Un idioma preciso

Un idioma preciso

Foro As súas precisións Ligazóns Índice de precisións
Un idioma preciso
 


preciso -a
. adx. 1.Exactamente determinado ou definido. 
2. Dise do que non é equívoco nin vago. 
3. Dise do que é necesario ou imprescindible.



A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindible que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por eso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Linguaxes Especializadas do Servicio de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír ós dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estable ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudio elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.

 

Foro

 
Deixe a súa opinión sobre a solución proposta no foro.

As súas precisións

 Colabore na construcción dun idioma preciso e mande os seus propios informes ou  as súas dúbidas.

Ligazóns

Diccionarios e bancos terminolóxicos

Diccionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

49

Habemus Papam

49

Sen dúbida ningunha, se algunha linguaxe de especialidade adquiriu notoriedade nestas últimas semanas, foi a “terminoloxía papal” –por chamala dalgún xeito. Arrastrados tamén pola corrente vaticanista que percorre o mundo, imos dedicar esta “precisión” a algúns termos que poden ser conflitivos ou provocar dúbidas.

A Capela SixtinaO primeiro deles é o conclave. A pronuncia esdrúxula (*cónclave) que aparece nalgunhas fontes galegas, é exclusiva do castelán  e do inglés (conclave).  O portugués (conclave) e o galego optan por respectar a pronuncia grave, máis fiel á forma latina (conclāve) da que procede este termo. Tamén se fala moito estes días dos novendiales ou novemdiales (o período de nove días nos que celebra unha misa funeraria diaria e outros ritos). Preferimos esta forma e non *novendiais, porque cremos que se trata dun estranxeirismo culto (do latín novendiālis) que non ten por qué formar o plural seguindo as pautas das palabras patrimoniais galegas. Esta mesma tendencia percíbese tamén en portugués, onde se emprega novendiales ou novemdiales e non *novendiais.

Dúas figuras relevantes en todo este ritual son o camarlengo (cardeal que preside a Cámara Apostólica e que exerce como xefe do Estado vaticano desde o falecemento do papa e ata que se elixe o seguinte)[1], e o protodiácono (cardeal encargado de comunicarlles aos fieis o nome da persoa que o conclave elixiu como papa).

Todos fóra. Peche das portas da Capela Sixtina o 18 de abril de 2005.O primeiro dos cargos (chamado camarlengo en castelán, camerlengo en portugués e camerlingo ou camerlengo en inglés) tamén podería designarse entre nós como camerlengo, tal como se propón no e-Estraviz, xa que se trata dun italianismo (camerlengo), que pola súa vez procede do xermánico kamarling.

En relación co protodiácono (en castelán protodiácono, en portugués protodiácono e en inglés protodeacon) pode haber quen se sorprenda de non atopar un hipotético *protodiago, formado en paralelo a arcediago (o eclesiástico que está á fronte do cabido dunha catedral).[2] Tal cousa non ocorreu porque os dous termos entraron nas linguas occidentais de forma moi diferente:

·      A segunda xa formaba parte dos diferentes sistemas lingüísticos desde a época medieval, polo que evolucionou como o resto das palabras patrimoniais, dando como resultados arcediago en portugués, arcediano en castelán ou archdeacon en inglés.

·      Pola contra, a primeira entrou como forma culta en épocas moito máis recentes, polo que xa non se viu afectada polos procesos evolutivos que afectaron á outra: velaí a razón da súa diferenza formal a pesar da orixe común.


[1] Este concepto defínese de xeito moi impreciso no Gran diccionario Xerais da lingua, que indica unicamente que é un ‘título honorífico dos cardeais da corte pontificia’, ao revés do que fai o E-Estraviz, que ofrece unha definición moi semellante á que nós indicamos arriba.

[2] As orixes etimolóxicas son semellantes: no primeiro caso, do grego protodiákonos a través do latín protodiaconus; e no segundo, do grego arkhidiákonos, a través do latín archidiaconus.

© Área de Linguaxes Especializadas do SNL da USC
© canalciencia.com

Contacte connosco