|
En
concreto, queriamos centrarnos no ‘músculo situado na
rexión anterior da coxa constituído por catro porcións:
recto anterior ou femoral, vasto interno, vasto externo e
vasto intermedio, distintas na súa orixe e reunidas na
parte inferior nun tendón único inserido na base e nos
bordos da rótula e na tuberosidade anterior da tibia’.
Seguro que todo queda moito máis claro ao indicar que nos
referimos ao cuadríceps.
Pero
seguro tamén que esa forma co -í- tónico –documentada no Vocabulario
ortográfico da lingua galega– sorprende a
moitos, especialmente se comprobamos que no Diccionario
galego de termos médicos só se recolle a forma *cuádriceps que, como explicaremos a continuación, é mellor
evitar.
A
razón que xustifica que apostemos por cuadríceps é a defensa do mantemento da regularidade na formación
de compostos cultos. En galego, cando cuadri-
entra a formar parte dun destes como primeiro elemento
case nunca conserva a tonicidade principal do conxunto (cuadrilátero,
cuadrienio, cuadrimestre, cuadrimembre,
cuadrinomio...);
nos poucos casos en que si a posúe, a vogal tónica é o
-i- (cuadrífido,
cuadríscele, cuadríceps…) pero nunca o -a-.
Esta
mesma regularidade podemos atopala tamén en portugués (cuadríceps),
mentres que o castelán (cuádriceps)
e o inglés (quadriceps)
converten o –a- na vogal tónica da palabra.
Pero
amais, o uso da forma co -i-
tónico regulariza o esquema acentual doutras series nas
que o termo con cuadri-
ocupa o seu lugar canda outros prefixos latinos ou gregos
que indican números, como por exemplo:
-
a que designa unha serie de músculos en función do seu número
de cabezas:
uníceps,
bíceps,
tríceps
ou cuadríceps.
-
a que en
bioloxía cualifica algunha estrutura en función do número
de partes en que aparece gallada: bífida, trífida, cuadrífida…
-
a que en
arqueoloxía clasifica en función do seu número de aspas
un motivo decorativo formado por unha serie de aspas
curvadas radiais inscritas nunha circunferencia: tríscele,
cuadríscele…
Nun
dos parágrafos anteriores usamos como exemplo a forma uníceps
(‘referido ao músculo que ten unha soa orixe ou
unha soa cabeza’). Fixemos iso –a pesar de que o Diccionario
galego de termos médicos aconselle o uso de *úniceps–
manexando os mesmos argumentos que xustifican o emprego de
cuadríceps. Nos poucos casos en que este elemento é tónico cando
forma parte de compostos cultos (uníparo,
unísono, unívoco…) a tonicidade recae sobre o -i- e non sobre o -u-.
|
En
resumo, en galego os nomes dos músculos que teñen
–ceps
como segundo elemento formativo son graves (uníceps,
bíceps,
tríceps, cuadríceps) e
non esdrúxulos (*úniceps,
*cuádriceps). |
|