Un idioma preciso

Un idioma preciso

Foro As súas precisións Ligazóns Índice de precisións
Un idioma preciso
 


preciso -a
. adx. 1.Exactamente determinado ou definido. 
2. Dise do que non é equívoco nin vago. 
3. Dise do que é necesario ou imprescindible.



A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindible que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por eso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Linguaxes Especializadas do Servicio de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír ós dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estable ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudio elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.

 

Foro

 
Deixe a súa opinión sobre a solución proposta no foro.

As súas precisións

 Colabore na construcción dun idioma preciso e mande os seus propios informes ou  as súas dúbidas.

Ligazóns

Diccionarios e bancos terminolóxicos

Diccionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

40

Entre pelos, *vellos e *velos

40n 34

En precisións anteriores, como a 12 ou a 35, xa explicamos en qué consiste o fenómeno de interferencia lingüística que se coñece como “falsos amigos”, e xa indicamos tamén que con frecuencia está na orixe de problemas terminolóxicos.

 

A semellanza entre o galego vello e as formas vello e bello do castelán, é fonte de confusións frecuentes, especialmente na antroponimia e na toponimia, que fan que algúns convirtan a Galicia nun lugar de fermosura sen igual, chea de aldeas con nomes tan suxestivos como Vilabella, Agrobello, Vilarbello, Ferreirabella… (mágoa que tales sitios non existan e non sexan máis ca traducións a un castrapo ruín de topónimos reais como Vilavella, Agrovello, Vilarvello, Ferreiravella…).

Entre pelos, *vellos e *velosNa dirección contraria, tampouco é insólito atopar textos galegos nos que vello suplanta incorrectamente a peluxe para nomear o ‘pelo suave curto e fino que cobre case todo o corpo’, ou a lanuxe cando se quere aludir ao ‘pelo fino, semellante ao veludo, que cobre algunhas froitas, follas e plantas’. Evidentemente, ambos os dous usos veñen motivados polos conceptos aos que a forma vello pode referirse en castelán.

As distorsións creadas por esta parella de falsos amigos esténdense tamén á linguaxe técnica á hora de denominar ‘unha serie de diminutas prolongacións papilares de certas membranas vasculares (especialmente as que cobren o interior do intestino delgado)’. Todas as linguas do noso contorno –quitado o castelán, onde se desenvolve a forma vellosidades a partir de vello– toman como base o cultismo latino villus (PT: vilosidades, EN: villus, FR: villosité…), e esa mesma liña é a seguida nos dicionarios galegos máis modernos e de maior calidade técnica e lingüística, como o Diccionario galego de termos médicos. Neste traballo propóñense como termos galegos vilosidade, vilosidades intestinais, vilosidades sinoviais, vilosidades placentarias

Vilosidades intestinaisPero tamén podemos atopar outras denominacións nas que se detecta a confusión provocada pola parella de falsos amigos, como ocorre en velosidades intestinais [sic], mala tradución do termo castelán. Outro nome que tamén se pode documentar é pilosidades (pilosidades intestinais), no que se parte da analoxía ES: vello – GL: pelo, para elaborar a partir dela o termo técnico. Aínda que desde o punto de vista estritamente lingüístico a esta proposta non cabe facerlle ningunha obxección, presenta o inconveniente de separarse da liña seguida por todos os idiomas veciños.

Tendo en conta todo o devandito, debemos evitar as traducións automáticas dos termos casteláns polos galegos e, no caso concreto que aquí nos ocupa, cremos que se debe empregar a forma vilosidade, polas razóns antes indicadas.


 

© Área de Linguaxes Especializadas do SNL da USC
© canalciencia.com

Contacte connosco