Un
problema bastante frecuente á hora de elaborar textos
científicos é que os diccionarios de lingua común
ofrecen definicións e sinonimias que poden ser
axustadas para usos non especializados, pero que non son
aplicables nos niveis técnicos da lingua.
En
galego, un caso paradigmático do que dicimos é o
tratamento que distintas fontes dan ó concepto que en
portugués e castelán se denomina musgo , e que
fai referencia a "calquera
especie de plantas briófitas integradas no grupo das
Briópsidas, caracterizadas por posuír un aparello
vexetativo diferenciado en falso talo e falsas follas
que non teñen a estructura propia destes órganos nas
cormófitas". (Vid. unha explicación máis detallada aquí.)
Desde
finais dos anos 80 os traballos lexicográficos galegos
desanconsellaban ou uso da denominación musgo, e
propuñan no seu lugar alternativas; así, o Vocabulario
ortográfico da lingua galega aconsellaba mofo,
no Diccionario Xerais Castelán-Galego
dábanse como posibilidades brión, carriza
e incluso lique. Outras veces, o termo non se
desaconsellaba explicitamente, pero simplemente non
aparecía recollido no diccionario, como ocorre no Diccionario
Xerais da lingua galega, no Diccionario da Real
Academia Galega , ou no Diccionario Obradoiro da
lingua galega , por citar algúns exemplos.
Esta
proposta de uso foise estendendo tamén a diccionario e
vocabularios técnicos como o Léxico
de xeografía, e tamén a diccionarios moito máis
recentes como o Gran Diccionario Xerais da lingua
galega , onde brión,
carriza ou mofo
se ofrecen como alternativas para musgo.
Desde
o noso punto de vista, estas alternativas poden ser
adecuadas nos niveis non especializados da lingua, pero
en ámbitos técnicos e científicos introducen un grao
de ambigüidade que cómpre evitar, ben porque provocan
confusións con respecto a conceptos que pertencen a
outros grupos taxonómicos (mofo ou lique),
ben porque intentan reutilizar como nome común do grupo
denominacións que só se aplican espontaneamente a
algunha das especiese que o forman (carriza).
O
intento de empregar mofo despraza o problema cara
ó concepto que poderiamos definir como "nome
común que designa a diversas especies de fungos
ascomicetos, filamentosos, que se desenvolven sobre
materia orgánica en descomposición, como por exemplo o
de cor branca que se forma sobre o pan ou o productor de
penicilina" e que é denominado mofo en portugués, moho en
castelán e mould en inglés, por poñer
tres exemplos. A ambigüidade que se derivaría de
empregar tamén mofo neste caso intenta evitarse
en moitas fontes propondo o uso de balor, sen ter
en conta que esta denominación designa só o micelio
dese tipo de fungos pero non a especie no seu conxunto (vid.
exemplos).
De
maneira análoga, intentar empregar lique como
equivalente do castelán musgo trasladaría
o problema á denominación da "asociación
simbiótica entre un fungo e unha alga na que se perden
as características particulares de cada unha das
especies",
que recibe actualmente ese nome, como podemos comprobar aquí.
A
outra vía intentada para evitar o uso de musgo
consistiu en intentar estender o uso de denominacións
que na lingua común serven para designar aquelas
variedades máis facilmente identificables polos
profanos. Esto foi o que ocorreu con carriza, que
por exemplo no Diccionario da Real Academia Galega
aparece definido como "vexetación
de ata uns cinco centímetros de altura, que cobre como
unha capa os lugares nos que hai humidade, en particular
as pedras e as cascas das árbores".
Este
intento de ampliar o alcance conceptual da denominación
choca coa posible ambigüidade que provocaría a
posibilidade de entendela en sentido xenérico ou
restrinxido, se temos en conta que diccionarios
especializados galegos como o Diccionario das
ciencias da natureza e da saúde definen carriza
como "nome
que se dá ós musgos corticícolas e a algúns liques,
así mesmo corticícolas".
Na
nosa opinión, a solución a este confuso panorama ten
que basearse na separación clara entre o que é
aceptable na lingua común e o que pode selo na lingua
especializada. É posible entender que no primeiro dos
ámbitos formas como mofo, lique ou
incluso carriza poidan designar convenientemente
o concepto que nos ocupa; pero en niveis técnicos, ese
uso comportaría unha serie de problemas que anulan a
validez das propostas.
Probablemente
por eso, o xa citado Diccionario das ciencias da
natureza e da saúde, propón as denominacións
musgo (avalada polo seu uso en portugués -musgo
-, en castelán -musgo -, en inglés -moss
-, en francés -mousse - e en alemán -Moos
-) ou brión, que define como "cultismo
para designar calquera musgo",
ambas as dúas apoiadas por unha presencia abondosa na
documentación técnica (vid. exemplos para musgo
e para brión).
|
En
resumo, cremos que en textos científicos musgo
non debe ser considerada como unha forma que
cumpra evitar, por estar presente en todas as
linguas veciñas. Se pola razón que sexa se
prefire empregar unha denominación alternativa, nós
recomendariamos recorrer a brión, xa que
non crea ningunha das ambigüidades que si
aparecen ó intentar empregar as outras formas
citadas.
|