Un idioma preciso

Un idioma preciso

Foro As súas precisións Ligazóns Índice de precisións
Un idioma preciso
 


preciso -a
. adx. 1.Exactamente determinado ou definido. 
2. Dise do que non é equívoco nin vago. 
3. Dise do que é necesario ou imprescindible.



A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindible que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por eso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Linguaxes Especializadas do Servicio de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír ós dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estable ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudio elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.

 

Foro

 
Deixe a súa opinión sobre a solución proposta no foro.

As súas precisións

 Colabore na construcción dun idioma preciso e mande os seus propios informes ou  as súas dúbidas.

Ligazóns

Diccionarios e bancos terminolóxicos

Diccionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

38

Cleopatra entre as cobras

38

O noso “ávido lector” –segundo as súas propias palabras– Ignacio Martínez remitiunos a raíz da anterior precisión unha consulta sobre un problema que a el, con moi bo criterio, lle parecía semellante.

Trátase da utilización do substantivo cobra para designar en zooloxía, tanto ás especies pertencentes á familia Colubridae como ao xénero Naja.

Os membros da primeira (chamados cobras ou colúbridos) son réptiles escamudos da familia da suborde dos ofidios caracterizados porque teñen placas cefálicas grandes e regulares, e dentes en ambas as mandíbulas e máis no maxilar palatino.

As especies do segundo xénero, que reciben o nome de naias[1] (PT: naja; ES: naja; EN: naja; FR: naja), pertencen á familia dos elápidos, pódense atopar nas rexións cálidas de África, Asia e América e caracterízanse pola potencia do seu veleno e por poderen dilatar en forma de carapucha as costelas da parte anterior do esqueleto cando se senten ameazadas. Vid. imaxe. Ademais dese nome, que é simplemente unha adaptación gráfica da denominación taxonómica, en todas as linguas do noso contorno se fai referencia a ese xénero empregando o lusismo cobra, como podemos ver en castelán, inglés, francés ou italiano.

Curiosamente, onde ese uso está menos aconsellado é na lingua de orixe do préstamo, xa que iso provocaría a coincidencia formal que motivou a consulta do noso lector. Por ese motivo, os dicionarios portugueses recomendan empregar cobra-capelo, como nome xenérico para todas as especies de Naja, aínda que a forma cobra-naja ten na práctica unha presenza maioritaria.

No caso do galego, as fontes bibliográficas empregan cobra para ambos os conceptos: o tradicional en galego e compartido co portugués (a especie dos colúbridos) e o novo (especie do xénero Naja), coincidente co valor da palabra nas linguas do noso contorno. Só os traballos concibidos desde unha óptica reintegracionista desaconsellan esta práctica e propoñen distinguir polo seu nome estas dúas subclasificacións dos ofidios. Así por exemplo no Manual de galego científico recoméndase a seguinte nomenclatura:

  • Serpente (forma popular serpe).-  Réptil pertencente á suborde Ofidios dos Escamosos.

  • Cobra.- No nivel técnico serpente ou ofidio pertencente á familia Colubridae; no nivel non técnico, calquera ofidio ou serpente.

  • Cobra-capelo ou naja.- Cada unha das especies de serpentes moi velenosas do xénero Naja.


Na nosa opinión, para elaborar documentos científicos, sería aconsellable evitar a  coincidencia e distinguir polo nome ambos os grupos de ofidios. Para iso poderiamos conservar o valor  patrimonial de cobra e potenciar o emprego de naia ou cobra-naia para as especies do xénero Naja. En usos non técnicos, na medida en que cobra designa calquera ofidio, a posible confusión sería menos relevante.

 

O noso amigo Ignacio preguntaba tamén pola especie á que corresponde a denominación áspide, preocupado por coñecer con qué serpe se suicidou a raíña Cleopatra. Isto xa é máis complexo, pero intentaremos achegar algunha información.

Coa forma áspide[2] aludíase antigamente a calquera serpe velenosa, e actualmente designa calquera especie do xénero Cerastes –tamén chamado Aspis–. Baixando ao nivel das especies, serve para designar dúas:

  •  A Vipera aspis (EN: asp viper; ES: áspid; FR: vipère aspic; PT: áspide), unha víbora velenosa de colo estreito e cabeza triangular que pode chegar a medir uns 70 cm de longo e que se identifica polo debuxo en zigzag que presenta no seu lombo.

  • A Naja haje, (EN: Egyptian cobra, Egyptian asp; ES: cobra egipcia, áspid de Cleopatra; FR: cobra d’Egypte, aspic de Cléopâtre; PT: cobra egípcia).
    Os nomes vernáculos desta especie, tamén coñecida en galego como áspide de Cleopatra ou áspide de Exipto, derivan da tradición segundo a cal a raíña exipcia se suicidou empregando un exemplar desta especie.[
    3] Esta é unha serpe de maior tamaño (por volta duns 2 metros), que ten a cabeza pouco diferenciada do colo –se excluímos os momentos nos que dilata a carapucha, coma todas as Naja– e un lombo totalmente negro ou pardo amarelado.


Desde un punto de vista estritamente lingüístico parece preferible evitar áspide ou cobra para designar esta segunda especie –nin é un colúbrido nin pertence ao xénero Cerastes senón ao Naja– e potenciar o emprego do neoloxismo naia exipcia, aínda que tamén é verdade que incluso en portugués, a denominación cobra ten presenza para referirse a esta especie.


[1] Esta forma documéntase no Gran diccionario Xerais da lingua.

[2] Este substantivo aparece na maioría dos traballos galegos marcado como feminino –é unha excepción parcial o Diccionario das ciencias da natureza e da saúde–, pero tendo en conta que se trata dun cultismo e que en latín esta forma era feminina, probablemente deberiamos dicir ‘a áspide’, como de facto fan en portugués.

[3] Probablemente non se saberá nunca qué serpe matou a emperatriz, pero hai argumentacións a favor da Naja haje e outras que defenden que foi algunha especie de víbora do norte de África.

© Área de Linguaxes Especializadas do SNL da USC
© canalciencia.com

Contacte connosco