Un idioma preciso

Un idioma preciso

Foro As súas precisións Ligazóns Índice de precisións
Un idioma preciso
 


preciso -a
. adx. 1.Exactamente determinado ou definido. 
2. Dise do que non é equívoco nin vago. 
3. Dise do que é necesario ou imprescindible.



A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindible que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por eso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Linguaxes Especializadas do Servicio de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír ós dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estable ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudio elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.

 

Foro

 
Deixe a súa opinión sobre a solución proposta no foro.

As súas precisións

 Colabore na construcción dun idioma preciso e mande os seus propios informes ou  as súas dúbidas.

Ligazóns

Diccionarios e bancos terminolóxicos

Diccionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

Fundraising: as falaces vantaxes do inglés

30

Hai unhas semanas no SNL recibimos unha consulta sobre o título dun curso de verán que a USC vai organizar durante o vindeiro mes de xullo: os seus organizadores denominárono “Fundraising e Marketing Social”.

Pedíasenos que valorásemos a  conveniencia de empregar o primeiro termo en textos galegos, e despois de analizar a cuestión, chegamos á conclusión de que era preferible evitalo, proposta que non convenceu aos responsables do devandito curso, como é evidente.

Co nome de fundraising ou fund-raising, coñécese en inglés a ‘actividade organizada que consiste captar ou recadar diñeiro ou productos destinados a organizacións sen ánimo de lucro ou a campañas políticas’. Tendo en conta que nos países europeos as achegas económicas de entidades privadas a organizacións políticas están moito máis restrinxidas ou incluso prohibidas, esta actividade quedou limitada ao primeiro grupo de destinatarios –as entidades sen ánimo de lucro–, como se pode comprobar nas descricións que aparecen en calquera destes artigos (1, 2, 3).

Centrándose na vertente lingüística da cuestión, parece razoable aconsellar que se evite a importación do nome inglés, e defender que se desenvolva en galego un nome propio que copie de xeito máis ou menos directo o padrón do orixinal.[1]

Nas linguas do noso contorno detéctase unha situación moi parecida: a forma inglesa ten unha presencia maioritaria, pero ten que competir con esforzos relevantes por asentar denominacións autóctonas:

Con toda esta información, aconsellámoslles aos consultantes que empregasen captación de recursos ou captación de fondos, calquera delas xa documentada en textos desta mesma universidade, co ‘éxito’ que xa vimos.

Supoñemos que detrás do rexeitamento a prescindir do inglés está a idea de que a denominación galega remite a un concepto máis xenérico, no que non figuraría a mención ao obxectivo non lucrativo da entidade que recibe os fondos. Pero o certo é que tal nivel de precisión tampouco figura no termo inglés senón que –como xa vimos– o seu alcance chega como mínimo ás doazóns a organizacións políticas.[2]

Porén, cremos que tamén ten peso unha cuestión de índole sociolóxica mencionada neste artigo da vicepresidenta da Asociación de Profesionales de Fund-raising:

Históricamente, la captación de fondos en nuestro país no ha tenido una imagen fácil ni favorable: se asocia a la caridad, se relaciona con la burguesía en su forma más paternalista y negativa, y se presenta como una instrumentalización y un justificante ideológico de los recortes del Estado de bienestar.

Se a imaxe da actividade é negativa, por que non buscar un nome que a disimule e a faga máis aceptable socialmente? E para iso, que mellor ca o inglés, que ademais comporta connotacións positivas (‘modernidade’, ‘tecnicidade’...)?

Tampouco nos parece que este argumento sirva para asumir a importación do termo inglés ao galego pois –se por razóns pragmáticas non se considerase adecuada ningunha das denominacións propostas– o lóxico é buscar unha alternativa dentro do propio galego.

Por todo o devandito, seguimos aconsellando o emprego de captación de recursos ou captación de fondos como formas de denominar esta actividade. Agardemos ter máis éxito ca ata o de agora.


[1] Este mesmo mecanismo, que en lingüística se coñece como “calco” emprégase con moita frecuencia en casos nos que –como ocorre aquí– o nome inglés é a suma de varios elementos que, se se traducen ao galego, describen axeitadamente o concepto de que se trata. Son casos semellantes a este rañaceos (EN skyscraper), fin de semana (EN week-end), autoservizo (EN self-service), balonmán (EN handball).

[2] Ademais, existen vías que permitirían mellorar a precisión designativa do concepto: desde incluír a forma inglesa ao lado –marcándoa como estranxeira, con cursiva–  (“A captación de recursos –fundraising– é….”) ata precisar máis a denominación (captación social de recursos?, captación de recursos sociais?, captación de recursos solidarios?...).

© Área de Linguaxes Especializadas do SNL da USC
© canalciencia.com

Contacte connosco