|
A velocidade á que avanzan a
ciencia e a tecnoloxía e as relacións que se establecen entre os
diversos campos científicos, provocan que determinados termos
pertencentes a unha área de especialidade vexan como as súas
denominacións son reutilizadas noutras para designar conceptos
parcialmente semellantes ou que comparten algúns trazos básicos.
|
Un caso que exemplifica ben o que
dicimos é o inglés feed-back, forma creada arredor de 1920 para
referirse á ‘capacidade dun emisor para recoller as reaccións do
receptor nun sistema de comunicación’ e que foi reaproveitada en
diversas disciplinas (da robótica á comunicación, pasando pola
fisioloxía) para nomear conceptos que comparten esa idea central, pero
que se diferencian entre si noutros aspectos.
Cando eses novos termos van
entrando noutras linguas tenden a manter a denominación orixinal (de
feito feed-back é unha palabra amplamente usada en documentación
galega, castelá, portuguesa... Porén, o feito de que a grafía, a
pronuncia, e a correlación que existe entre elas sexan estrañas para
as linguas romances
provocaron que algúns autores optasen por evitar a palabra inglesa e
empregar traduccións máis ou menos literais (retroacción, retroalimentación,
realimentación...) para designar os conceptos.
Esta disxuntiva entre o uso da
forma estranxeira ou da imitación traducida segue viva actualmente en
galego. Mentres obras como o Gran diccionario Xerais da lingua
recollen feed-back no seu corpus de entradas como un
estranxeirismo máis (igual ca hardware ou software),
outras (Vocabulario ortográfico da lingua galega -VOLG-, Diccionario
de dúbidas da lingua galega, Vocabulario de electricidade e
electrónica...) desaconsellan explícita ou implicitamente o seu
uso e propoñen no seu canto algunha das denominacións alternativas que
antes viamos.
Pode haber argumentos a favor ou en
contra de calquera destas dúas posturas –aínda que en principio o
uso de palabras galegas no canto das estranxeiras favorece a claridade
da linguaxe utilizada e evita o risco de interferencias na estrutura fonética,
gráfica ou morfolóxica do idioma. Pero se optamos pola segunda delas
debemos ter a precaución de non establecer equivalencias ríxidas (do
tipo ‘o galego “retroacción” substitúe sempre
ó inglés “feed-back”) xa que a forma que se amosa máis acaída
para describir un concepto pode ser inexacta para a denominación
doutro.
Así, para o termo de informática
e electrónica caracterizado como ‘o proceso polo que unha parte ou a
totalidade dos datos de saída dun sistema volven como datos de entrada,
permitindo así a corrección e a regulación do seu funcionamento ó
longo do tempo’, o Vocabulario de electricidade e electrónica
ou do Gran diccionario Xerais da lingua recomendar usar realimentación,
aínda que retroalimentación tamén describiría ben a idea que
se intenta transmitir.
En comunicación, retroacción
podería usarse para
designar a ‘acción de resposta inmediata dun receptor a unha
mensaxe’.
En pedagoxía, á ‘información
que nun proceso educativo recibe un alumno sobre a validez dunha
resposta, ou un mestre sobre os resultados da súa acción educativa e
instructiva con obxectivo de mellora-lo resultado final’ podería chamárselle
retroinformación ou tamén retroacción, se entendemos
que esa información está sempre vehiculada a través dalgún tipo de
acción.
En fisioloxía, o Diccionario
galego de termos médicos propón autorregulación, retroacción
ou retroalimentación para referirse á ‘regulación automática
mediante mecanismos que transmiten ós outros elementos a información
necesaria para que readapten o seu funcionamento’.
|
A
conclusión xeral do que vimos dicindo é que a maioría dos
diccionarios e vocabularios galegos aconsellan evitar o uso do
anglicismo feed-back, e recorrer a palabras galegas. Pero
tampouco podemos limitarnos a substituír a palabra estranxeira
por unha traducción supostamente válida para todos os seus
contextos de uso, senón que debemos empregar a forma galega que
mellor encaixe coas características do concepto para o que se está
buscando nome.
|
|
|
En galego, por exemplo, se optamos por acomodar a grafía á
pronuncia deberiamos escribir “fidbac” ou “fídbac”. Así
mesmo, se preferisemos lela como outra palabra galega calquera o
resultado sería algo semellante a [feed’bac].
|
Área
de Linguaxes Especializadas,
Servicio de Normalización Lingüística
|