Un idioma preciso

Un idioma preciso

Foro As súas precisións Ligazóns Índice de precisións
Un idioma preciso
 


preciso -a
. adx. 1.Exactamente determinado ou definido. 
2. Dise do que non é equívoco nin vago. 
3. Dise do que é necesario ou imprescindible.



A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindible que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por eso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Linguaxes Especializadas do Servicio de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír ós dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estable ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudio elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.

 

Foro

 
Deixe a súa opinión sobre a solución proposta no foro.

As súas precisións

 Colabore na construcción dun idioma preciso e mande os seus propios informes ou  as súas dúbidas.

Ligazóns

Diccionarios e bancos terminolóxicos

Diccionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

53

Goteiros

53

A cuestión que hoxe imos tratar pode interesarlles a profesionais de áreas tan diferentes como a medicina, a xardinaría, a enfermaría ou a agricultura.

De feito, non falaremos dun só termo senón de varios, aínda que todos eles compartan unha mesma denominación: a de goteiro (despois discutiremos se nos parece adecuada ou non).

Gotexador. Orixinal en http://www.ashland-city.k12.oh.us/ahs/classes/hort/2004/nov17/emitter.jpgO significado común a todos eses termos é o de ‘dispositivo que permite dosificar gota a gota un fluído’, pero un enxeñeiro ou un xardineiro concretaría máis esa definición dicindo que é “cada un dos elementos dun sistema de irrigación empregados para administrar gota a gota a auga da rega” (vid. ilustración). Pola contra, unha persoa vinculada coas ciencias da saúde describiría un aparello diferente “empregado para administrar as perfusións, que consta dun tubo conectado por un extremo á bolsa na que se atopa o líquido, e polo outro ao punto de entrada da perfusión (case sempre unha vea); no medio del conta cun pequeno dispositivo que permite facer visible a caída gota a gota da perfusión, así como regular a velocidade coa que esta flúe” (vid. ilustración).

Tendo en conta a semellanza na función, as linguas do noso contorno empregan para as dúas realidades denominacións idénticas ou con variantes mínimas:

·      En español, úsase gotero, tanto para o termo de agricultura como para o de ciencias da saúde.

·      En inglés, emprégase dripper ou drip emitter para o primeiro uso, e drip (ou máis coloquialmente IV) para o segundo.

·      En portugués, a forma elixida, tanto para o termo agrícola como o médico é gotejador.

Gotexador. Orixinal en http://www.opolanco.es/Apat/Boletin9/u2gt.jpgXa que logo, non nos parece sorprendente que tamén o galego designe os dous conceptos coa mesma palabra; o que si nos chama máis a atención é que tanto o Gran diccionario Xerais da lingua como o Diccionario galego de termos médicos propoñan o emprego de goteiro.

E dicimos que nos chama a atención, porque o sufixo -eiro non ten entre os seus significados principais o de ‘axente dunha acción’, e cando o posúe forma sempre substantivos a partir de verbos (corredeira, abrideira, agarradeira, regadeira…), non partindo doutros substantivos, como en goteiro (creado sobre gota). Para outorgar ese valor de ‘axente dunha acción’ son moito máis produtivos outros sufixos, como -doiro (asucadoiro, batedoiro, rascadoiro…), -dor (coador, abridor, espertador…) ou -nte (absorbente, calmante, disolvente…), entre outros.

Por ese motivo, non nos parece que goteiro sexa unha forma aconsellable en galego –aínda a pesar de figurar recollida en fontes tan difundidas e autorizadas como as que citamos máis arriba–, xa que forza os procedementos habituais de creación de palabras en galego. Na nosa opinión sería preferible crear un substantivo partindo do verbo gotear ou gotexar,[1] e usando algúns dos sufixos máis produtivos (goteadoiro / gotexadoiro, goteador / gotexador, goteante / gotexante…). De entre todas estas, poderiamos priorizar o uso de gotexador, tendo en conta a forma empregada en portugués.

 


[1] Nunha liña máis “enxebrista” poderiamos partir do verbo pingar, o que nos levaría a substantivos como pingadoiro ou pingador


© Área de Linguaxes Especializadas do SNL da USC
© canalciencia.com

Contacte connosco