Área de Terminoloxía 
Servizo de Normalización Lingüística
USC

Foro

Ligazóns

Índice de precisións

Un idioma preciso

 

preciso -a. adx. 
1.Exactamente determinado ou definido. 
2. Dise do que non é equívoco nin vago. 
3. Dise do que é necesario ou imprescindíbel.

 
A linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindíbel que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela.

Por iso, desde esta sección de canalciencia.com, coordinada pola Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC, intentaremos contribuír aos dous tipos de "precisións", presentando para o debate propostas de denominación de termos galegos que aínda non acadaron unha forma estábel ou que se empregan de forma inadecuada. 

Cada número parte dun pequeno estudo elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade, e se propoñen nomes galegos para eles. Partindo dese traballo, convidamos a todas as persoas interesadas a opinar sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas, e a presentar e defender as súas propias alternativas no foro de debate creado para tal fin.
 
Ligazóns

Dicionarios e bancos terminolóxicos

Dicionarios e vocabularios galegos

 Outros

Máis ligazóns

 
 
Castelanismos travestidos: a “arpilleira”

Próteses dentarias e fonéticas

Nunha rolda sobre terminoloxía galega que xestiona o Consello da Cultura Galega discutíase hai uns días sobre cál debía ser a forma máis adecuada en galego para o adxectivo derivado de prótese.

 

Prótese. Orixinal en http://www.grupoodonto.com/zimmer/protesis_austin_moore.jpgEste substantivo –para o que tamén se recolle unha variante próstese– emprégase fundamentalmente para designar dous conceptos técnicos:[1]

1.      Na área de ciencias da saúde refírese a ‘calquera peza auto, homo, hetero ou aloplástica, así como calquera aparato usado como substituto dun órgano ou parte del’.

2.      No ámbito da fonética alude ao ‘proceso de adición dun son non etimolóxico ao comezo da palabra’.

Á hora de determinar o adxectivo correspondente é posible atopar traballos galegos nos que se propón protésico (como o Diccionario galego de termos médicos), case sempre en relación co concepto de ciencias da saúde, e outros nos que se propón protético –ou prostético– (como o Gran dicionario Cumio da lingua galega, ou o Vocabulario ortográfico da lingua galega). Desde o noso punto de vista, a forma elixida debería ser esta última, xa que:

·      Cando en galego se forman adxectivos a partir de compostos cultos nos que -tese é o segundo elemento, a forma resultante é sempre -tético, como podemos ver coas parellas antítese > antitético; diátese > diatético; epéntese > epentético; hipótese > hipotético; paréntese > parentético; síntese > sintético...

·      As linguas do noso contorno recorren maioritariamente a unha forma paralela ao noso protético (PT: protético; EN: prosthetic; FR: prothétique; CT: protètic).

Todo o que dixemos ata o de agora debe aplicarse unicamente aos usos de protético como adxectivo, é dicir a exemplos como “…o protocolo cirúrxico-protético…” ou “…a aparición dun -e- protético…”. O que xa non parece tan evidente é que ese adxectivo deba adquirir un valor de substantivo para designar ao ‘profesional que fai próteses’, tal e como ocorre en castelán (protésico). E non o parece porque esa escolla marca un camiño oposto ao seguido polo portugués (protesista), o inglés (prosthetist), o francés (prothésiste) ou o italiano (protesista).

Tendo en conta o anterior, parece razoable buscar a harmonización con esas solucións e potenciar en galego o uso de protesista para designar ese profesional. Neste caso, o mantemento do -s- de prótese non debe provocarnos dúbida ninguna, pois tamén se detecta en casos paralelos como bolsa > bolsista; clase > clasista; congreso > congresista; progreso > progresista; prosa > prosista

 

Como conclusión de todo o sinalado, desde o noso punto de vista deberíase evitar o emprego de *protésico como adxectivo derivado de prótese, recorrendo no seu lugar a protético. Para designar o profesional que realiza as próteses, a palabra máis adecuada parécenos protesista, aínda que tamén cabería empregar protético, xa que non está desaconsellada explicitamente en ningunha fonte autorizada.


[1] Nun nivel moito máis especializado, unha prótese pode ser tamén a ‘ábsida lateral das basílicas cristianas primitivas, destinado a oficiar nela a primeira parte da misa’.


© Área de Terminoloxía, SNL, USC
© canalciencia.com

Contacte connosco