|
Amais
de todas estas formas –e dalgunha máis que poderiamos
apuntar– o español de América emprega egresado,
para aludir á ‘persona que sale de un
establecimiento docente después de haber terminado sus
estudios’(Diccionario
da Real Academia Española),
aínda que outros dicionarios o consideran un sinónimo de “titulado”.
En
galego este americanismo non tiña presenza ningunha, ata o punto
de non figurar nin recollido nin desaconsellado en ningún
dicionario, quer monolingüe quer bilingüe.
E dicimos ben, “tiña”, porque desde hai uns poucos anos as
cousas están cambiando por unha decisión lingüístico-política
da Administración educativa estatal.
O
proceso de avaliación do sistema universitario español organízase
segundo as directrices trazadas pola Agencia Nacional de Evaluación
de la Calidad y Acreditación (ANECA).
Nelas comezou a distinguirse
con moita frecuencia entre as figuras do egresado e do titulado,
definindo o primeiro como o ‘alumno que ha completado todos los
créditos que conforman el plan de estudio, sin considerar si ha
solicitado o no el título universitario’ (Glosario de términos
de indicadores del Consejo de Coordinación Universitaria).
Pola contra, o titulado só o é desde o momento en que
pode acreditar os seus estudos cun documento oficial.
Na
medida en que esta distinción conceptual –por moi feble que
poida parecer– se plasma en documentos que deben ser aplicados
polas universidades galegas, ten que recollerse tamén en galego,
e manifestarse por medio de dous nomes diferentes.
Se
temos en conta que o termo usado en castelán é un cultismo de
orixe latina perfectamente integrable nas linguas románicas
–deriva case sen modificacións do latín egressu–,
e que ademais establece unha relación de
paralelismo coa familia de ingreso (ingresar, ingresado...);
se temos en conta todo iso, parece razoable admitir que egresado
sirva para darlle nome ao novo concepto, tal como se vén facendo
na práctica tanto
en catalán
como en galego.
|
Xa
que logo, hai que ter en conta que –polo menos no ámbito
da administración educativa– egresado e titulado
non poden tratarse como sinónimos, senón como termos moi
próximos que en certos contextos poden ser
intercambiables, pero que noutros se opoñen entre si polo
trazo máis arriba indicado.
|
|