Un idioma preciso

Un idioma preciso

Foro As súas precisións Ligazóns Índice de precisións
Un idioma preciso
 


preciso -a
. adx. 1.Exactamente determinado ou definido. 
2. Dise do que non é equívoco nin vago. 
3. Dise do que é necesario ou imprescindible.



A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindible que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por eso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Linguaxes Especializadas do Servicio de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír ós dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estable ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudio elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.

 

Foro

 
Deixe a súa opinión sobre a solución proposta no foro.

As súas precisións

 Colabore na construcción dun idioma preciso e mande os seus propios informes ou  as súas dúbidas.

Ligazóns

Diccionarios e bancos terminolóxicos

Diccionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

Se aclaramos o sangue, de que cor se torna?

35

En “precisións” anteriores (a 6, a 12...) falamos das diversas formas en que se podía manifestar a presión que o léxico dunha lingua exercía sobre o de outra.

Alí explicamos tamén qué eran os falsos amigos: parellas de palabras de dúas linguas diferentes que teñen un parecido formal (por exemplo, o inglés billion e o galego billón), razón pola cal o significado de unha delas se exporta á outra (o que nos levaría a usar billón para referirnos ao mesmo concepto ca o inglés billion), sen ter en conta que idioma receptor xa contaba cunha forma propia para referise a el (ese concepto xa se expresaba previamente en galego como mil millóns)[1].

Hoxe imos presentar o que para nós é outro exemplo de falso amigo, desta vez no ámbito da medicina. Trátase do nome empregado para designar o “proceso de eliminación dunha substancia existente no sangue cando este pasa a través dun órgano, fundamentalmente o fígado ou o ril” ou tamén a “cantidade dunha substancia que se elimina do sangue nunha unidade de tempo determinada”. Obras de consulta galegas, como o Vocabulario de ciencias naturais ou o Diccionario galego de termos médicos, aconsellan usar *aclaramento (aclaramento de creatinina, aclaramento de urea...).

Porén, aclarar e os seus derivados remiten en galego á idea de ‘poñer máis claro’, quer no sentido lumínico (“a pintura vai aclarando co tempo”), quer no de comprensibilidade (“estívome aclarando as dúbidas”), quer no de densidade (“aclarou o prebe cunha pouca auga”).[2] Isto provoca que a vinculación de aclaramento aos dous conceptos definidos no parágrafo anterior pareza un pouco forzada e lle renxa a quen lea ou escoite.

Por que se recomenda entón esa forma? A resposta está, na nosa opinión, no feito de que en inglés ese mesmo concepto se nomee como clearance. Isto favorece que á hora de buscarlle un nome galego, o primeiro que se presente como dispoñible sexa o seu paralelo formal (aclaramento). Pero a aplicación da equivalencia automática falla porque en inglés clear e os seus derivados teñen acepcións que remiten á idea de ‘limpeza’, de ‘eliminación de impurezas ou de residuos’, valores que –como antes vimos– no galego só teñen unha presenza secundaria; é a ausencia desas acepcións as que nos fan percibir como forzado o uso dea forma galega.

Pero é que, ademais, o galego conta no seu corpus léxico con formas que posúen uns trazos de significado máis semellantes aos do concepto que nos ocupa; polo tanto, se os reaproveitamos, o novo termo que se forme vaise integrar con moita máis coherencia na súa familia léxica. Pensamos fundamentalmente en depurar e a súa familia léxica, que se atopan semanticamente moito máis perto do concepto ao que lle estamos buscando nome do que o están aclarar e os seu derivados.

Tendo en conta todo o anterior, a decisión máis recomendable desde o noso punto de vista é evitar o uso de aclaramento e empregar depuración. Pero é que ademais, formas practicamente idénticas recoméndanse en portugués (depuração), en catalán (depuració), e teñen tamén unha presenza significativa en castelán (depuración e aclaramiento documéntanse un número de veces moi semellante).[3]



[1] Noutros lugares recoméndase millardo, forma desde o noso punto de vista redundante e pouco recomendable por ser claramente dependente do castelán.

[2] A única excepción ao que dicimos podería ser a acepción  que o Gran Diccionario Xerais da lingua define como “Pasar a roupa enxaboada por auga soa para quitarlle o xabón”.

[3] Pola contra, en francés aconséllase o uso de clairance, forma derivada de clair, paralela ao inglés clearance e ao galego aclaramento.

 

© Área de Linguaxes Especializadas do SNL da USC
© canalciencia.com

Contacte connosco