Un idioma preciso

Un idioma preciso

Foro As súas precisións Ligazóns Índice de precisións
Un idioma preciso
 


preciso -a
. adx. 1.Exactamente determinado ou definido. 
2. Dise do que non é equívoco nin vago. 
3. Dise do que é necesario ou imprescindible.



A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindible que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por eso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Linguaxes Especializadas do Servicio de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír ós dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estable ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudio elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.

 

Foro

 
Deixe a súa opinión sobre a solución proposta no foro.

As súas precisións

 Colabore na construcción dun idioma preciso e mande os seus propios informes ou  as súas dúbidas.

Ligazóns

Diccionarios e bancos terminolóxicos

Diccionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

Precisión número 48

No país dos monos, ouvear coma todos

48

Dentro dos primates, a familia dos cébidos (Cebidae) é unha das específicas do continente americano. Un dos seus subgrupos máis “curiosos”–polo menos para os que aprendemos zooloxía vendo os documentais de despois do xantar– é o formado polas especies do xénero Alouatta.

Mono ouveador de México ou saraguato. Orixinal en http://www.naturalia.org.mx/especiesrestringidas.htmlO seu trazo anatómico máis característico é o de posuír un óso hioide moi desenvolvido, que lles serve de caixa de resonancia para amplificar os sons que emiten, que chegan a escoitarse a máis de 5 km de distancia. (Vid. imaxes e máis información sobre as características destes animais.) Esta particularidade explica por qué son coñecidos como aullador ou mono aullador en castelán, howler en inglés e hurleur en francés.

Pero estes non son os únicos nomes polos que son coñecidos, xa que en inglés, francés e catalán documentamos tamén denominacións baseadas na denominación taxonómica (alouatte, alouate e aluata, respectivamente); e en castelán e portugués teñen unha alta presenza préstamos das linguas amerindias, como coto ou araguato na primeira, e bugio ou guariba na segunda.[1]

Alouatta seniculus. Orixinal en http://www.inrp.fr/Acces/Biogeo/evolut/primates/alse.htm
Como é doado de adiviñar, as mencións que podemos atopar en galego sobre este xénero de primates son escasas. En fontes lexicográficas só o documentamos no Diccionario das ciencias da natureza e da saúde, onde se propoñen para eles os nomes mono ouveador[2] e coto.

 

 

Desde o noso punto de vista, se houbera razóns para potenciar en galego algunha das denominacións orixinais americanas destas especies, sería mellor recorrer ás que nos chegan a través do portugués antes ca ás que recibimos vía castelán (aínda sendo conscientes de que estas non son propiamente castelanismos), sobre todo cando –como é o caso– estas últimas non teñen ningunha tradición entre nós.

Por iso, o noso consello sería empregar mono ouveador (se se quere reducido contextualmente como ouveador) ou guariba, para referirse ás diversas especies deste xénero.



[1] En realidade, no portugués do Brasil só se empregan nomes amerindios –estes maioritariamente, pero tamén algúns outros–; no portugués europeo estas formas conviven con macaco uivador.

[2] Para unha das especies máis estendidas (Alouatta seniculus) proponse como nome galego ouveador vermello. Pero, despois de ver imaxes do seu aspecto preguntámonos se non lle acaería mellor o nome de ouveador roxo, tendo en conta o tipo de cor ao que en galego se alude con ese adxectivo. De feito, desde o SNL aconsellamos esta segunda denominación.

 

© Área de Linguaxes Especializadas do SNL da USC
© canalciencia.com

Contacte connosco