Unha
crítica que con frecuencia reciben os dicionarios é a de que
neles acóllese e reprodúcese unha visión discriminatoria e
cargada de prexuízos contra determinados grupos sociais (minorías
étnicas, determinadas opcións políticas, mulleres…).
Os seus autores adoitan defenderse alegando que o labor dun lexicógrafo
non é valorar a ‘corrección’ ou ‘incorrección’ social
dun determinado uso lingüístico, senón simplemente determinar e
rexistrar o significado que unha sociedade concreta lle dá a unha
palabra nun momento determinado.
Esta
suposta asepsia esquece –na nosa opinión– que os dicionarios
nunca van ser produtos neutros desde o punto
de vista ideolóxico. Desde o momento en que se asume que é
imposible recoller “toda a lingua”, hai que asumir igualmente
que a selección de palabras e a redacción de definicións vana
facer persoas que non poden liberarse da súa visión do mundo.
Pero
ademais, os dicionarios son tamén produtos sociais e, como tales,
interactúan coa sociedade que os manexa, contribuíndo a asentar
ou a superar esa visión prexuizosa. E isto é así por moito que
na súa elaboración se conciban como traballos descritivos, xa
que dunha forma ou doutra son sempre recibidos polos usuarios como
obras que fixan un certo “canon” de lingua (o que aparece nos
dicionarios percíbese como ‘máis correcto’ có que non
aparece).
Por
todo o anterior, parece que sería aconsellable combinar o enfoque
puramente descritivo coa presenza de notas valorativas que
permitisen –sen omitir a descrición de palabras e de
significados vivos na lingua– introducir xuízos sobre a
conveniencia de recorrer a eles en determinadas situacións
comunicativas ou niveis lingüísticos.
Todo
este longo preámbulo vén ao caso porque hoxe queremos amosar cómo
se definen nalgúns dicionarios galegos algúns termos
relacionados co ámbito das deficiencias físicas ou psíquicas e
coas discapacidades que estas poden provocar.
Os
nomes para referirse a elas ou ás persoas que as padecen son múltiples
nas diversas linguas, pero moitos deles teñen ou adquiriron
connotacións negativas (subnormal,
deficiente, mongólico, inútil, inválido…),
o que provocou que pouco a pouco fosen desaparecendo da comunicación
técnica e incluso do rexistro estándar da lingua para deixar o
seu sito a outras máis neutras (deficiencia, discapacidade, minusvalía…).
Porén,
moitos dicionarios galegos (incluso algúns especializados)
recollen e definen da mesma forma termos con valores connotativos
totalmente distintos, sen informar a quen consulta de que algúns
deles son percibidos hoxe como termos inapropiados para os
contextos cultos. Sen ningún afán de ser exhaustivos, imos ver
algúns exemplos,
tirados de fontes que nos parecen especialmente relevantes, ben
pola súa difusión, ben pola autoridade lingüística ou técnica
dos seus autores ou editores.
No Diccionario
da Real Academia Galega recóllense e defínense formas
como deficiente,
inútil,
inválido,
minusválido,
mongoloide,
mongolismo
ou subnormal,
sen ningunha anotación que informe de cáles son adecuadas en
contextos formais e cáles non o son.
No Gran
diccionario Xerais da lingua a listaxe é máis longa, como
corresponde ao maior número de entradas deste traballo, pero iso
non alterou a forma de definilas nin a información que se dá
sobre o seu uso, como podemos ver en deficiente,
discapacitado, diminuído,
inútil, inválido, minusválido,
mongoloide…
Esta
mesma carencia pode detectarse tamén en diccionarios técnicos, o
que aínda é máis sorprendente xa que o seu obxecto de estudo é
a comunicación especializada. Así por exemplo, no Diccionario
galego de termos médicos
non se definen termos que unicamente se
presentan na lingua formal, discapacidade
ou discapacitado, pero si subnormal
(descrito como o ‘que ten unha idade mental inferior á que lle
corresponde pola súa idade cronolóxica’ e sen ningunha outra
indicación). Ou trátase mongolismo
e síndrome de Down como se fosen sinónimos perfectos –e polo tanto
intercambiables na mesma frase– na entrada mongólico.
No Diccionario
de psicoloxía e educación atopamos tamén un tratamento
semellante, como podemos comprobar en entradas como como mongolismo,
mongoloide,
subnormalidade,
invalidez,
inválido…).
|
Despois
de todo o visto, sería necesario que os dicionarios en
xeral, e os técnicos en particular, completasen as súas
definicións con comentarios que nos informasen sobre o
nivel de lingua en que poden ser utilizados determinados
termos.
Mentres iso non ocorra, como
usuarios da lingua debemos ser moi utilizar con cautela as
fontes lexicográficas, e intentar evitar na documentación
especializada ou simplemente en contextos formais o uso de
termos que, polas súas connotacións, van resultar
inadecuados para os potenciais receptores da mensaxe. |
|