|
Nese
momento exemplificámolo con egresado
e con suborno de funcionario, e hoxe presentamos un caso semellante: a
parella corredor / axente.
No
ámbito do comercio, esas dúas denominacións fan referencia a
conceptos tan próximos que moitas veces se usan como sinónimos.
Talvez por iso, algúns dicionarios e vocabularios galegos
–cualitativamente relevantes– aconsellan evitar corredor
e empregar unicamente axente,
se cadra entendendo a primeira forma como castelanismo. Esta é a
recomendación que se fai, por exemplo, no Léxico
da administración castelán-galego (publicado pola Real
Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega) ou no Diccionario
do seguro (editado pola Dirección Xeral de Política Lingüistica).
Pola
contra, outros traballos, tanto especializados (Diccionario
de termos do seguro, Manual
básico de economía en galego ou Diccionario
galego de banca), como xerais (Diccionario
Cumio da lingua galega, Gran
diccionario Xerais da lingua, e-Estraviz)
si establecen distincións entre o corredor
(que non se atopa obrigado por contrato con ningunha entidade
provedora, senón que é un mediador independente entre dúas
partes) e o axente (que está vinculado a unha entidade provedora mediante
contrato, e ofrece aos seus clientes só os produtos desa
entidade).
A
partir de aquí poderiamos comezar a debater se é preciso fixar
dous conceptos para estas dúas figuras, ou se un único termo
podería servir para referirse ás dúas realidades. Pero a esa
hipotética discusión vénlle poñer fin a Administración galega
ao publicar en 2001 un decreto
polo que se regulan as competencias da Comunidade Autónoma en
materia de mediación de seguros privados. Nel establécense con
detalle as diferencias legais existentes entre a figura do axente
de seguros e do corredor
de seguros, e isto obriga de
facto a recoller
na lingua a distinción entre as devantidas figuras, con eses ou
con outros nomes.
|
Xa
que logo, tendo que distinguir entre as dúas figuras
profesionais, parece razoable aconsellar que se manteñan
as denominacións corredor
e axente cos
significados que indicamos máis arriba, tanto porque están
avalados polas fontes galegas que viñemos citando, como
porque son denominacións paralelas ás elixidas polas
linguas do noso contorno (PT: corretor
/ agente;
ES: corredor
/ agente;
EN: broker
/ agent). |
|