Área de Terminoloxía 
Servizo de Normalización Lingüística
USC

Foro

Ligazóns

Índice de precisións

Un idioma preciso

 

preciso -a. adx. 
1.Exactamente determinado ou definido. 
2. Dise do que non é equívoco nin vago. 
3. Dise do que é necesario ou imprescindíbel.

 
A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindíbel que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por iso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír aos dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estábel ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudo elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.
 
Ligazóns

Dicionarios e bancos terminolóxicos

Dicionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

 
 
Castelanismos travestidos: a “arpilleira”

Volvemos á medicación: as *graxeas


Tócanos falar outra vez de formas farmacéuticas, un tema ao que xa dedicamos a Precisión 56.

En concreto gustaríanos reflexionar sobre o nome máis acaído para designar en galego a ‘preparación farmacéutica na que o principio activo, despois de ser comprimido, é recuberto cunha capa de sacarosa para darlle un sabor agradable’.

A forma máis espallada na documentación real é *graxea, a pesar de que todos os dicionarios que analizan este concepto son unánimes á hora de desaconsellala, ao tratarse dun castelanismo. En efecto, esta é unha simple adaptación gráfica do castelán gragea, que vén sendo, pola súa parte, un préstamo deformado[1] do francés dragée. As outras linguas do noso contorno recorren tamén a galicismos, pero moito máis fieis ao orixinal: dragee en inglés[2], e drageia [no portugués europeo] ou drágea [no portugués do Brasil].

O acordo existente entre os dicionarios e vocabularios galegos á hora de destacar a inconveniencia de usar *graxea desaparece cando se trata de propor unha denominación alternativa[3]:

  • No “Vocabulario médico” incluído dentro do Vocabulario do medio físico, recóllense como equivalentes galegos [páx. 162] confeito e pílula azucrada. Pero, se temos en conta que confeito descríbese nos dicionarios de lingua como un termo da área da gastronomía, a denominación máis axeitada parece ser a segunda.

  • No Gran diccionario Xerais da lingua, a denominación proposta é pastilla. Pero a definición que se dá nesta entrada (‘porción pequena de pasta medicinal que se administra por vía oral; comprimido’) non describe o concepto do que estamos a tratar, senón un moito máis xenérico.

  • No Wikcionario aconséllase recorrer a comprimido, o que nos enfronta a unha situación semellante á anterior, na que o suposto equivalente designa unha realidade máis xenérica cá que buscamos.

Xa que logo, de limitármonos ás propostas dos dicionarios, cremos que pílula azucrada é a única que podería ser recomendada. Pero se estendemos a nosa busca a outro tipo de fontes documentais, atopamos textos legais galegos nos que se bota man da forma draxea. Esta denominación parécenos a máis acaída porque evita calquera posibilidade de confusión con outras formas farmacéuticas, evita o castelanismo gráfico e é harmónica coas solucións empregadas polas linguas do noso contorno, en especial o portugués.

A nosa recomendación sería, pois, empregar draxea para designar a ‘preparación farmacéutica na que o principio activo, despois de ser comprimido, é recuberto cunha capa de sacarosa para darlle un sabor agradable’


[1] O mecanismo que explica esta deformación indícase na entrada “equivalencia” deste Diccionario de términos filológicos.

[2] Nesta lingua tamén se emprega sugar-coated tablet ou sugar-coated pill.

[3] Tamén nos resulta sorprendente que dicionarios especializados nesta área das ciencias da saúde –como o Diccionario galego de termos médicos– non se pronuncien en absoluto sobre esta cuestión, evitando recoller o concepto entre as entradas que estudan e describen..

 

© Área de Terminoloxía, SNL, USC
© canalciencia.com

Contacte connosco