Un idioma preciso

Un idioma preciso

Foro As súas precisións Ligazóns Índice de precisións
Un idioma preciso
 


preciso -a
. adx. 1.Exactamente determinado ou definido. 
2. Dise do que non é equívoco nin vago. 
3. Dise do que é necesario ou imprescindible.



A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindible que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por eso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Linguaxes Especializadas do Servicio de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír ós dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estable ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudio elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.

 

Foro

 
Deixe a súa opinión sobre a solución proposta no foro.

As súas precisións

 Colabore na construcción dun idioma preciso e mande os seus propios informes ou  as súas dúbidas.

Ligazóns

Diccionarios e bancos terminolóxicos

Diccionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

52

O planeta quenta ou quece?

52

Unha das particularidades do galego que lles ofrece dificultades aos falantes de castelán é o uso adecuado dos verbos quentar e quecer e das formas que deles se derivan.

Compostela_asulagadaPara nós é doado entender que unha fonte de calor –o lume, por exemplo– “quenta” unha cousa –un recipiente con auga–, e como consecuencia esta “quece”[1]. Pola contra, en castelán, para estas dúas vertentes do mesmo proceso úsase unicamente o verbo calentar, nun caso con valor transitivo (“el fuego calienta el agua”), ben con valor pronominal (“el agua se calienta”).

Sobre os dous verbos galegos antes citados fórmanse os derivados requentar (‘Volver quentar unha cousa’) e requecer (‘Volver quecer algunha cousa’), que engaden unicamente o matiz de reiteración con respecto ao significado dos verbos base.[2]

Partindo destas premisa, sorprende que no ámbito da ecoloxía se fale do requentamento (global, do planeta, da atmosfera…) para referirse ao ‘proceso de aumento da temperatura da terra debido fundamentalmente á acumulación de dióxido de carbono na atmosfera, producido polo home’. Esta sorpresa fundaméntase en dúas razóns:

  1. Se partimos da idea de que requentamento significa, en xeral, a ‘acción de volver quentar algo que xa estivo quente anteriormente’ non parece que ese matiz de reiteración acaia ben coa definición que acabamos de dar no parágrafo anterior.

  2. Pero amais, segundo esa mesma definición, parece que o verbo que lle correspondería sería quecer e non quentar, xa que o aspecto significativo é a subida de temperatura que sofre a superficie terrestre, e non o axente ou o conxunto de actividades que provocan esa subida.

A suma de ambas as dúas razóns lévanos a concluír que quecemento (global, do planeta, da atmosfera…), é a forma máis acaída desde o punto de vista lingüístico para designar ese concepto, opinión defendida tamén polos autores do Léxico do medio. Unha razón suplementaria que apoiaría esta elección é o feito de que permite manter a  harmonía co portugués (aquecimento global) e co inglés (global warming).

Pola contra, formas como quentamento ou requentamento parecen ser traducións literais dos termos do castelán (calentamiento e recalentamiento, respectivamente).


[1] Tamén temos a posibilidade de expresalo co mesmo verbo quentar en forma pronominal (“a auga quéntase”).

[2] Un proceso paralelo dáse en castelán, que constrúe os verbos recalentar e recalentarse.

© Área de Linguaxes Especializadas do SNL da USC
© canalciencia.com

Contacte connosco