|
En
galego, unha grella
(PT: grelha;
ES: parrilla;
EN: grill)
é un “obxecto formado por unha serie de barras de ferro
paralelas nas que se pon carne ou peixe para asar sobre as
brasas”. Esta denominación é a que se propón no Diccionario
Xerais castelán-galego e no Gran
diccionario Xerais da lingua para evitar o uso de barbacoa,
forma cuxo uso se desaconsella, supoñemos que por
consideralo un castelanismo.
Na
nosa opinión, esta proposta presenta problemas. Se unha barbacoa
(PT: barbecue;
ES: barbacoa;
EN: barbecue)
se pode describir como un “obxecto de cociña, que pode
ser fixo ou portátil e que consta como mínimo dun lar
sobre o que se fan as brasas e dunha grella, que se emprega
para asar alimentos, normalmente ao ar libre” parece que
usar grella para
referirse ao obxecto completo e a unha das partes que o
compoñen, pode provocar confusións.
Xa
que logo, parécenos preferible manter barbacoa
como denominación deste segundo concepto.
O feito de que se trate dun castelanismo –en realidade,
dun americanismo
procedente do taíno–
non nos parece razón abonda para proscribilo, cando todas
as linguas do noso contorno o adoptaron sen problema ningún,
quer directamente do castelán, quer a través da adaptación
gráfica que realizou o inglés.
O
que xa non nos parece xustificable é o emprego de barbacoa
para referirse ao “conxunto de alimentos que nela se
preparan” (en exemplos como ‘Imos facer unha barbacoa á
praia’). E non nolo parece porque o galego grellada
designa a mesma realidade.
|
En
resumo:
-
Cremos
que os dous obxectos de que estamos a falar
deben recibir denominacións distintas.
-
A
nosa proposta sería usar grella
para a ‘estrutura metálica formada por barras
que se coloca sobre o lume para asar
alimentos’ e barbacoa
para o ‘obxecto que está formado –como mínimo–
por unha grella e mais un lar’. De todos os
xeitos, tamén se podería empregar asador
para referirse a este segundo obxecto.
-
Que consideremos que barbacoa
pode ser unha palabra adecuada en galego, non
quere dicir que deba ter os mesmos significados
que ten en castelán; por iso, debemos evitar o
seu uso co valor de grellada.
|
1
Mirado desde un punto de vista comercial os problemas
aumentarían porque grellas
e barbacoas
son obxectos totalmente diferentes en canto a prezos,
características, etc. Por iso sería preciso que fosen
identificados por denominacións tamén distintas.
2
Esta mesma decisión é a que adoptou o autor da Guía
da alimentación, (Xunta de Galicia, 1995). Outro camiño
posible para darlles dous nomes distintos a ambos os
conceptos é a que se propón no Dicionario
visual da construción, no que se se propón o uso de
grella ou asador para o que nós propomos chamar barbacoa.
|