Un idioma preciso

Un idioma preciso

Foro As súas precisións Ligazóns Índice de precisións
Un idioma preciso
 


preciso -a
. adx. 1.Exactamente determinado ou definido. 
2. Dise do que non é equívoco nin vago. 
3. Dise do que é necesario ou imprescindible.



A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindible que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por eso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Linguaxes Especializadas do Servicio de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír ós dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estable ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudio elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.

 

Foro

 
Deixe a súa opinión sobre a solución proposta no foro.

As súas precisións

 Colabore na construcción dun idioma preciso e mande os seus propios informes ou  as súas dúbidas.

Ligazóns

Diccionarios e bancos terminolóxicos

Diccionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

50

As linguas non son sistemas paralelos: unha proba arredor do “chumbo”

50

Por raro que pareza, aínda hai moita xente que pensa que as distintas linguas son sistemas paralelos que encaixan perfectamente, e que polo tanto se nun caso concreto unha palabra X ten como equivalente noutro idioma a palabra Y, esta equivalencia debe funcionar sempre que no primeiro idioma se empregue X.

O mineral galena, sulfuro de chumbo.  Partindo de reflexións coma estas, atopamos xente que “fai os seus piñeiriños en…” (se ao castelán pino lle corresponde o galego piñeiro, ao castelán pinitos…); e facíanse brincadeiras sobre a suposta incapacidade do galego para as matemáticas con argumentos como “…e como lle van chamar ao tres ao cubo? Tres ao caldeiro?”

  Evidentemente, os que nos ledes non precisades que vos aclaremos que a realidade é moito máis complexa e que as relacións entre as linguas son outra cousa. Simplemente, imos ver un exemplo práctico partindo dunha serie de conceptos que o castelán designa con formas da familia léxica de plomo, elemento químico, coñecido en galego co nome de chumbo (en portugués chumbo e en inglés lead).

  Coa visión simplista que describiamos máis arriba, todas eses conceptos poderían nomearse en galego tomando chumbo como base. Isto implica dar por suposto que o galego non crea denominacións por si propio senón que se limita a “traducir” as formas previamente elaboradas en castelán. O que ocorre en realidade é o seguinte:

·      Nalgúns casos (fundamentalmente cando o significado de ‘chumbo’ segue estando presente), tanto castelán como galego nomearon novos conceptos partindo do nome que cada lingua lle dá ao elemento químico.

É o que ocorre cos termos chumbada e chumbar [1], aos que corresponderían plomada e emplomar en castelán. Xa que logo, debemos evitar tanto estas últimas formas como as versións pseudogalegas (*promada e *empromar).

·      Cando a idea de ‘chumbo’ xa non é claramente perceptible nos novos conceptos, é máis probable que as dúas linguas non coincidan á hora de elixir unha palabra para nomealos.

Así, termos do castelán como desplomar ou aplomo son tamén desaconsellados entre nós (vid. por exemplo o Diccionario Xerais castelán-galego) xa que formas propias como derrubar, esboroar ou esborrallar –para o primeiro caso– e serenidade, tino ou seguridade –para o segundo– remiten aos mesmos conceptos.

·      Noutros casos, o significado que está presente en castelán non é xa o do substantivo plomo senón probablemennte o da locución a plomo [2], pois en todos os casos está presente un certo matiz de ‘verticalidade’.

a)      Por exemplo, para darlle nome á acción de ‘Comprobar, valéndose dunha chumbada a verticalidade dunha parede ou doutra estructura aparentemente vertical’ en castelán empregan aplomar, pero os significados recollidos para o suposto equivalente galego (achumbar) nos dicionarios normativos non remiten á idea de ‘verticalidade’ senón á de ‘inclinación’. [3]

Talvez por iso, traballos como o Gran diccionario Xerais ou o Léxico de urbanismo, construcción e arquitectura, propoñen o emprego de apromar, para darlle nome a ese concepto, en paralelo ao portugués aprumar, e ao inglés to plumb.

b)      Tampouco parece que se deba usar unha palabra derivada de chumbo para darlle nome ao ‘conxunto de liñas verticais e imaxinarias que indican a dirección que deben seguir os membros dun cuadrúpedo para que o seu corpo estea sustentado da forma máis sólida e á vez máis favorable para moverse’, por moito que en castelán se fale de aplomos.

   Se temos en conta que en portugués se emprega aprumos e en francés aplombs, parece razoable propor en galego a forma apromos, derivada do apromar que vimos no exemplo anterior.

 

Creo que con toda esta serie de exemplos ilustramos ben o tipo de relacións que se establece entre o léxico de dúas linguas diferentes. Nunca pode darse por boa a tradución automática desde unha ata a outra[4], senón que hai que entender que cada idioma é un sistema independente, e que é desde esa independencia desde a que se bota man dos préstamos doutras linguas para bautizar novos conceptos ou renomear aqueles que posuísen unha denominación inadecuada.

 


[1] O Gran diccionario Xerais da lingua defíneo como “1. Acción de cubrir, asegurar ou soldar unha cousa con chumbo. 2. Poñerlle a algo o selo de chumbo. 3.…”

[2] No Diccionario Cumio de expresións e frases feitas: castelán-galego, danse como expresións galegas equivalentes ao castelán caer a plomo, caer de chope ou caer en peso.

[3] Por iso, temos que considerar como mínimo confusa e ambigua a proposta que a RAG fai a través do Vocabulario ortográfico da lingua galega, cando propón evitar *apromar e substituílo por achumbar sen facer indicación ningunha sobre a qué concepto se refire.

[4] ¿Alguén entendería que lle chamásemos en castelán *pollo del bosque ao urogallo argumentando que como en galego se chama pita do monte

© Área de Linguaxes Especializadas do SNL da USC
© canalciencia.com

Contacte connosco