Dentro do ámbito da medicina a palabra stress
comezou a empregarse nos países de fala inglesa durante
a década de 1930 para designar unha serie de cambios
que un axente externo provoca sobre o equilibrio previo
existente no organismo e que o obrigan a readaptarse
para poder reaccionar fronte a el. (Vid. esta
páxina ou estoutra
para unha explicación máis detallada.).
Nembargantes, non
foi ata finais do século XX que acaba de rematar que o
termo se fixo popular entre a poboación sen coñecementos
médicos. A modo de exemplo, unha busca no Corpus
de referencia do galego actual amósanos como as
primeiras mencións do termo datan de comezos dos 80
(coa forma stress) e de mediados dos 90 (coa
forma estrés ).
O termo inglés
formouse reaproveitando unha palabra xa existente nesa
lingua e que remite ó mesmo significado có galego tensión
;
pero a súa entrada nos idiomas veciños foi tan rápida
e intensa que estes optaron por aceptar a forma inglesa
en lugar de intentar poñer en práctica un proceso de
denominación paralelo e atribuírlle un novo
significado a formas como "tensão" (portugués), "tensión"
(español), "tensión" (francés) ou "tensione"
(italiano), por poñer algúns exemplos.
Por ese motivo, ese conxunto de manifestacións psicosomáticas
reciben o nome de estresse
ou stress
en portugués, estrés
ou stress
en español, stress
en francés, stress
en italiano, e estrès
en catalán.
Por todo o que
acabamos de dicir sorprende que un bo número de
diccionarios e vocabularios técnicos galegos
desaconsellen o emprego da palabra inglesa, tanto na súa
forma orixinal stress ) como adaptada
graficamente ó galego (estrés), e que propoñan
tensión como denominación para ese concepto.
Algúns como o Vocabulario ortográfico da lingua
galega ou o Gran diccionario Xerais da lingua
manteñen esa posición de forma explícita, mentres que
outros como o Diccionario
Cumio da lingua galega, ou o Diccionario
da Real Academia Galega apoian un tratamento
semellante de forma máis indirecta: non fan ningunha
referencia ás denominacións inglesas e recollen
debaixo da entrada tensión o significado
correspondente ó concepto que nos ocupa:
tensión
(...) 6.
Situación anímica de excitación, esforzo ou exaltación a
causa de determinadas circunstancias ou actividades,
como son a espera, a creatividade, ou por causa dunha
emoción forte. (Diccionario Cumio da lingua galega
).
tensión
(...) 4.
Estado de angustia, nervios, etc. do que está esperando algo
ou nunha situación que o propicia. (Diccionario da
Real Academia Galega )
Nesta mesma liña,
é especialmente significativo o caso do Diccionario
galego de termos médicos, publicado pola Xunta de
Galicia no pasado 2002, que non recolle stress
nin estrés como entradas, pero tampouco inclúe
dentro de tensión, ningunha acepción que
describa o tipo de reaccións físicas de que vimos
falando.
En sentido
oposto a todos estes traballos, outros diccionarios e
vocabularios optaron por propor a inclusión do
anglicismo (adaptado na forma estrés). O máis
antigo de todos eles é o Vocabulario do medio físico
(Santiago, Xunta de Galicia, 1988), pero tamén podemos
ver a mesma posición no Diccionario
de dúbidas da lingua galega (Vigo, Galaxia,
1991)
ou no Léxico de métodos de investigación e diagnóstico
en educación (Santiago, Universidade de Santiago,
2002).
Desde o noso
punto de vista, a resistencia purista a aceptar a forma
inglesa é hoxe unha batalla perdida, como o demostra a
frecuencia con que estrés
ou stress
aparecen en páxinas web escritas en galego, presencia
que se ve incrementada polo feito de que as linguas do
noso contorno asumisen de facto o anglicismo. Por outra
parte, este préstamo pode adaptarse sen maiores
problemas á estructura do galego, de modo análogo a
como se fixo con estándar (inglés, standard )
ou escáner (inglés, scanner ) por poñer
dous exemplos. Pero é que ademais, se non o aceptamos e
empregamos tensión, corremos o perigo de afectar
a precisión que se require na comunicación científica,
xa que con este nome desígnase tamén a ‘presión que
o sangue exerce sobre as paredes arteriais dun animal ou
dunha persoa’, o que nos enfrontaría a enunciados
ambiguos como por exemplo "Sufriu un desmaio por causa
da tensión e tivo que ser hospitalizado."
|
En
resumo, non parece que haxa razóns suficientes
para desaconsellar o uso de estrés dentro
da área da medicina, unha forma tan integrada na
fala que ata desenvolveu formas derivadas (estresar,
estresante...), que encaixa perfectamente
dentro das pautas fónicas e ortográficas do
galego, que é empregada por todas as linguas do
noso contorno e que evita a ambigüidade que se
podería producir se empregasemos tensión
para denominar este concepto.
|