Área de Terminoloxía 
Servizo de Normalización Lingüística
USC

Foro

Ligazóns

Índice de precisións

Un idioma preciso

 

preciso -a. adx. 
1.Exactamente determinado ou definido. 
2. Dise do que non é equívoco nin vago. 
3. Dise do que é necesario ou imprescindíbel.

 
A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindíbel que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por iso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír aos dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estábel ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudo elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.
 
Ligazóns

Dicionarios e bancos terminolóxicos

Dicionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

 
 
Castelanismos travestidos: a “arpilleira”

Coas plantas no chan: os *replanteos


Un dos primeiros labores que hai que realizar no terreo en que se quere erguer unha construción é marcar a escala real no chan o lugar exacto que van ocupar os alicerces.

Setting out. Orixinal en http://www.legend.org.uk/~acovell/the_pits/the_pits_images/other_donated/stubbin_setting_out.jpgEsta acción, que se coñece como implantação en portugués, replanteo en castelán e setting out en inglés, recibe en galego varios nomes, polos que imos facer un repaso valorativo nas liñas seguintes.

Posiblemente o máis frecuente sexa *replanteo, que –para sorpresa nosa– pode recollerse en múltiples ocasións en documentación oficial, tanto nas versións galegas dos BOE, como nos DOG, ou noutra documentación. E subliñamos a sorpresa porque resulta insólito que se considere adecuado o emprego de *replantear e *replanteo cando derivan dunha forma (*plantear) que vén sendo desaconsellada explícita ou implícitamente polos dicionarios galegos desde comezos dos anos 90.[1]

Noutras fontes evítase conscientemente botar man do verbo *plantear, e empréganse formas como planeamento (Base de datos da construcción de Galicia) ou replaneamento (Cadernos de documentación municipal). Estas forman non presentan ningún problema desde o punto de vista lingüístico, pero non podemos dicir o mesmo se as miramos desde o lado técnico xa que provocarían confusións entre dúas actividades distintas. A denominación planeamento (PT: planejamento; ES: planeamiento; EN: planning) designa tamén un ‘proceso de ordenación dunha realidade social, económica ou territorial, que se plasma na elaboración e aplicación dunha serie de plans’ e ten un uso especial no ámbito do urbanismo e a construción, no que eses plans reciben o nome de instrumentos de planeamento.

Unha terceira vía denominativa é a seguida polo Léxico da administración, ao propor trazado de planta. Con ela, apostou por unha proposta neolóxica que busca describir de forma clara o concepto ao que alude, aínda ao custo aumentar o seu tamaño. Porén, a pesar de evitar os problemas que presentaban todos os nomes mencionados nos parágrafos anteriores, a súa presenza no uso real é anecdótica.

 

De todas as denominacións vistas ata o de agora, parece evidente que se debe aconsellar o emprego de trazado de planta –ou do seu sinónimo traza de planta– xa que é coherente con outras decisións recollidas nos traballos lexicográficos galegos (o que non lle ocorría a *replanteo) e evita as posibles ambigüidades con outros termos da súa mesma área de especialidade (problema no que caían *planeamento e *replaneamento).


[1]  Non só se desconsella a forma do castelán, senón tamén os castelanismos agalegados *plantexar e *prantexar. No Diccionario de dúbidas da lingua galega explícase esta condena por tratarse dunha forma exclusiva do catalán e do castelán sen paralelo en ningunha das linguas próximas.


© Área de Terminoloxía, SNL, USC
© canalciencia.com

Contacte connosco