceso de cambio como o indicado non se produce dun día para outro senón que, aínda na mellor das condicións, o habitual é que durante un período de tempo máis ou menos longo convivan a forma importada e mais unha ou varias propostas autóctonas de suplantación[1] ata que progresivamente as segundas lle vaian gañando o terreo á primeira, ou ata que o préstamo estranxeiro se instala para quedar. Esa convivencia de nomes pode crear situacións de certa confusión entre os usuarios que poden chegar a dubidar se están perante sinónimos totais ou se as distintas formas aludirán a conceptos moi próximos pero parcialmente diferentes.

Esta situación de inseguridade denominativa é frecuente en conceptos novos ou que acadan relevancia en épocas recentes. Un bo exemplo desto é o que poderiamos definir como ‘maltrato psicolóxico sistemático e continuado sufrido por un traballador, por parte dun compañeiro de traballo ou dun superior, que busca a desestabilización emocional daquel, e que pode causar graves problemas físicos e psicolóxicos’, en inglés coñecido como mobbing (aínda que tamén recibe outros nomes como workplace harassment ou workplace bullying).

É evidente que non se pode dicir que esta sexa unha realidade nova que non existía hai anos. O que si é contemporáneo é a concienciación da gravidade dese comportamento e do que ten de abuso de poder ó que se debe poñer freo, como explican con amplitude webs como as da Asociación Galega contra o Acoso Moral no Traballo, Mobbing ou en Assédio moral no trabalho.

A percepción da importancia do problema fai que o termo que o designaba en inglés entre con forza nas linguas románicas, entre as que o galego non ía ser unha excepción. Pero paralelamente comézanse a empregar tamén denominacións propias, como por exemplo:

acoso laboral, acoso psicolaboral, acoso no traballo, acoso psicolóxico no traballo, fustrigamento moral (galego)

  • acoso laboral, acoso moral ou acoso psicológico (español)

  • assédio moral ou assédio moral no trabalho (portugués); ,

  • harcèlement moral, harcèlement professionnel ou harcèlement psychologique (francés)

  • assetjament psicològic (catalán)

Estas ofrecen a vantaxe de describir con maior claridade as características básicas dese comportamento (o feito de que se trata dun ataque a outra persoa, a cualidade fundamentalmente psicolóxica dese ataque, e ámbito laboral en que se produce); así mesmo permiten evitar un anglicismo dificilmente integrable estructura lingüística das linguas romances sen alterar a súa forma. No caso galego, ademais, faise visible –tamén a través do nome– a súa relación con outro comportamento maltratador como é o acoso sexual.

Por estas razóns, consideramos preferible calquera das denominacións galegas antes có termo importando do inglés. Se tivesemos que escoller entre unha ou outra daquelas, e xa a título persoal, optariamos por acoso psicolaboral xa que nunha expresión bastante curta remite ás tres características básicas do concepto enunciadas


[1] Este tipo de convivencia inestable é o que podemos percibir entre a forma inglesa link, e as alternativas que se propoñen para substituíla no contexto galego (enlace e especialmente ligazón), cando fan referencia ó ‘elemento, xeralmente de hipertexto, que permite trasladarse directamente entre distintas partes dun documento ou entre uns documentos e outros’.

 

Área de Linguaxes Especializadas,
Servicio de Normalización Lingüística


© Área de Linguaxes Especializadas S. N. L. da U. S. C
© canalciencia.com
Contacte connosco