Un idioma preciso

Un idioma preciso

Foro As súas precisións Ligazóns Índice de precisións
Un idioma preciso
 


preciso -a
. adx. 1.Exactamente determinado ou definido. 
2. Dise do que non é equívoco nin vago. 
3. Dise do que é necesario ou imprescindible.



A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindible que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por eso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Linguaxes Especializadas do Servicio de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír ós dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estable ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudio elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.

 

Foro

 
Deixe a súa opinión sobre a solución proposta no foro.

As súas precisións

 Colabore na construcción dun idioma preciso e mande os seus propios informes ou  as súas dúbidas.

Ligazóns

Diccionarios e bancos terminolóxicos

Diccionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

42

En época consumista, falemos de vendas (automáticas)

Precisón 42

Cada vez con máis frecuencia, nunha parte considerable das nosas accións de compra de mercadorías non temos en fronte unha persoa, senón unha máquina.

Pensemos senón en cómo mercamos tabaco, cafés, refrescos… cómo alugamos vídeos e DVD…

Esta forma de distribución polo miúdo, na que se lle ofrece ao consumidor un produto que se adquire nunha máquina pagando o seu importe e accionando calquera tipo de mecanismo, recibe –xa veremos se adecuadamente ou non– o nome de vending. Esta etiqueta é incluso empregada por entidades oficiais, como o Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia que, dentro dunha colección de “Guías de actividade empresarial”, deu ao prelo unha de Empresas de vending.

Máquinas de venda automática no Metro de Toquio. Orixinal en http://www.rei.org/JPN/Tokyo/Smalls/IMG_0086-drink-vending.JPGComo en moitas das “precisións” precedentes, trátase dun termo do inglés (vending ou vending-machine selling) que se exportou canda as máquinas expendedoras con case tanto éxito coma elas. Pero aínda recoñecendo que a súa presenza real na documentación técnica de todas as linguas románicas é moi grande, os dicionarios e os traballos académicos que estudan esas linguas recomendan evitar o anglicismo e optar por formas propias:

Primeira máquina de venda automática no Xapón, dedicada aos selos postais. Orixinal en http://www.isop.ucla.edu/eas/japan/2minute/1stvendingmachine.jpgÁ hora de facer unha recomendación de uso para o galego podemos desaconsellar o uso de *vending, non só baseándose no exemplo das linguas veciñas, senón tamén na tendencia que se detecta na lexicografía galega de evitar os anglicismos acabados en -ing e intentar substituílos por palabras que respecten os padróns fonéticos e morfolóxicos galegos (aconséllase usar dopaxe no canto de *doping, mercadotecnia no canto de *marketing…). Nós mesmos, en precisións anteriores, seguimos esta liña de planificación, e así defendemos o uso de diversas formas propias para substituír o inglés screening, de acoso psicolaboral no canto de mobbing, de captación de recursos en vez de fundraising, de adestramento personalizado no canto de coaching, etc.

Xa que logo, por coherencia con todo o devandito, aconsellamos o emprego de venda automática como designación galega do sector de distribución comercial que en inglés se coñece como vending.



[1] De feito, os dicionarios que recollen o termo inglés márcano cunha simboloxía especial, como ocorre aquí.


 

© Área de Linguaxes Especializadas do SNL da USC
© canalciencia.com

Contacte connosco