Un idioma preciso

Un idioma preciso

Foro As súas precisións Ligazóns Índice de precisións
Un idioma preciso
 


preciso -a
. adx. 1.Exactamente determinado ou definido. 
2. Dise do que non é equívoco nin vago. 
3. Dise do que é necesario ou imprescindible.



A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindible que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por eso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Linguaxes Especializadas do Servicio de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír ós dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estable ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudio elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.

 

Foro

 
Deixe a súa opinión sobre a solución proposta no foro.

As súas precisións

 Colabore na construcción dun idioma preciso e mande os seus propios informes ou  as súas dúbidas.
Ligazóns

Diccionarios e bancos terminolóxicos

Diccionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

Un idioma preciso, número 44.

Embarazos múltiplos: xemelgos, *mellizos, *trillizos…

Precisión 44

Hoxe imos pasear a nosa mirada sobre os termos que se empregan –e os que se deberían empregar– para referirse aos diversos tipos de embarazos en que o útero acolle máis de un embrión.

Os xemelgos de Matrix visitando Un idioma preciso.O máis xenérico de todos eles é xemelgo[1] (PT: gêmeo; ES: gemelo; EN: twin; FR: jumeau; IT: gemello), que designa a ‘calquera dos individuos que naceron nun mesmo parto’ con independencia da forma en que se desenvolveron no interior do útero.

Pero en función do modo en que se formaron e se desenvolveron, distínguense dúas clases de xemelgos:

 

1.      Os que proceden dun único óvulo fertilizado (xemelgos monocigóticos, uniovulares ou idénticos), aínda que tamén é frecuente que se aluda a eles simplemente como xemelgos.

En dicionarios galegos podemos tamén atopar outras denominacións, como xemelgos univitelinos (Diccionario de psicoloxía e educación)[2] ou xemelgos monocoriais (Diccionario galego de termos médicos), pero pensamos que o seu uso é menos aconsellable pois é posible que xemelgos monocigóticos acaben posuíndo placenta e corion independente, tal e como se indica aquí ou aquí.

2.      Os que proceden de óvulos independentes fertilizados por separado (xemelgos dicigóticos, biovulares ou fraternais, ou falsos xemelgos)

En correspondencia co caso anterior, atopamos nas mesmas fontes as propostas xemelgos bivitelinos e xemelgos bicoriais; ás que lles atopamos as pexas xa indicadas.

As linguas veciñas empregan denominacións moi semellantes, todas elas formadas a partir de cultismos grecolatinos. Así atopamos:

-       en portugués, gêmeos monozigóticos, univitelinos ou idénticos fronte a gêmeos dizigóticos ou fraternos.

-       en inglés, identical, monovular ou monozygotic twins, fronte a binovular, fraternal ou dizygotic twins.

-       en castelán, gemelos monocigóticos (ou monozigóticos), uniovulares ou univitelinos fronte a mellizos,[3] gemelos bicigóticos, biovulares ou bivitelinos.

Como vemos, a única nota discordante en toda esta serie de denominacións pona o castelán, coa forma mellizos, que tamén se documenta en galego, aínda que –tendo en conta a súa orixe castelá– sería aconsellable evitala.

Xa que logo, deberiamos preferir formas como xemelgos fraternais ou falsos xemelgos antes có castelanismo mellizos

Pero nos embarazos múltiplos non ten por que haber unicamente dous embrións, senón que se teñen documentado casos nos que o número deles pode chegar a oito ou incluso nove.

Nestes casos, as distintas linguas adoitan seguir un padrón regular á hora de darlles nome: pártese dun substantivo sobre o que se vai engadindo un prefixo que indica a cantidade de fetos presentes no embarazo. Así:

 

3 fetos

4 fetos

5 fetos

6 fetos

7 fetos

8 fetos

Portugués

trigêmeos

quadrigêmeos  quádruplos

quíntuplos

séxtuplos

séptuplos

óctuplos

Inglés

triplets

quadruplets

quintuplets

sextuplets

septuplets

octuplets

Castelán

trillizos

cuatrillizos

quintillizos

sextillizos

septillizos

octillizos

As formas usadas en galego son –como por desgraza é habitual– as do castelán (*trillizos, *cuatrillizos, *quintillizos[4]…), pero se aconsellamos evitar *mellizos, pola mesma razón deberiamos fuxir de denominacións construídas a imitación súa.

Desde o Servizo Galego de Terminoloxía (Termigal) aconsellan usar trixemelgos para nomear os embarazos nos que conviven tres embrións. Tomando como referencia a estrutura construtiva desta denominación, poderiamos propor para o galego unha secuencia como a seguinte: trixemelgos, cuadrixemelgos, quintixemelgos, sextixemelgos, septixemelgos, octoxemelgos…; aínda que sendo moi conscientes de que se trata dunha proposta neolóxica que hoxe por hoxe non vén apoiada por un uso real, polo que en función do grao de implantación que acadase podería ser revisada a medio prazo.

 


[1] Algúns dicionarios galegos mencionan tamén a existencia doutras denominacións neste idioma, como melgo (Diccionario enciclopédico gallego-castellano de E. Rodríguez e Frampas de Eligio Rivas) ou parizo (Diccionario galego-castelán de L. Carré) pero ningunha delas ten hoxe presenza relevante na lingua viva.

[2] Neste traballo detéctanse tamén incoherencias á hora de apostar por unha grafía para cigoto, e as palabras formadas a partir del: así atopamos entradas como dizigóticos / dicigóticos ou  dicigoto / dizigote / dicigote fronte a outras como monocigoto / monocigote. Desde o punto de vista normativo, recoméndase a forma con -c-, aínda que autores como Daviña Facal consideran preferible o uso de zigoto, tanto pola súa maior fidelidade etimolóxica como por ser máis harmónica coas solucións das linguas do contorno.

[3] Esta é a forma máis empregada; as outras teñen unha presencia mínima, e limitada a documentación técnica.

[4] Sorprendentemente, no Diccionario galego de termos médicos recóllense *cuadrillizo (con cuadrúpleto como sinónimo) *quintillizo e *sextillizo, pero non *mellizo nin *trillizo.

© Área de Linguaxes Especializadas do SNL da USC
© canalciencia.com

Contacte connosco