|
Hoxe
imos fixarnos en coaching,
forma que se emprega para designar un ‘método de formación e
desenvolvemento profesional no que unha persoa experta e con
preparación específica orienta e asesora a outro profesional,
normalmente un alto cargo, na toma de decisións e na análise dos
resultados, ademais de estimulalo a descubrir o seu propio
potencial’. Evidentemente, trátase dunha palabra copiada
literalmente do inglés, lingua na que se creou por derivación
partindo do verbo to
coach, equivalente do galego adestrar.
Este
anglicismo penetrou con forza en todas as outras linguas europeas,
pero en moitas delas estase comezando a discutir a súa
idoneidade, e xorden propostas que aconsellan empregar unha
palabra creada en cada unha das linguas respectivas, partindo dalgún
equivalente do coach
inglés e seguindo un procedemento de formación de palabras
semellante. Así, en francés aconséllase o uso de accompagnement
ou compagnonnage,
en castelán de entrenamiento,
e en catalán de entrenament
ou entrenament personal.
Desde
o noso punto de vista, en galego deberíase optar por unha vía
semellante, fomentando
o emprego dunha palabra galega para denominar ese concepto (adestramento
ou adestramento
personalizado serían boas opcións). Parécenos a vía máis
aconsellable porque o galego ten tendencia a evitar a importación
de anglicismos formados co sufixo -ing (equivalente aos galegos -axe
ou -mento);
pero é que ademais, aínda que esa tendencia non existise, este
termo en concreto é difícil de integrar na estrutura do galego,
especialmente deste o punto de vista da pronuncia. Porén, dicionarios moi
recentes, como o Diccionario
de pedagoxía (Xunta, 2002) optan por incluír coaching
entre a súa lista de entradas, marcándoo como anglicismo pero
sen propor ningunha outra denominación alternativa.
A reticencia ao emprego de palabras galegas adoita xustificarse co adaxio
de que adestramento ou adestramento
personalizado son moi xenéricos e non remiten ao concepto coa
precisión coa que o fai o nome inglés. Agora ben, este argumento
non ten en conta un elemento fundamental: coaching parécenos preciso en galego porque só importamos un dos varios
significados que esta forma pode ter en inglés (o que ten que
ver co ámbito da formación no ámbito empresarial). Pero
nesta lingua, esta denominación pode remitir a tantos conceptos
como pode facelo entre nós adestramento (como mínimo aos relacionados co deporte e coa educación),
polo que é o contexto o que elimina as posibles ambigüidades que
puideran aparecer.
|
En resumo,
parécenos que coaching é un anglicismo superfluo do que podemos prescindir, pois
ese concepto pode nomearse perfectamente estendendo o
significado de formas galegas como adestramento
ou adestramento
personalizado, que se veñen aplicando a conceptos
practicamente idénticos noutras áreas de especialidade,
como por exemplo o mundo dos deportes. |
A
pesar do devandito, somos conscientes de que é moi difícil que
a proposta neolóxica venza nunha disputa na que os argumentos a
favor da forma inglesa arrincan máis de razóns sociais e de
prestixio ca de razóns lingüísticas. Pero por intentalo...
|