|
Non se sabe moi
ben se polo escaso uso do galego en áreas técnicas e científicas,
pola presión que o léxico do castelán exerce sobre o este
idioma ou por unha certa obsesión entre os usuarios galegos por
‘cál é a forma correcta de dicir...”, o conto é que que
existen conceptos que están amplísimamente espallados na nosa
sociedade e que aínda non sabemos moi ben cómo denominar.
|
Un
dos casos máis salientables é o termo que poderiamos definir como
‘Conxunto de elementos bióticos e abióticos que integran un
determinado espacio, que afectan o desenvolvemento e a supervivencia dun
organismo, e que permiten o desenvolvemento dos ecosistemas’, coñecido
en inglés como environment,
en francés como environnement,
e en castelán como medio
ambiente.
A
fixación dunha forma galega para este termo vén sendo debatida desde
hai anos na bibliografía do país.[1]
Unha das primeiras achegas foi a do Diccionario de dúbidas da lingua
galega (Vigo, Ed. Galaxia, 1991) onde se afirma que o
sintagma medio ambiente é redundante desde o punto de vista semántico
porque tanto un coma o outro substantivo fan referencia ao mesmo
concepto. Este argumento leva aos autores a aconsellar o uso de medio
ou de ambiente, evitando a forma reduplicada.
Os
diccionarios de lingua publicados nestes últimos anos (Diccionario
da RAG, Gran Xerais da lingua, Diccionario Cumio da lingua
galega...) parecen seguir esta tese, xa que non recollen “medio
ambiente” entre as súas entradas e tratan “medio” e
“ambiente” como sinónimos atribuíndolles significados que parecen
remitir ó concepto que aquí nos ocupa. Pola contra, os léxicos
especializados que tratan este termo (Léxico
do medio, Léxico básico de métodos de investigación de
diagnóstico en Educación, Manual de economía en galego)
ofrecen como alternativas denominativas en galego tanto medio
como medio ambiente.
A
documentación real ofrécenso mostras abondas da existencia desta
sinonimia, xa que podemos atopar exemplos de uso de medio
ambiente (algúns tan significativos como o uso institucional en
Consellería de Medio
Ambiente), de medio e de ambiente, moitas veces
incluso en alternancia na mesma fonte.
Esta
alternancia tamén se pode detectar dunha forma ou doutra nalgunhas das
linguas veciñas, se ben dá a impresión de que unha das denominacións
leva camiño de converterse na xeralmente coñecida.
-
En
castelán esta é sen dúbida medio
ambiente, a pesar de que algunhas fontes (por ex. o Vocabulario
científico y técnico consideren máis apropiado o uso de ambiente.
-
En
portugués percíbese unha especialización xeográfica que provoca
que a forma máis común en Portugal sexa ambiente
mentres que no Brasil se empregue especialmente meio
ambiente.
En
catalán a variación establécese entre medi e medi
ambient.
|
Neste
panorama de indefinición, é difícil dar unha recomendación
clara sobre a forma que se debe empregar en galego. Se asumimos
que medio ambiente é unha forma redundante, que o seu uso
entre nós vese condicionado e potenciado pola construcción homónima
do castelán, e que o portugués de Portugal prioriza ambiente,
parece que habería razóns para apoiar o uso preferente de medio
ou de ambiente, aínda recoñecendo o peso que a forma
duplicada ten na documentación galega, o que impide realizar unha
condena máis explícita dela.
A
elección entre medio e ambiente vai estar
condicionada polo contexto (dubido que “coñecemento do medio”
poida ser substituído por “coñecemento do ambiente”,) e polo
feito de que só o segundo ten capacidade de desenvolver
adxectivos a partir de si mesmo (podemos falar de “enxeñería
ambiental” pero non de “enxeñería medial”).
|
|
Área
de Linguaxes Especializadas,
Servicio de Normalización Lingüística
|