Un idioma preciso

Un idioma preciso

Foro As súas precisións Ligazóns Índice de precisións
Un idioma preciso
 


preciso -a
. adx. 1.Exactamente determinado ou definido. 
2. Dise do que non é equívoco nin vago. 
3. Dise do que é necesario ou imprescindible.



A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindible que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por eso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Linguaxes Especializadas do Servicio de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír ós dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estable ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudio elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.

 

Foro

 
Deixe a súa opinión sobre a solución proposta no foro.

As súas precisións

 Colabore na construcción dun idioma preciso e mande os seus propios informes ou  as súas dúbidas.

Ligazóns

Diccionarios e bancos terminolóxicos

Diccionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

46

EPOpeas deportivas

46

No mundo do deporte hai xa ben anos que o dito “o que importa non é gañar, senón competir”, que lle apoñen ao barón de Coubertain, non vale nin para os partidos de solteiros contra casados.

A cantidade de intereses económicos, políticos, persoais... que se moven arredor do deporte fixo que sexan moitos os que –se poden– apañan unha axudiña extra para chegar “máis rápido, máis alto, máis forte”.

A dopaxe era unha práctica de longa tradición histórica, pero foi especialmente a partir dos Xogos Olímpicos de Seul, cando o problema adquiriu relevancia mediática. Desde aquela os medios de comunicación comezaron a falar de produtos de nomes crípticos para o profano (somatotropina; esteroides; niquetamida…) que alteraban de formas diversas o rendemento natural dos atletas. Un dos máis famosos é a EPO, unha proteína formada no fígado e no ril, que posúe acción hormonal estimulante do proceso de produción de glóbulos vermellos, pero que se pode administrar como substancia dopante.

Aquí non imos falar dela polas súas “virtudes”, senón porque algúns dicionarios galegos (como o Diccionario galego de termos médicos ou  o Diccionario castellano-catalán-euskera-gallego de bioquímica clínica) refírense a ela cun nome que non nos parece aconsellable: *eritropoietina

Esta forma –da que EPO é unha variante abreviada–, constrúese a partir de *eritropoiese[1], en paralelo ao inglés (erythopoietin < erythropoiesis), o castelán (eritropoyetina < eritropoyesis) ou o francés (érythropoïétine < érythropoïèse)[2]. Pero recorrer en galego a *eritropoiese, e a partir de aí construír *eritropoietina, entra en contradición co feito de que os termos compostos da área da bioloxía que inclúen ese valor de ‘formación de’ tenden a empregar -poese e non -*poiese.

Así, atopamos hematopoese (no Vocabulario ortográfico da lingua galega), biopoese (no Gran diccionario Xerais da lingua), ou citopoese, colepoese, galactopoese, granulocitopoese, leucocitopoese, linfocitopoese, mielopoese, trombopoese, etc. no propio Diccionario galego de termos médicos.

 

Xa que logo, para intentar manter a coherencia interna do sistema compositivo do galego, debemos preferir eritropoese. E tomando esta forma como base, o nome que se debe aconsellar para a proteína só pode ser eritropoetina.

 



[1] Con este nome designan os dicionarios arriba mencionados o ‘proceso de produción de glóbulos vermellos –tamén chamados eritrocitos–’.

[2] En portugués altérnase entre as formas eritropoetina / eritropoietina e eritropoese / eritropoiese, aínda que algúns autores aconsellan empregar as formas con -i-.

© Área de Linguaxes Especializadas do SNL da USC
© canalciencia.com

Contacte connosco