Área de Terminoloxía 
Servizo de Normalización Lingüística
USC

Foro

Ligazóns

Índice de precisións

Un idioma preciso

 

preciso -a. adx. 
1.Exactamente determinado ou definido. 
2. Dise do que non é equívoco nin vago. 
3. Dise do que é necesario ou imprescindíbel.

 
A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindíbel que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por iso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír aos dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estábel ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudo elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.
 
Ligazóns

Dicionarios e bancos terminolóxicos

Dicionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

 
 
Castelanismos travestidos: a “arpilleira”
56

Taboíñas, libras e tabletas


Xa levamos dedicadas algunhas precisións a comentar casos nos que os dicionarios de lingua ofrecen propostas de uso que poden ser aceptables na lingua común, pero que non son acaídas para contextos especializados.

Precisión número 56. Imaxe orixinal en http://salvia.blogs.sapo.pt/arquivo/COMPRIMIDO.jpgXa levamos dedicadas algunhas precisións a comentar casos nos que os dicionarios de lingua ofrecen propostas de uso que poden ser aceptables na lingua común, pero que non son acaídas para contextos especializados. Vímolo cando falamos dos musgos ou de desbrozar, e agora volvemos atopar unha situación semellante falando das tabletas.

Esta denominación é tratada por algúns dicionarios (o Xerais galego-castelán e castelán-galego e o Gran Xerais, por poñer dous exemplos) como unha forma que se debe evitar –supoñemos que por que a consideran un castelanismo– e propoñen para iso tres alternativas en función dos diferentes conceptos a que pode aludir:

  1. taboíña, para referirse a unha ‘táboa pequena’

  2. libra, para referirse a ‘peza de chocolate ou turrón que se comercializa como unha unidade independente’.[1]

  3. pastilla (tamén comprimido e pílula no Gran Xerais) cando designa unha das formas en que se pode presentar un medicamento para facilitar a súa administración.

Pola contra, o Diccionario galego de termos médicos, si considera que tableta é unha denominación adecuada en galego para designar un ‘preparado farmacéutico sólido que se obtén por compresión dunha substancia medicinal pulverizada ou granulada, pura ou mesturada cun excipiente’. Segundo esa mesma fonte, formas como comprimido, pastilla ou trocisco fan referencia ao mesmo concepto.[2]

Esta postura menos purista parece razoable, xa que, con este significado, tableta é un galicismo (tablette) que se emprega en castelán (tableta), en inglés (tablet) e en portugués –polo menos no Brasil– (tablete).

É ben máis discutible a opción de tratar nun dicionario técnico as formas comprimido, tableta e pastilla como se fosen sinónimas[3], xa que se trata de formas farmacéuticas distintas, así recoñecidas no sistema sanitario español, como podemos ver neste documento do Insalud (vid. en concreto as páx. 58 e 59).

  • O comprimido é unha forma farmacéutica sólida de administración oral que se obtén por compresións de porcións sensiblemente iguais en peso de substancias activas medicamentosas en po ou granuladas, puras ou co engadido de excipientes inertes.

  • A tableta é unha forma farmacéutica sólida de administración oral, de forma cilíndrica ou prismática, de fractura granulos e aproximadamente 1 g de peso que se obtén por conglutinación en frío.

  • A pastilla é unha forma farmacéutica sólida de administración oral, actualmente en desuso, de forma variada e fractura lisa, que se obtén por conglutinación en quente.

En resumo, cremos que tableta debe considerarse unha denominación aceptable en galego só para referirse a un tipo de forma farmacéutica (non para substituír a taboíña nin a libra). Amais, comprimido e pastilla poden funcionar como sinónimos dela só en contextos non especializados, posto que en ámbitos técnicos eses tres nomes designan formas farmacéuticas distintas.


[1] Na súa orixe este nome aplicábaselle a unha medida de peso equivalente aproximadamente a medio quilo. De aí pasou a referirse ás unidades de comercialización de determinados produtos que tiñan ese peso, e finalmente, o nome estendeuse á unidade en si mesma, independentemente do seu peso.

[2] Aínda que –curiosamente– en cada unha desas entradas tableta non se cita como sinónimo.

[3] Outra cousa sería indicar que na linguaxe cotiá esas tres denominacións alternan indistintamente para referirse a calquera tipo de forma farmacéutica sólida.


© Área de Terminoloxía, SNL, USC
© canalciencia.com

Contacte connosco