Un idioma preciso

Un idioma preciso

Foro As súas precisións Ligazóns Índice de precisións
Un idioma preciso
 


preciso -a
. adx. 1.Exactamente determinado ou definido. 
2. Dise do que non é equívoco nin vago. 
3. Dise do que é necesario ou imprescindible.



A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindible que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por eso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Linguaxes Especializadas do Servicio de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír ós dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estable ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudio elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.

 

Foro

 
Deixe a súa opinión sobre a solución proposta no foro.

As súas precisións

 Colabore na construcción dun idioma preciso e mande os seus propios informes ou  as súas dúbidas.

Ligazóns

Diccionarios e bancos terminolóxicos

Diccionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

Volvemos sobre as unidades físicas: o curie

Precisión 45

Volvemos hoxe sobre un tema que xa tratamos na Precisión que inaugurou esta sección: a forma en que se deben grafar en galego determinadas unidades físicas, e as vacilacións que ás veces se detectan nos nosos dicionarios.

Antoine Henri Becquerel (1852-1908)Actualmente, a actividade radiactiva mídese por medio do becquerel (Bq) (EN: becquerel; PT: becquerel; ES: becquerel[1]; FR: becquerel), unha unidade derivada do Sistema Internacional que é igual á actividade dunha fonte que produce unha transformación ou transición nuclear por segundo.

Pero en paralelo, o Comité Internacional de Pesos e Medidas (CIPM) autorizou o uso temporal doutra unidade para medir a mesma magnitude, aínda que aconsella non potenciar o seu emprego. Esta unidade recibe en inglés o nome de curie (Ci) na honra de Marie Curie, e é integrado sen ningunha adaptación en portugués (curie) e francés (curie). En castelán admítese o uso de curie e de curio, aínda que se considera preferible a primeira.

Marie Curie (1867-1934)En galego, a maior parte dos dicionarios e vocabularios que recollen este concepto optan por empregar a denominación curie (Vocabulario ortográfico da lingua galega, E-Estraviz, Enciclopedia galega universal, Diccionario das ciencias da natureza e a saúde…), non só por harmonización coas outras linguas e por coherencia coa tendencia perceptible nas últimas obras normativas galegas de recorrer á denominación internacional á hora de nomear as unidades físicas. É que ademais, se optásemos pola forma adaptada estariamos fomentando a confusión co elemento químico de símbolo Cm e número atómico 96, denominado en galego curio[2] (EN: curium; PT: cúrio; ES: curio; FR: curium).

Chegados aquí estarédesvos preguntando: “ben, pero que é o que cómpre precisar? U-lo problema?”. Pois habelo, haino. 

Por exemplo, dous dicionarios tan difundidos e recentes como o Gran diccionario Xerais e o Diccionario galego de termos médicos dan unha definición de curio que remite claramente á unidade física e non ao elemento químico. E no segundo deles –revisado lingüisticamente polo Seminario de Lexicografía da RAG– a confusión é aínda máis evidente, pois ao lado de curio aparecen entradas como curiegrama, curie-hora, curiepuntura ou curieterapia.

Concluíndo, cremos que o nome galego máis adecuado para a unidade física é curie, e que curio debe reservarse para o elemento químico, aínda que traballos avalados polo “selo” normativo apunten en dirección contraria. Neste caso concreto, ser respectuosos coa proposta “revisada” pola RAG implica contradicir a tendencia apuntada tanto no Diccionario da Real Academia coma no Vocabulario ortográfico da lingua galega, e ignorar a promoción de solucións harmónicas coas linguas do noso contorno.



[1] Aínda que é frecuente atopar textos nos que se recolle a forma becquerelio, as edicións máis recentes do Diccionario de la Real Academia, xa non recollen esta forma.

[2] Pódese ver un amplo artigo sobre a historia e as razóns da nomenclatura química neste traballo (páx. 91-114) publicado na Revista galega do ensino.

© Área de Linguaxes Especializadas do SNL da USC
© canalciencia.com

Contacte connosco