Un idioma preciso

Un idioma preciso

Foro As súas precisións Ligazóns Índice de precisións
Un idioma preciso
 


preciso -a
. adx. 1.Exactamente determinado ou definido. 
2. Dise do que non é equívoco nin vago. 
3. Dise do que é necesario ou imprescindible.



A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindible que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por eso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Linguaxes Especializadas do Servicio de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír ós dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estable ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudio elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.

 

Foro

 
Deixe a súa opinión sobre a solución proposta no foro.

As súas precisións

 Colabore na construcción dun idioma preciso e mande os seus propios informes ou  as súas dúbidas.

Ligazóns

Diccionarios e bancos terminolóxicos

Diccionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

"Screening", un anglicismo presente 
en varios ámbitos de especialidade.

 

  En inglés, screening  é unha denominación que se asocia a conceptos das máis variadas disciplinas, como podemos comprobar en calquera diccionario. Así, convértese en termo de áreas como cinematografía, electrónica, enxeñería xenética, telecomunicacións, etc.

  Á hora de denominar eses conceptos nas linguas veciñas, é frecuente que se recorra sen moita reflexión a un calco mecánico do inglés, partindo do significado principal de screen que é ‘A movable device, especially a framed construction such as a room divider or a decorative panel, designed to divide, conceal, or protect’, e que poderiamos traducir como "pantalla".

  Nembargantes, para moitos deses conceptos é posible empregar denominacións construídas desde as propias linguas romances, máis transparentes para o usuario, pois permiten deducir de xeito doado o significado a que aluden.

  En medicina, en inglés denomínase screening  ó ‘exame médico dun grupo de persoas co fin de diagnosticar unha ou varias doenzas ou anomalías, ou un ou varios factores de risco, segundo un método uniforme co fin de identificar os individuos que deben ser examinados de forma máis detallada’. En francés a palabra empregada é dépistage .

  As linguas peninsulares recorreron a unha imitación irreflexiva do galicismo que ofreceu froitos tan curiosos como despistagem (PT) ou despistaje (ES), que parecen remitir a "despistar", e que son desaconsellables desde o punto de vista da calidade lingüística. Os diccionarios técnicos evitan tanto o galicismo como o anglicismo e defenden o reaproveitamento de palabras xa presentes no idioma, como rastreio ou rastreamento, no caso do portugués, e criba ou cribado no caso do español.

  En galego, tamén podemos atopar algún caso no que se emprega despistaxe, pero polas razóns que acabamos de ver cremos preferible recorrer a substantivos propios como rastrexamento, detección ou cribaxe.

  No ámbito da xenética, screening alude á ‘busca dun clon, bacteria ou fago, de ADN recombinante que contén a secuencia que interesa recuperar’. Tendo en conta que en inglés screen é a denominación que recibe o concepto que nós denominamos peneira, entendemos facilmente que en español se aconselle o uso de búsqueda ou cribado, e que en francés a forma recomendada sexa échantillonnage.

  Xa que logo, en galego debemos potenciar o uso de peneirado ou cribaxe (esta última xa proposta no Diccionario de biología y patología moleculares (EN-ES-CT-EU-GL), Barcelona, SEQC, 1997).

  En terceiro lugar, screening  é tamén moi empregado no ámbito da enxeñería, especialmente na enxeñería química e na electrónica, para designar o ‘emprego de barreiras, normalmente compostas por materiais conductores, para prever que campos eléctricos, magnéticos ou electromagnéticos poidan penetrar na área que se intenta protexer ou saír dela’. Neste caso, a forma inglesa si está usada co sentido que máis arriba designabamos como principal, e por eso as linguas próximas a nós recorren a denominacións como blindage  ou mise sous écran  (FR); blindaje , escudo  ou apantallamiento  (ES); blindagem  ou escudo (PT), todas as cales remiten á idea de ‘barreira divisora e protectora’.

  Visto o anterior, para remitir a ese mesmo concepto en galego estase usando a forma apantallamento , e poderíase recorrer tamén a un neoloxismo como escudaxe.

  Dentro das artes e espectáculos audiovisuais (especialmente en cinematografía) screening  ou viewing  empréganse en inglés para designar a ‘acción de ver unha emisión cinematográfica ou televisiva’. As linguas románicas do noso contorno crearon para este concepto neoloxismos de formación propia (visionamento  en PT; visionado  en ES; visionament  en CT; visionnement  ou visionnage en FR; etc.).

  Polo tanto, sería razoable pensar que o galego ía seguir un procedemento neolóxico paralelo. Nembargantes, algunhas obras lexicográficas, como o Gran diccionario Xerais da lingua , desaconsellan o uso de "visionar" en galego -o que implica unha valoración semellante para todas as denominacións derivadas dese verbo- e propoñen no seu canto o emprego de "ver".

  Se aceptamos esta recomendación habería que recorrer ó substantivo visión  ou a denominacións non derivadas de "ver" como por exemplo proxección . Aínda así, cremos que as razóns en que se baseaba o xuízo anterior poden ser discutidas na medida en que se trata dunha derivación regular en galego, que conta con paralelos en todas as linguas veciñas. De feito, o uso real de visionado  co valor que aquí estamos falando é amplo en galego.

  Outra cuestión que se podería discutir é a conveniencia de potenciar o emprego de visionamento  fronte a visionado , ó ser o primeiro un sufixo máis productivo en galego e coincidir coa denominación portuguesa.

  Como se pode ver o galego aínda non asentou as denominacións dos conceptos que acabamos de presentar, polo tanto, a opinión dos especialistas, lingüistas e persoas interesadas en xeral é esencial para poder valorar con argumentos as vantaxes e inconvenientes de cada unha das propostas que aquí se formulan.

  Esperamos contar con ideas, argumentos e participacións no foro.

 

Área de Linguaxes Especializadas,
Servicio de Normalización Lingüística


© Área de Linguaxes Especializadas S. N. L. da U. S. C
© canalciencia.com
Contacte connosco