Un idioma preciso

Un idioma preciso

Foro As súas precisións Ligazóns Índice de precisións
Un idioma preciso
 


preciso -a
. adx. 1.Exactamente determinado ou definido. 
2. Dise do que non é equívoco nin vago. 
3. Dise do que é necesario ou imprescindible.



A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindible que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por eso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Linguaxes Especializadas do Servicio de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír ós dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estable ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudio elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.

 

Foro

 
Deixe a súa opinión sobre a solución proposta no foro.

As súas precisións

 Colabore na construcción dun idioma preciso e mande os seus propios informes ou  as súas dúbidas.

Ligazóns

Diccionarios e bancos terminolóxicos

Diccionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

Sobre a “sindrome respiratoria aguda severa” 
e outras ‘severidades’ en medicina.


Cando se menciona a presión que o inglés exerce sobre o léxico das outras linguas occidentais, debido ó seu lugar central como vehículo de transmisión de coñecementos técnicos e científicos, os primeiros exemplos que nos pasan pola cabeza son formas como estrés (vid. Precisión 6), software, leasing, escáner... que directamente, ou detrás dunha carauta galeguizada manteñen a súa substancia angloamericana. Pero ademais deste influxo perceptible á primeira vista hai outro máis difícil de detectar pero polo menos tan grave, consistente en atribuírlle a unha palabra galega (ou castelá, ou portuguesa...) un significado que realmente lle corresponde a outra polo feito de que a forma inglesa que transmite ese significado é semellante formalmente á primeira. Por aclaralo cun exemplo:

Na terminoloxía xurídica galega, delicto e crime aluden a conceptos distintos: o primeiro é un ‘Quebrantamento da lei’ en sentido xenérico, mentres que o segundo é un ‘Delicto que consiste en matar a alguén’ (definicións tiradas do Diccionario da Real Academia Galega). Nembargantes, é cada vez máis frecuente que o segundo asuma tamén o significado do primeiro -pensemos en frases como crime organizado- por influxo do inglés crime, que ten un valor equivalente ó do noso delicto.[1]

Síndrome respiratoria aguda severaTodo esto vén ó caso da recente irrupción mediática da que algún medio bautizou como “a primeira epidemia do século xxi”: a síndrome respiratoria aguda severa, tamén coñecida como pneumonía atípica ou pneumonía asiática (vid. información sobre ela aquí, aquí ou aquí). O nome desta doenza é unha translación do inglés severe acute respiratory syndrome, e esta translación automática distorsiona o significado do adxectivo severo, que se aplica unicamente ás persoas e que poderiamos definir como ‘Que non amosa indulxencia nin comprensión perante as feblezas doutra persoa’ para atribuírlle o valor que na nosa lingua ten grave.

Este uso distorsionado, especialmente frecuente no ámbito da medicina, onde podemos atopar denominacións como discapacidade severa, inmunodeficiencia severa, dermatite severa, etc., é criticado por lingüístas e por profesionais da medicina, tanto en castelán como en portugués e francés. Así, o Departamento de Español Urgente da Axencia EFE afirma que:

Por influencia del inglés, está penetrando en el español este vocablo, que tradicionalmente no quiere decir siempre lo mismo en una lengua que en la otra. En inglés severe se emplea, sobre todo en medicina, con el sentido de fuerte, intenso, agudo, pronunciado, grave, serio. Un dolor agudo, un fuerte dolor de cabeza. En español "severo" se aplica sólo a personas, no a cosas, y quiere decir "adusto, rígido, riguroso". También el inglés tiene este sentido, pero no es de uso tan común como en español.

Igualmente, revistas médicas como a da Sociedad Española de Alergología e Inmunología Clínica ou Panacea defenden opinións idénticas.

Esa mesma opinión podemos atopala en artigos portugueses ou listaxes de falsos amigos nesa lingua.

Todos os datos que acabamos de sinalar deixan ben claro que en galego deberiamos evitar o emprego de *severo na denominación desa doenza respiratoria, recorrendo no seu lugar a síndrome respiratoria aguda grave, forma que xa se pode documentar en galego[2], que é maioritaria en portugués e que tamén ten un certo uso en castelán.


[1] Poderiamos presentar moitos outros exemplos destas parellas de palabras, denominadas falsos amigos, como o emprego de *librería por biblioteca, por influxo de library (en “librería de programas”), o de *sensitivo por sensible, por causa do inglés sensitive (en “un asunto sensitivo”), ou o de *colexio por facultade, influenciado polo inglés college.

[2] Partindo desa denominación a forma abreviada desa patoloxía en galego sería SRAG.

 

Área de Linguaxes Especializadas,
Servicio de Normalización Lingüística


© Área de Linguaxes Especializadas S. N. L. da U. S. C
© canalciencia.com
Contacte connosco