|
Pasoume
con calidade
(especialmente con cultura
da calidade), con emprendemento
e emprendedores
e ultimamente coa trazabilidade.
Este
termo, que parecería aludir á ‘capacidade que un
obxecto ten de ser trazado’ ou algo así, en realidade
emprégase para designar a ‘posibilidade de atopar e
seguir o rastro, a través de todas as etapas de produción,
transformación e distribución, dun alimento, un penso,
un animal destinado á produción de alimentos ou unha
substancia destinados a ser incorporados en alimentos ou
pensos ou con probabilidade de selo’.
A
pregunta que apetece facer a continuación é “E que ten
que ver isto con trazar
para chamarlle trazabilidade?
A dúbida comeza a aclararse cando sabemos que esta
palabra é un calco do inglés traceability,
que se fundamenta nunha suposta equivalencia entre
to trace e trazar.
En realidade, o significado de to
trace que se reutiliza aquí, exprésano en galego
formas como rastrear
ou rastrexar.
Atopámonos,
xa que logo, diante doutro exemplo de “falso amigo”
que se engade a sensible,
a aclaramento
e a algúns máis que fomos comentando en distintas precisións.
Desde o punto de vista lingüístico, en casos coma este débese
desaconsellar o uso da forma calcada e potenciar o emprego
doutra que non cree esas distorsións entre o significado
de palabras da mesma familia léxica, como por exemplo o rastrexabilidade
que se recomenda desde o Servizo Galego de Terminoloxía
(Termigal).
Esta forma describe moito mellor o concepto, non altera de
forma retroactiva o significado de trazar
en galego, e amais é paralela á denominación empregada
en portugués (rastreabilidade).
Outras
linguas do noso contorno asumen o calco do inglés, como
por exemplo o francés (traçabilité),
o catalán (traçabilitat)
ou o castelán (trazabilidad),
aínda que neste último idioma –especialmente nas súas
variantes americanas– tamén se emprega moito a forma rastreabilidad,
máis respectuosa co espírito da lingua.
|
En
resumo, pensamos que rastrexabilidade ou rastreabilidade
son as formas máis adecuadas para referirse en
galego ao concepto no que hoxe nos centramos, a
pesar de que trazabilidade
ten un grao de presenza na documentación real
(intensificada ademais polo feito de ser a forma
maioritaria en castelán) que vai facer difícil a
súa substitución total, polo menos a curto
prazo.
Pero… non ha ser por non intentalo! |
|